Capturando a verdade: a fotografía de Ruth Matilda Anderson e Anna Turbau

Claudia Varela Lourido

Ruth Matilda Anderson e Anna Turbau crearon unha ponte entre a fotografía e a realidade. Grazas ao seu traballo, hoxe podemos fiar un relato que vai máis alá das versións oficiais. Estas profesionais, malia non seren coetáneas, comparten un horizonte común: a terra galega. Son a expresión da voz colectiva dunha Galiza decidida a avanzar. Ambas retrataron a parte máis íntima e singular dun pobo profundamente marcado polo traballo.

Ruth Matilda Anderson en Ourense. Fotografía: HSA

Ruth Matilda Anderson, orixinaria de Nebraska, chegou a Galiza no ano 1924, acompañada do seu pai, tamén fotógrafo. Xuntos percorreron moitos puntos da nosa xeografía, interesándose, sobre todo, na idiosincrasia galega. Anderson pertencía a The Hispanic Society of America (en diante, HSA), unha institución dedicada á preservación do patrimonio artístico e cultural de España, Portugal, Latinoamérica e as Filipinas. Fundada por Archer Milton Hungtington en 1904, nesta institución só colaboraban mulleres, polo seu maior compromiso laboral.

Ironicamente, o traballo da meirande parte destas fotógrafas foi esquecido durante máis dun século. Non obstante, cómpre formular a seguinte cuestión: por que foi o territorio galego un foco de interese para a HSA?

As indicacións que se lle deron a Anderson foron moi claras: a súa expedición consistiría en reflectir a auténtica realidade galega antes de que os incesantes progresos tecnolóxicos acabasen por modificar os costumes da Galiza afastada dos núcleos urbanos.

Ruth Matilda Anderson era moi minuciosa co seu traballo, e antes de chegar a Galiza levou a cabo un exhaustivo proceso de documentación. Un requirimento da HSA para as traballadoras era o coñecemento do castelán. Anderson foi máis lonxe e aprendeu galego. A Galiza silenciada de comezos do século XX viviu un rexurdimento interno motivado enormemente polo traballo de Anderson. A norteamericana pasou de ser unha testemuña do devir da nación galega a converterse nunha pioneira da transmisión cultural da Galiza de comezos do século pasado.

A ollada de Ruth Matilda Anderson pousouse habitualmente nas mulleres e nos nenos do rural galego. Grazas á súa empatía e habilidades comunicativas, Anderson conseguiu cruzar os limiares de moitos fogares e deu a coñecer a realidade das familias galegas. Estas conversas, sumadas á profunda investigación que Anderson levou a cabo, derivaron na publicación en 1939 do libro Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña.

O impacto deste volume foi case nulo na intelectualidade galega da época, maioritariamente masculina. Cabe resaltar que, se ben a obra —tanto literaria coma fotográfica— de Anderson non tivo a acollida pertinente, conseguiu recompilar e traducir voces femininas como as de Emilia Pardo Bazán ou Rosalía de Castro, que reclamaron sempre un trato xusto para Galiza e para as mulleres galegas. A creación de Ruth Matilda Anderson, polo tanto, non amosa un relato distorsionado da realidade galega, senón que visibiliza como aquelas «viúvas dos vivos e dos mortos» tiveron que saír adiante soas.

Se a obra de Ruth Matilda Anderson contribúe a complementar a visión global da Galiza de comezos do século XX, a fotografía de Anna Turbau consegue contextualizar a fin dunha ditadura que converteu Galiza nunha foto en branco e negro.

Anna Turbau. Fotografía: PSV

A catalá Anna Turbau comezou a desenvolver o seu labor fotográfico nos anos 70. No ano 1975 fai unha viaxe por Galiza e descobre un territorio en permanente loito. A súa mirada pousouse nas mulleres galegas, sempre de negro e con expresión triste. Pero esas mulleres tamén foron as que defenderon os seus fogares, as que loitaron polos seus fillos e as que pelexaron por un futuro mellor.

Anna Turbau, nunha entrevista realizada por Jennifer Novoa, expresaba o seguinte:

Yo vivía en la ciudad de Barcelona, que era territorio progresista, por decirlo así. Cuando me fui a Galicia me encontré a la mujer en estado medieval, sola, sacando como podía a sus hijos. Con una energía vital y una clarividencia política brutal. Por ejemplo, en el caso de las mariscadoras, ¡todo se lo habían currado ellas! En Cataluña estos colectivos eran más elitistas, con mujeres que ya habían pasado por la universidad. Las cosas eran diferentes, tenían más medios. Cataluña y Galicia eran mundos completamente diferentes.

Isaac Díaz Pardo reflexionaba para o documental La mirada de Anna acerca da situación en Galiza coas seguintes palabras:

Indubidablemente o franquismo non podía considerar a Galicia máis que un elemento folclórico. Non tiña outra posibilidade, porque negaba as súas reivindicacións autonómicas, as súas reivindicacións de pobo.

Nunha Galiza marcada polas protestas en contra da construción da AP-9 e polas mobilizacións en favor do Estatuto de Autonomía, Anna Turbau introduciuse de cheo nos movementos sociais do momento. O relato oficial presentaba a imaxe dunha Galiza tranquila e pacífica, pero Anna Turbau soubo contemplar, a través da súa cámara, as realidades internas que moitas veces non se ven a simple vista. De feito, nas protestas, contrariamente ao habitual, posicionábase coas multitudes, non coas forzas policiais, para facer súa a loita e capturar a outra cara da moeda.

O psiquiátrico de Conxo foi o punto de inflexión na carreira fotográfica de Anna Turbau. No ano 1976, Turbau instalouse en Santiago de Compostela, e grazas a un coñecido conseguiu acceder á institución. O panorama era desolador. Mulleres e homes vagando por corredores escuros, cunha expresión baleira. Fiestras semiabertas que deixaban entrever as historias que alí se agochaban. E unha nena, duns 12 anos, cunha boneca. Anna Turbau capturou varios instantes da vida daquela nena, que supuxo un antes e un despois no desenvolvemento do seu traballo. Cun intercambio de miradas, Anna Turbau soubo todo o sufrimento da nena, María, cuxo lugar nunca estivo no psiquiátrico de Conxo.

Mulleres e unha nena no psiquiátrico de Conxo. Fotografía: RTVE

Con estas fotografías, Anna Turbau converteuse, dalgún xeito, na voz de moitas persoas que non tiveron a oportunidade de falar. E iso mesmo conseguiu Ruth Matilda Anderson. Grazas ao traballo de ambas, escasamente recoñecido, hoxe podemos fraguarnos unha visión da Galiza do século XX. Unha Galiza sustentada polas mulleres, polo campo e polo traballo. Ambas retrataron un pobo en branco e negro, mais debemos lembrar que aquelas fotografías esquecidas son o reflexo do noso pasado máis recente.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *