Asociación de Veciños da Obra

A historia de Sada non se podería entender sen a presenza, ao longo do tempo, de moi diferentes asociacións que intentaron conseguir as súas finalidades partindo dunha premisa inicial irrenunciábel: a unión da veciñanza. Nuns tempos en que talvez un dos fenómenos sociolóxicos máis relevantes sexa o culto -ás veces inconsciente- á individualidade e, por que non o dicir, ao egoísmo, o nacemento dunha asociación, sexa do signo que for, semella sempre constituír unha boa nova.

Fotografía: AA. VV. Da Obra

A Asociación de Veciños da Obra nace no verán de 2023 nunha reunión inicial celebrada nos locais da Sociedad e na que se perfilaron as liñas de actuación que, aos poucos, con dificultades mais con determinación, se intentarían levar a cabo a partir dese momento. Consciente de que non existe ningunha organización semellante na vila de Sada, Antonio Fraga González decide reunir un primeiro equipo de traballo no que se marcarán as pautas da organización, cuxa finalidade é procurar melloras tanxíbeis en todo o espazo do tradicionalmente chamado Barrio da Ponte. Nesta xuntanza, así pois, tocáronse os seguintes puntos, entendidos como necesidades irrenunciábeis:

− Rexeneración do Barrio da Ponte, entendida como mellora dos servizos esenciais de limpeza e salubridade, impulso dun comercio aberto que vaia máis aló da hostalería, recuperación de zonas verdes, limitación razoábel do tránsito rodado, mellora da estética e funcionalidade dos espazos públicos, etc. Considérase unha tarefa fundamental facer do Barrio da Ponte un espazo atractivo para unha imprescindíbel diversificación do comercio que facilite de verdade a vida á veciñanza no sentido de contar cun mínimo de servizos próximos e de confianza. Así mesmo, procúrase que a corporación municipal faga cumprir as ordenanzas municipais, sobre todo no tocante a zonas de aparcadoiro, limpeza viaria e control de horarios e ruídos dos locais de hostalería.

− Recuperación de festas tradicionais como o Samaín, o Nadal ou o Entroido nun sentido tradicional, máis aló das tendencias consumistas. Estas celebracións pretenden, ante todo, conseguir a unión da veciñanza ao redor dun espazo común, sempre nun sentido aberto ás familias.

− Posta en marcha dunhas andainas que, realizadas cada domingo, pretenden dar a coñecer en profundidade os diferentes lugares do termo municipal, nun ambiente festivo pero con vontade tamén de aprendizaxe nestas saídas.

− Iniciar, con carácter trimestral, as chamadas «limpaduras», isto é, abrir á veciñanza a posibilidade de deixar na rúa aqueles obxectos que xa non use para poderen ser intercambiados con bens doutros veciños. Neste sentido, a asociación ten unha fonda preocupación por promover hábitos de consumo saudábeis que favorezan a reciclaxe e o intercambio de bens nun ambiente festivo e aberto.

Mostrar a historia e a cultura do Barrio do Ponte á poboación de Sada. Neste sentido, a reivindicación da memoria acerca das antigas fábricas téxtiles e de todo o con elas relacionado constitúe para a asociación un punto irrenunciábel do seu traballo.

− Apoiar as reivindicacións da veciñanza, nunha actitude de escoita e acción. Os membros da Asociación de Veciños da Obra mostran unha vontade de escoita ás diferentes problemáticas que xorden na convivencia diaria e, mesmo, ofrécense como mediadores en posíbeis conflitos entre comunidades, hostaleiros e veciños, veciños e concello etc.

− Colaborar con outras asociacións do termo municipal ou mesmo de fóra del nas actividades e iniciativas que estas desenvolvan, sexan de veciños ou non. Así mesmo, tamén é moi relevante o contacto coa pequena empresa, pois a partir da interlocución activa con ela é máis doado encontrar saída ás dificultades. Neste sentido, valórase a importancia clave da pequena empresa como encargada de crear riqueza e traballo e de lle dar vida ao barrio.

− Procurar eco das diferentes reivindicacións e necesidades grazas aos medios de comunicación. Grazas a eles, foi posíbel denunciar publicamente a situación ruinosa da casa da rúa da Obra ou, tamén, publicitar a exposición sobre as antigas fábricas téxtiles na praciña situada fronte ao local de Correos.

Logo dun ano de actividades, a Asociación de Veciños da Obra non pode menos que se sentir satisfeita polo traballo desenvolvido. Isto, porén, non quere dicir que estea todo feito, nin moito menos, mais considérase un inicio cando menos prometedor. A idea principal de mesturar as reivindicacións públicas con iniciativas festivas de convivencia e mellora do barrio é unha premisa fundamental a partir da que se constrúe todo un entramado de iniciativas que procuran, ante todo, facer do Barrio da Ponte e, por extensión, de Sada, un lugar máis agradábel, máis próximo e máis humanizado.

Exposición “As antigas fábricas téxtiles do Barrio da Ponte: un fito na historia de Sada, de Galiza e de España”. Fotografía: AA. VV. Da Obra.

A EXPOSICIÓN SOBRE AS FÁBRICAS TÉXTILES DE SADA: UN LEGADO HISTÓRICO QUE CÓMPRE CONSERVAR

Este 2024 que xa está para rematar foi un ano en que, por fin, se levou a cabo unha das iniciativas máis necesarias para recordar un dos fitos históricos máis relevantes da historia de Sada. Concibida desde a Asociación de Veciños da Obra nunha das súas xuntanzas iniciais, a idea de dar a coñecer ao público este legado industrial de primeira magnitude foiunha esixencia e, tamén, unha necesidade. Partindoda premisa de tratar de achegar a toda a poboación unha información veraz, contrastada e, por que non o dicir, mesmo amena, a exposición tivo nunha persoa como José Manuel Borrazás un referente que orientou os traballos e facilitou, con grande xenerosidade de seu, os materiais necesarios para levar adiante esta iniciativa. Así mesmo, cómpre destacar a colaboración de entidades como a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo ou de empresas como Cadenote -herdeira en moi boa medida da fábrica orixinal-, así como do Concello de Sada.

As fábricas téxtiles de enxarcias e lonas xurdiron a finais do século XVII grazas ao impulso empresarial de Adrian Roo e mais Baltasar Kiel, dous empresarios foráneos -o primeiro era de orixe flamenga e o segundo alemá- que, fuxindo das súas terras, acharon nas Mariñas coruñesas, e máis concretamente na vila de Sada, un lugar en que asentar unhas instalacións fabrís dedicadas, nun primeiro momento, e tal como mencionamos, á fabricación de enxarcias e lonas para os barcos da armada española. Estas instalacións, que ocupaban a totalidade do actual Barrio da Ponte, chegaron a ser das máis importantes de Europa na elaboración destes produtos, fundamentais nunha época en que as milicias precisaban naves rápidas e manexábeis nuns mares cheos de mil e un intereses tanto estratéxicos como comerciais.

Este impulso inicial, que sufriu non poucos altos e baixos debido a cuestións de mercado fundamentalmente, desembocou aos poucos nunha imprescindíbel diversificación: estamos a falar da fabricación de panos e manteis, produtos dunha excelente calidade que, porén, non acababan de callar no país pola razón fundamental de que a poboación do tempo non tiña, nunha inmensa maioría, a suficiente capacidade económica para poder mercar este tipo de produtos.

A exposición dálle moita importancia ao traballo de recreación das máquinas empregadas e ao tipo de operarios que desenvolvían as súas tarefas. No primeiro caso, podemos falar, sen medo a trabucarnos, dunha maquinaria da máis alta tecnoloxía da época, traída dos lugares de orixe dos fundadores ou elaborada aquí seguindo os preceptos da enxeñaría xermánica daquel tempo. O cánabo era traído ben de Castela -nomeadamente de Segovia-, dende fóra de España, e recalaba en Sada contra os rochedos sobre os que asentaba a batería de Corbeiroa. Estas e outras materias primas -liño, la etc.- levábanse deica as fábricas en carros de bois e desde ese momento comezaba o proceso de manufactura, no que interviñan operarios tanto das inmediacións -conservamos hoxe os nomes e apelidos deles, e tamén a contía exacta dos seus salarios- como estranxeiros. Para facérmonos unha idea da importancia da fábrica, temos que ter en conta que naquel momento a pesca en Sada era algo meramente residual, pois a fabricación dos diferentes produtos téxtiles monopolizaba en moi boa medida as fontes de riqueza da vila e dos seus arredores.

A exposición foi inaugurada o 27 de setembro nun acto institucional e mostrada durante algo máis dun mes na que foi, con case toda certeza, a entrada principal da fábrica en tempos, no lugar que actualmente ocupan as dependencias de Correos. Posteriormente, foi levada até o IES Isaac Díaz Pardo, onde o alumnado pode participar nunha viaxe no tempo realmente sorprendente, sobre todo se se ten en conta que a presenza das instalacións fabrís de que estamos a falar é algo practicamente descoñecido para unha inmensa maioría das persoas que residen en Sada ou teñen algo que ver con esta localidade. O mesmo escudo institucional do termo municipal explícase a partir da materia de que estamos a falar: un barco entre o que parecen dous baluartes, Morazón e Corbeiroa, ambos fundamentais para a defensa desta xoia industrial dos ataques foráneos, nos máis dos casos ingleses.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *