A evolución do ensino en Sada (1861-1931), entre a precariedade e a modernidade

Manuel Pérez Lorenzo

Coa consolidación do Estado liberal, a mediados do século XIX, e nun contexto de analfabetismo xeneralizado, nacía o ensino público. Ao longo dos seguintes 100 anos experimentaría etapas de modernización pedagóxica e avance no plano dotacional fronte a outras de estancamento ou retracción. Tamén en Sada, onde os cambios en educación obedeceron ás conxunturas políticas –en función das motivacións dos diferentes réximes– e á propia iniciativa da veciñanza por se prover de maiores e máis apropiados medios para a formación dos seus fillos. Neste artigo realizarase un repaso sucinto pola historia da educación no concello de Sada desde a redacción dos primeiros informes de inspección ata o inicio da II República, o momento no que comezan a culminar as propostas renovadoras.

A Ley de Instrucción Pública de 1857, coñecida como Ley Moyano, vixente ata 1970, organizaba a educación en tres niveis e fixaba a escolarización obrigatoria entre os 6 e os 9 anos, gratuíta para quen o a puidera pagar. Porén, a iniciativa de crear escolas era dos municipios, a quen correspondía tamén proporcionar o local, o que daba lugar a que, de facto, moitos nenos e moitas máis nenas non tivesen opción de escolarizarse ou a que tivesen que percorrer longas distancias para se desprazar ata algunha das poucas escolas existentes.

En Sada, en consonancia coa realidade circundante, o panorama educativo da segunda metade do XIX caracterizábase pola escasa matrícula e máis escasa asistencia, a falta de preparación do profesorado, a súa pobre retribución e a precariedade no que respecta a infraestruturas e materiais escolares. Desta situación deixou constancia o inspector Antonio de la Iglesia –célebre escritor rexionalista– logo das visitas practicadas no ano 18611. Existían entón, á marxe de pequenas aulas particulares, 3 escolas nacionais, situadas na propia vila de Sada e nas parroquias de Carnoedo e Osedo, esta última en orixe unha obra pía creada polos ascendentes de Antonio Arias Sanjurjo, señores do pazo do Castro de Enriba. Os edificios que as albergaban non reunían unhas mínimas as condicións para a práctica educativa. A escola de Carnoedo, situada na Lamela, segundo afirmaba o seu mestre, era «terrena sin faiado ni piso, de corta estensión, húmeda, y por consiguiente fría, tanto por esta razón como por estar mal retejada sobre rripia, por cuios intresticios frilta el viento». Tiña por mobles «una mesa bieja sin cajón, dos bancos de sentarse, dos tablas sobre cuatro piedras, que sirven de bancos».

«Todos estos muebles –engadía– están enteramente deteriorados». A situación en Osedo non era moito mellor. O local da escola, inmediato á igrexa parroquial, «está enteramente deteriorado amenazando ruina». Na vila, centro neurálxico de Sada, as circunstancias xa eran outras. A aula estaba situada en dependencias da casa reitoral, no Pedregal, e malia presentar deterioro e falta de luz, «es de lo mejor que en el día hay en este pueblo». A visita de inspección practicábase xusto despois dunha renovación de parte do mobiliario.

As escolas das parroquias tamén carecían de materiais didácticos. Os tinteiros, plumas, papeis e libros eran da propiedade daqueles nenos que os tiñan. No caso de Osedo, un de cada catro contaba con tinteiro. A aprendizaxe da lectura levábase a cabo fundamentalmente a través dos únicos textos escritos dos que os rapaces –fillos de pais analfabetos– podían dispor: títulos de propiedade, cartas manuscritas e documentos notariais, de linguaxe e léxico arcaicos, complexa caligrafía e sen pautas ortográficas definidas. As paredes da escola de Sada, pola contra, portaban un bo número de mapas, dous taboleiros e un cadro de pesas e medidas, aparte do retrato da raíña Isabel II, representacións da Virxe e de Xesucristo e impresos con oracións.

Os procedementos educativos, arcaicos, estaban condicionados polas deficiencias materiais, pola escasa formación do profesorado e pola súa pobre retribución, que obrigaba aos docentes a se dedicaren a outras faenas, o que lles impedía desenvolver plenamente as súas funcións. Os tres mestres do municipio carecían de titulación; exercían o seu cargo por ter sido nomeados pola Junta Local de Primera Enseñanza, o ente municipal encargado da xestión do ensino. Empregaban un mesmo sistema de premios e castigos, consistente, no primeiro caso, na entrega de vales de papel que acreditaban a boa conduta e daban lugar á elaboración dunha «lista de honor». As penalizacións combinaban humillación e castigos físicos, como acreditaba o mestre de Sada:

Cuando un niño comete un delito, le reprendo a presencia de los demas poniendole de rodillas y esplicandole la máxima moral que haya quebrantado, le recojo alguno de los premios que tenga ganados, le borro su nombre en lista de honor; le coloco en un sitio separado de rodillas á vista de todos, y retenerle en la escuela por algun tiempo dando aviso a sus padres del motivo.

Por outra parte, a asistencia dos alumnos á escola víase condicionada pola súa integración no mundo laboral desde a infancia. O mestre de Sada xustificaba os baixos niveis de asistencia dos alumnos «porque unos son hijos de labradores, y los ocupan sus padres en las faenas del campo, y otros son de pescadores y los llevan a la mar». En total, estaban matriculados tan só 156 alumnos sobre unha poboación de en torno a 5000 habitantes. Deles, entre 108 e 113 asistían con regularidade ás aulas. A gran maioría contaban entre seis e dez anos de idade. Só 20 eran maiores de 10 anos. As tres escolas eran masculinas, polo que as nenas víanse privadas do acceso á educación pública. Ante esta situación, o inspector instaba ao Concello, presidido entón –e desde había moi pouco tempo– polo escritor José María Montes, a «que se gestione eficazmente hasta conseguir la instalación de la Escuela de Niñas de la Villa de Sada»

Dúas décadas despois, na visita practicada no ano 1879, advertíanse algúns cambios. O máis relevante era sen dúbida a existencia dunha escola para nenas, situada na rúa da Estrela, no barrio da Tenencia. Con todo, a matrícula masculina na vila duplicaba á feminina. En termos xerais, o número de nenos escolarizados incrementárase sensiblemente, pois ascendía a 181 sen contar a escola de Osedo, da que non hai datos. Non ocorre o mesmo no que respecta á regularidade na asistencia ás aulas, que mesmo retrocedera con respecto á visita anterior: só un 44% do alumnado matriculado acudía á escola a diario. Tamén se seguían a constatar deficiencias no que respecta á formación do profesorado. Sobre o mestre de Carnoedo, o inspector formulaba as seguintes consideracións:

que para tan importante asunto, no baste el buen deseo que en él reconozco, sino que necesita también seguro acierto, que no se tiene sin conocimientos pedagógicos, que no posee, por cuya causa adquirirá al menos los que son indispensables para que use convenientes métodos y procedimientos, y así sabrá que en lugar de la infructuosa rutina, debe hacer que las clases sean generales, haciendo que desde el principio las practiquen todos los niños, alejando así de ellos el cansancio y el fastidio, a la vez que contribuye eficazmente al desarrollo de sus diversas facultades.

Malia á creación dalgunha pequena escola, tería que pasar medio século para que a situación comezase a mudar de xeito significativo. En 1909, José Somoza, mestre nacional de Sada, relacionaba os baixos niveis de escolarización coa falta de infraestruturas e coas «grandes distancias que hoy tienen que recorrer los niños del segundo y tercer distritro –é dicir, das parroquias– para asistir a clase, cosa casi imposible de cumplir en niños de corta edad sobre todo en tiempo de invierno y lluvias».

A única forma de renovación naqueles anos e naquelas condicións adversas procedía da vontade de mestres comprometidos como o propio Somoza. A través do seu alumno Ramón Suárez Picallo podemos coñecer o oficio dun docente que desterraba os castigos e ampliaba as estreitas marxes do currículo habitual –lectura, escritura, as catro regras e a «historia sagrada»– para introducir nas aulas a literatura, as humanidades, a música, a astronomía, falar acerca da «pluralidad de los mundos habitados» ou inculcar o respecto cara o medio natural:

Mi viejo y querido maestro de primera letras: inolvidable, bondadoso y paciente, don José, nos dijiste un día, hace muchos años, una frase: “Apartaos, hijos míos, de aquellos que maltratan a los animales y a las plantas. No son buenas personas”. Y después, frente al huerto familiar de cerezos, ciruelos, perales y manzanos, de nuestra vieja escuelita rural salieron de vuestros labios venerables, las palabras de elogio al árbol, en el día de una fiesta límpidas y temblorosas, como brota el agua pura de los puros manantiales.

Tamén o escritor e político galeguista Manuel Lugrís Freire lembraría en diversas ocasións ao «demócrata e nobre mestre Don Crisanto Vidal, que inda vive no ridente lugar de Sada de Arriba, esquecido dos que recibimos del o proveitoso pan das primeiras letras».

O 12 de setembro de 1873, era o encargado de anunciarlles un cambio de réxime para el moi agardado:

don Crisanto, pálido, cheo de emoción como quen vai dicir un segredo que está pendurando o porvir, púxose de pé e falounos desta maneira, con fala solene, sinxela, agarimosa:

–Nenos, rógovos que me atendades ben. Que o que vou a decirvos viva na vosa memoria namentres alentedes. Hoxe é un día grande e grorioso para España e mais para a nosa Galicia. Xa somos homes libres, donos da nosa voluntade e dos direitos de que son merecentes os pobos adiantados e intelixentes. ¡Morreu para sempre a tiranía! ¡Xa temos república na España! Hoxe non se tomará leición nesta escola. Ídevos xogar a fóra en sinal de contentamento e para festexar este grande día. Nenos, meus fillos amados… ¡Viva a libertade! ¡Viva a república! Nos ollos do intelixente mestre brilaron as bágoas… a súa voz tremaba coa emoción.

Porén, á marxe de experiencias ligadas ao bo facer dalgún profesional, as deficiencias en materia educativa seguían a marcar a pauta aínda no ano 1927, como resaltaba a prensa:

hecha la excepción de algunos maestros dignos del mayor encomio, todo es deficiente: los niños en los planteles de enseñanza en vez de encontrar un lugar higiénico se encuentran en locales inservibles y antihigiénicos, y los métodos los mismos que nosotros conocimos, el material docente o brilla por su ausencia o es inútil por lo anticuado.

Na escola de nenos de Sada xa non se admitían novas matrículas e parte dos seus máis de 100 alumnos tiñan que permanecer en pe por falta de mobiliario. Un ano antes, outro xornal sinalaba as condicións da escola de Carnoedo, un local «detestable», peor que calquera «alojamiento de bestias»: «Su planta baja no se ve, porque está hundida en la tierra […]. Todo allí es pequeño, minúsculo, invisible». Transcorreran máis de seis décadas desde aquel primeiro informe, e nada semellaba ter mudado.

Inauguración das escolas de Sada y sus Contornos | Céltiga , 25/03/1928

Neste contexto, e ante a inhibición dos poderes públicos, comezaban a aparecer entidades que reclamaban reformas educativas, tanto no ámbito das infraestruturas (construción de centros escolares, mellora das condicións hixiénicas, etc.) como no plano didáctico. No ano 1913, os emigrantes sadenses en New York constituían a sociedade Sada y sus Contornos, coa finalidade de establecer escolas no concello. Entre outros propósitos, perseguíase «propagar y dar a conocer los fines y principios del raciocinio natural por medio de un sistema educativo y neutro, el cual estará basado en un plan de enseñanza moderno, verdadero y natural, libre de errores y prejuicios dogmáticos y sectaristas». A incorporación da pedagoxía de vangarda quedaba xa patente nos estatutos da sociedade:

El plan de enseñanza basarase en el desarrollo equilibrado y armónico de todas las tendencias y aptitudes útiles para formar el hombre y la mujer sanos, de mente clara y sin prejuicios, cuya vida moral tenga por norma el sentimiento de solidaridad social.

[…] El sistema de educación partirá del conocimiento exacto de la naturaleza física y psíquica del niño, inspirándose siempre en los métodos modernos e la ciencia.

[…] Dotará de casa-escuela a la capital, parroquias y aldeas del Ayuntamiento de Sada, bien entendido que estas escuelas no habrán de imponer, han de persuadir, demostrar, instruir y educar; despertarán la inteligencia, estimularán el raciocinio y harán que en cada persona se afirme una propia individualidad.

Malia todo, os promotores da iniciativa atoparían nas elites conservadoras locais non poucas resistencias: «apenas llegó a Sada la noticia sintiéronse alarmados los seglares, los que allí patrocinan y defienden toda vía las escuelas clericales»13. Porén, as súas aspiracións víanse culminadas en 1927, cando se inauguraba o novo edificio, un amplo palacete dotado de aulas amplas e luminosas, xardín e duchas con auga corrente. O 4 de setembro, a veciñanza celebrábao cun día completo de festexos. Tres anos despois, as escolas acollían xa a 298 nenos e nenas educados baixo innovadores preceptos pedagóxicos, así pola capacitación do persoal docente, como pola inclusión no programa de actividades entón innovadoras, como as saídas ao campo ou a ximnasia, ou por contaren con medios daquela tan pouco frecuentes nos centros de ensino como o cinematógrafo, o proxector de diapositivas ou os modelos anatómicos.

Outra experiencia paralela, produto tamén da iniciativa cidadá, foi a protagonizada polo Pósito Marítimo Terrestre del Trozo de Sada, unha institución mutual que agrupaba aos mariñeiros e que sería o xermolo da Confraría de Pescadores. En xaneiro de 1927 botaba a andar unha escola de primeiro ensino, que sería complementada cunha escola nocturna destinada á alfabetización de adultos e outra de orientación marítima, un centro destinado á capacitación profesional dos traballadores do mar15. Todo cunha finalidade predefinida no regulamento da institución:

Para vencer el individualismo, es decir, ese egoísmo agotador de toda energía social, ya que solo inspira el bien propio sin consideración al bien ajeno […], se requiere una cooperación social abnegada y sentida por […] completar una educación cultural primaria y superior de nuestros hijos, quienes, formando ya otra generación, agradecerán nuestros sacrificios y han de procurar, mejor que nosotros, el progreso colectivo.

Fachada do antiguo Salón Moderno, que acolleu a escola do Pósito | Fotografía do autor

O local estaba instalado no edificio do Salón Moderno, ocupando parte do baixo, a carón da cafetería, e do primeiro piso, compartido co Concello. A inauguración da escola, nos meses previos á de Sada y sus Contornos, era todo un acontecemento. O propio Moderno enchíase para acoller a actuación do coro Cántigas e Amoríos e os discursos dos mestres, e a prensa amosaba un optimismo afastado das habituais crónicas sobre esta materia: «Parece que entramos en racha de apertura de centros de enseñanza» –salientaba–, pois á inminente inauguración de Sada y sus Contornos uníase tamén un anuncio moi agardado por parte do Concello: a creación de catro novas escolas e a conversión das dúas da vila en unitarias, con dúas aulas cada unha. Nos anos seguintes abriríase un novo capítulo en materia educativa. Un período de expansión do ensino público que ampliaría o número de aulas no municipio ata as 17, coa nacionalización das do Pósito. Nos anos 30, todas as parroquias, agás Meirás, contaban xa cunha escola, Soñeiro con dúas e Carnoedo con tres, e en Osedo construíase un edificio ad hoc con aulas masculina e feminina. As políticas educativas no marco da II República, co impulso á educación pública e á formación do profesorado, abrirán un proceso de laicización e racionalización do sistema educativo, nunha liña pouco distante da implementada en Sada baixo o pulo dos emigrantes. A chegada de docentes como Luis Cereijo, Alejo Candocia ou Rafael Fernández Casas, comprometidos co contorno social e cultural das súas escolas e cun modelo de ensino renovador e a introdución de novidades como as excursións ou os traballos manuais e artísticos, marcarán a pauta da nova escola da República. Este capítulo verase pechado de xeito abrupto pola sublevación militar de 1936, a instauración da ditadura e o desenvolvemento dun sistema represivo con especial incidencia sobre o profesorado. Mais estes procesos, o de construción e destrución da democracia republicana e da súa principal bandeira, como foi a escola, deben ser materia dun estudo máis demorado.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *