Carolina Monzo Souto
Antes de comenzar este pequeno artigo, deberán preguntarse: que é un museo? Segundo o International Council of Museums (ICOM) «un museo é […] Un museo é unha institución sen fins de lucro, permanente e ao servizo da sociedade, que investiga, colecciona, conserva, interpreta e exhibe o patrimonio material e inmaterial. Abertos ao público, accesibles e inclusivos, os museos fomentan a diversidade e a sustentabilidade. Coa participación das comunidades, os museos operan e comunican ética e profesionalmente, ofrecendo experiencias variadas para a educación, o desfrute, a reflexión e o intercambio de coñecementos.».
Tendo en conta estes conceptos, se agora os trasladamos á actual xestión do museo situado no lugar do Castro de Samoedo, pódese observar que a gran maioría dos puntos que definen un museo non se aplican neste caso, e se se aplican é de maneira neglixente, tan só hai que ter presente o estado actual das coleccións, do propio edificio e da accesibilidade que fomentan.
Comenzando dende o principio, o Museo Carlos Maside nace como un proxecto ramificado do Laboratorio de Formas (1963) – en diante L.F.- que se xesta na Arxentina nas primeiras viaxes de Isaac Díaz Pardo xunto a Luís Seoane. Tras revitalizar a antiga fábrica de Sargadelos de Cervo (Lugo), o proxecto ceramista estendeuse ata o complexo do Castro, uníndose así nunha única empresa Sargadelos e Cerámicas do Castro. Mais este proxecto quixo enlazar Galiza coa Arxentina, para fortalecer os vínculos cos galegos que estaban na diáspora e que non foran esquecidos na súa terra, polo que en 1957 nace a Fábrica da Magdalena en Bos Aires, dous despois da primeira visita de Isaac á capital arxentina.
Tras o éxito desta inauguración, Seoane e Díaz Pardo tiñan en mente un proxecto de maior envergadura, que fixese permanente o vínculo entre o exilio e Galiza. Querían, por tanto, resaltar o potencial artístico, cultural e patrimonial que se estaba xestando entre os intelectuais da época e as novas xeracións. Desta forma, o proxecto da Magdalena, sen saber moi ben como, xa era un centro de experimentación para a recuperación da tradición figurativa galega, mais este laboratorio non deu comezo ata a volta de Isaac e as constantes estancias de Seoane no Castro de Sada. Finalmente, no ano 1963 fúndase o Laboratorio de Formas, que dará lugar a creación de todos os proxectos posteriores destas dúas figuras.
Neste novo laboratorio, o obxectivo principal era desenvolver estudos das formas do pasado galego con aplicación nas artes industriais, pero máis alá diso, conseguiron xerar un espazo onde rexenerar a cultura galega contemporánea, creando proxectos que vinculen o pasado ca renovación na actualidade.
Entre estes proxectos pódese mencionar: a creación da editorial Ediciós do Castro, no mesmo ano no que se funda o LF, no setenta inaugúrase o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside; dous anos máis tarde envíase a solicitude de declaración do conxunto histórico artístico do recinto da vella fábrica de Sargadelos; o mesmo ano ten lugar a creación do Seminario de Sargadelos. Máis adiante fúndase o Instituto Galego de Información no ano 1977, e o novo Seminario de Estudos Galegos é creado un ano máis tarde, en 1978.


No caso do museo propiciado por Luís Seoane e Díaz Pardo, é paradoxal, pois aínda sendo un museo dedicado á arte da diáspora e os artistas exiliados, non se define como tal, senón que é denominado como museo de arte galega contemporánea. Isto é debido a que os museos do exilio son institucións que se crean coa intención de salvagardar a arte que chega da diáspora da Guerra Civil. Porén, estas pezas sempre quedaron excluidas das disciplinas e dos estudos histórico-artísticos durante o franquismo por ser dunha natureza política contraria ao réxime, creada por aqueles simpatizantes do Goberno da República que elaboraban as súas obras dende o exilio.
Polo que, sendo conscientes destas limitacións, Seoane e Díaz Pardo pretenderon pasar desapercibidos para evitar a censura e tratando de evitar a designación de museo monográfico, ao que non se lles presta maior atención, xa que son museos que carecen de actividade cultural. Ademáis de considerarse un museo, tamén foi un centro cultural, onde a vida artística e literaria estaba viva, en constante cambio e reinventándose a si mesma. Cando se di que o Carlos Maside foi unha institución pioneira é por diversas razóns, entre elas, por ser capaz de crear un espazo cultural que fixo que a arte se democratizara para facela accesible á sociedade.
Abriu as portas aos artistas emerxentes e á arte máis vagardista, dándolles cabida para expoñer as súas obras, para o que tomaron como referencia as principais correntes artísticas europeas. Todo iso, baixo a premisa de ser un dos primeiros museos dedicados á arte da diáspora, que naceu da man de personalidades contrarias ao réxime da España desa época, e que serviu como un espazo de reivindicación da identidade galega, que quedara arrasada pola chegada do réxime, como unha reminiscencia da arte do Século de Ouro Español.
As ideas para a concepción do discurso e o desenvolvemento do museo partiron dos coñecementos de Luis Seoane, que seguía de cerca as últimas tendencias da museoloxía e da museografía, así como as correntes artísticas europeas e americanas. Así, para crear o museo –anos máis tarde– e o seu percorrido idearon un espazo que oscila entre o estilo racionalista, coa sobriedade de materiais e a carencia de ornamentos herdados da corrente alemá da Bauhaus, e o imaxinario de Isaac, que xogou un papel imprescindible para vincular as formas modernas do museo coa arquitectura galega. Para ser máis concretos, Isaac cando se pon en contacto co arquitecto Andrés Fernández-Albalat transmítelle o seu desexo de que o museo se asemellase a un edificio franciscano, para non mostrar a ostentación da que carecían debido á falta de medios económicos, e así facer desa debilidade unha fortaleza.
Aínda así, podemos observar unha diversidade de materiais, que lle proporcionan unha riqueza visual e singularidade. Para iso tamén se inspiraron nas correntes europeas onde o ornamento brilla pola súa ausencia, como a ben coñecida corrente racionalista do Movemento Moderno, na que destacan por antonomasia Mies Van der Rohe ou Le Corbusier.

Ademais das similitudes destas correntes, en Francia están en auxe as coñecidas Maisons de la Culture. Trátase de edificios nos que poñen de manifesto (como ben indica o seu nome) a democratización da cultura. Nestes centro atópanse espazos polivalentes, flexibles, pluridisciplinares, aos cales se pretende garantir o acceso ao público con carácter amplo e diverso. Do mesmo xeito, isto é o que se pretende levar a cabo no Museo Carlos Maside, un espazo interdisciplinario onde teñen cabida todas as expresións artísticas, sexan da índole que sexan, procurando unha constante renovación artística, cunha posta en valor da arte de vangarda.
Tras o curso dos anos, e a favorable situación que viviu o museo e as institución xeradas polo LF, no ano 2006 a situación cambia de rumbo. A día de hoxe segue sen saberse de maneira clara como a familia Díaz Pardo perde a propiedade de Sargadelos, ao parecer foi o resultado dun movemento empresarial impulsado polo resto dos socios o que deixaría fóra do mando da fábrica a Isaac.
Consecuentemente, este feito vese reflectido na actividade museística, que vai perdendo forza e entrando nun declive ata chegar ao punto do peche definitivo do museo no ano 2012, coincidindo co falecemento de Isaac Díaz Pardo. Pero tamén nos decatamos de que o museo pasa á propiedade maioritaria da empresa, e muda o nome, pasando a chamarse Museo Galego de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside . É curioso que, moitos anos antes desta especie de furto de titularidade, Luís Seoane fora consciente de que nalgún punto esta situación podía ocorrer, polo que houbo intentos legais para desvincular a Fábrica do Castro do museo e do resto das institucións derivadas do LF.
A partir deste ano, o grupo de Sargadelos na Fábrica do Castro entra nunha crise económica que ameaza con pechar as súas portas. Non obstante, un cambio de paradigma anos máis tarde fai que a fábrica e os seus traballadores consigan manter as súas funcións e que sigan producindo as cerámicas como ata ese momento. Mais todo iso tivo un custo: suprimir as propostas culturais que introduciron Isaac e Luís Seoane e promover un perfil máis comercial. De aí que deixasen de lado todo o traballo cultural, que tantos anos lles custara a Luís Seoane e Díaz Pardo, xunto cos demais implicados en todos os proxectos que se levaron a cabo no Castro. O resultado foi evidente: o peche inminente do museo, unha xestión nula para a conservación preventiva das obras (sendo parte da colección catalogada como ben de interese cultural de carácter xenérico) e do propio edificio, que derivou nunha situación de absoluto abandono e despreocupación por parte da entidade empresarial, a pesar de ser un patrimonio material único en España, tanto pola súa natureza como polo seu contido e valor histórico e sociocultural.
Chegados a esta situación, a resposta por parte da Xunta de Galicia foi pasiva, por iso a mobilización para recuperar esta institución patrimonial nace grazas á xente local e ás asociacións culturais locais, que publicaron un manifesto pola súa recuperación e puxeron en valor todo o que simboliza o museo e o seu contido. Grazas a estas mobilizacións, en 2018 comezaron os estudos previos á incoación da declaración do museo como BIC, mais aínda seguimos á espera dese momento. Polo de agora, debemos «conformarnos» coa resolución do expediente de incoación pola Consellería de Cultura, pois isto supón un punto de inflexión para as bases da conservación do Carlos Maside, así como da súa colección. Segundo a lexislación estatal vixente en materia de patrimonio, a Lei 16/1985, do 25 de xuño, do Patrimonio Histórico Estatal, neste caso a Xunta de Galicia dispón dun prazo de 20 meses dende a publicación do expediente de incoación para cumprimentar a declaración oficial do museo como BIC.
Con todo, este museo é de titularidade particular, polo que non estamos a falar dun museo público. Aquí as normas non as pon a Administración, como noutros casos, polo que me pregunto se, no caso da chegada da declaración, isto fará que cambie a situación de acceso ao museo. Porque tal e como dita a ICOM o museo non só cumpre unha función custodiadora de obras de arte, senón que ten moito máis trasfondo, como o de conservar (preventiva e activamente as obras e o propio edificio), facer accesible a súa entrada, incentivar a investigación, etc.
Todo isto na realidade actual, os encargados da xestión do museo non comulgan con apenas ningunha destas cuestións básicas. Cambiará este panorama coa declaración BIC?
É especialmente chamativa a accesibilidade ao museo, xa que é sumamente restrinxida. Tan só está aberto na tempada de verán, un día á semana, catro horas ao día en quenda matutina. Neste punto, entendemos que se trata dun museo privado e que, por tanto, é lexítimo que o propietario poña o hora-rio de apertura que crea conveniente, pois a lei, nestes casos, contempla a obrigatoriedade de apertura ao público catro días ao mes (quizás nos sone doutro exemplo, no moi lonxe do Castro). Ademais, é evidente o interese económico da directiva de Sargadelos, pois, aínda por riba, por abrir ao público esas catro horas, cobran unha cota un tanto elevada en proporción á oferta horaria. Pero, onde van parar eses cartos? Irán para os labores de conservación do museo e das súas pezas?
Nunha entrevista ao CEO desta empresa, contaba aos medios de comunicación o éxito da reapertura do museo sen a axuda pública da Xunta de Galicia. Pero quizás todos nos veriamos máis beneficiados se houbese investimento público, pois iso significaría que o museo é de todas as galegas e galegos e se levaría a cabo una notoria mellora nas condicións de acceso, promoción da investigación, promoción de postos de traballo, recuperación das actividades culturais, como exposicións temporais, proxeccións de cine, faladoiros, debates, eventos, e así intentar recuperar a esencia do que foi nun inicio o museo cando estaban ao mando Luís Seoane, Díaz Pardo e todos os intelectuais que os acompañaron nestas andadas no Castro de Samoedo dende a diáspora.