Vinte anos da Plataforma Cidadá pola Democracia en Sada

Daniel Calvete Suárez, Uru
Vítor Suárez Díaz
Membros fundadores da Plataforma Cidadá pola Democracia en Sada

Foi un mandato convulso o que viviu o PP de Sada do 1999 ao 2003. O apoio dunha concelleira do seu grupo a unha iniciativa do BNG solicitando unha auditoría no Concello provocou unha crise política na dereita que rematou coa creación de URGA, un novo partido que pelexaba por chegar a unha parte do electorado monchista. Tamén no PSOE houbo movementos que remataron na creación dunha nova organización política, ASU, apoiada por persoas que no seu día formaron parte das listas do PSOE. No lado esquerdo do taboleiro, tras a morte de Manolo Crisanto, boa parte do seu grupo terminou por integrarse no BNG, incluído quen sería cabeza de lista e finalmente alcalde, Abel López Soto. O resultado das eleccións de maio de 2003 significaron a caída do monchismo despois de 24 anos no poder, un deses momentos que pensas que nunca vas chegar a vivir. A ilusión da xente era enorme e as expectativas moi altas. Quedaba por diante un traballo moi complexo, como é o de conformar un goberno cuadripartito no que o BNG sumaba máis concelleiros que os outros partidos xuntos. Quedará esquecido para moita xente o traballo e a absoluta dedicación de boa parte daquel goberno. Nin horarios, nin fins de semana, nin festivos.

Traballo e total compromiso. Vaia desde aquí o noso máis sincero recoñecemento de dous veciños de Sada. Seis meses despois da investidura de Abel, o PP presenta unha moción de censura co apoio dun tránsfuga do PSOE. A moción non foi apoiada polas direccións nacionais de PP e PSOE. Falamos,
pois, de transfuguismo político. Nestes días un grupo de persoas xuntouse nun bar do porto de Sada. Non militaban en ningún partido político pero participaban nas actividades e actos culturais que organizaba o Concello. Querían construír algo desde a sociedade civil, un colectivo organizado que fose o caudal para que a xente puidese protestar e manifestar a súa indignación. A segunda reunión fíxose no Río da Ponte, un bar que había daquela en Sada Darea. Pegáronse carteis pola rúa e anunciouse unha asemblea aberta. Aínda non había, como agora, redes sociais para publicitar un acto. Asistiron unhas 30 persoas e desa xuntanza naceu a Plataforma Cidadá pola Democracia en Sada.
Falar agora de nomes, datas, actas e cousas así sería inabordábel e mesmo inxusto. Pero si podemos achegar algún dato sempre desde a nosa óptica e dunha mirada que, inevitábelmente, é a de hoxe, co risco que sempre supón mirar cara atrás.

Fotografía de Marisa Naveiro


Para que naceu a Plataforma?
Para canalizar sentimentos moi distintos (rabia e indignación, por un lado, e apoio e recoñecemento, por outro). Os xeitos de manifestarse foron diversos. Actos máis pequenos e sinxelos coma as cazoladas na Praza de San Roque ou ás portas do Concello, que se facían a diario e que se prolongaron varias semanas. Outros moito máis grandes, como as multitudinarias manifestacións polas rúas de Sada congregando milleiros de persoas. Os cravos brancos e as pancartas, os ladrillos e os maletíns coma símbolo dos motivos ocultos da moción, disfraces e cánticos… Unha coreografía popular, improvisada e distinta.

Para que serviu a Plataforma?
Pois sobre todo para facer crecer o noso sentimento de pobo e de sociedade unida fronte ás inxustizas. Era a época após Nunca Máis e aquel movemento social marcou un camiño. Podiamos contribuír a que a xente que non pensaba ou votaba o mesmo ca nós se rebelase contra unha inxustiza perpetrada por persoas nas que un día confiaron. Criamos que as cousas podían mudar.

Como terminou?
Pois como termina case todo: mal. Non existía consenso sobre se todo aquilo tiña que rematar ou seguir funcionando coma unha asociación. Canto máis minguaba a indignación, maior era a división e menor a asistencia a actos de protesta. Moncho recuperou a alcaldía e o protagonismo da vida política volveu ao salón de plenos e abandonou as rúas. Decenas de persoas foron denunciadas por Rodríguez Ares, polo tránsfuga e polo xefe da policía local. Moitas mañás nos xulgados de Betanzos que fixeron que algunhas das persoas denunciadas perdesen o seu traballo, que pagasen o prezo de defender a democracia. Vaia tamén desde aquí o noso agradecemento para eles. Catro anos despois, o BNG recuperou a alcaldía e
formou un goberno bipartito co PSOE que durou catro anos. Despois volvería ao poder o PP malia todo o acontecido anos atrás, poder que perdería coa chegada das Mareas e Sadamaioría. Ao pouco vivimos outra moción de censura, novamente co PSOE polo medio. Desta volta non houbo Plataforma, nin caceroladas, nin manifestacións. Desta volta tíñamos o Facebook, esa gran ferramenta na defensa da democracia…


En casos coma este é onde cremos que se ven claramente as carencias da política que confía todo á carta única partidista e estritamente electoral. Sendúbida, o caso da Plataforma é un exemplo claro
de como se desaproveitaron as mobilizacións, as enerxías creadas, as experiencias acumuladas (e un
longo etcétera) para crear, para crearmos, un movemento veciñal imaxinativo, rebelde, combativo.
Nunha palabra, de esquerdas, e lonxe do que impera a día de hoxe no noso concello: buses á festa
do cocido e concursos de filloas. Asociacionismo de café e chupito. Haberá que falar algún día disto.
Porque cando o vento sopra en contra, e iso acontece a miúdo, ollamos para atrás e non hai máis
rodas cando se procura un rebufo…
Pero… «The times they are a changin», cantou o poeta…

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *