O pobo saharaui: medio século no deserto do esquecemento

Marta Bermúdez de Castro Tagarro
Emilio Graña Mosquera

173.600 persoas1. 48 anos desprazadas ao medio do deserto do Sahara, en territorios da fronteira de Alxeria. Un terzo da poboación son menores de 17 anos, pertencen á xeración de netos e netas dos expulsados, non coñecen a súa terra, sempre viviron en campamentos de refuxiados. Imaxina: 10 veces a poboación de Sada, aloxada en 6 grandes poboados de chabolas (wilayas ), sen terra que cultivar nin nada que producir. A auga, escasísima, gardada en grandes bolsas repartidas por todos lados. Nenos e nenas xogando polas rúas areosas sementadas de plásticos. Chegamos en buses esmendrellados doados polas ONGs de cooperación internacional desde o aeroporto militar alxeriano de Tinduf. Alóxannos nas humildes vivendas e recíbenos unha matriarca que andará polos 40 anos, con 3 fillos. Todo hospitalidade, boa comida. Os rapaces e rapazas facendo de guías polo seu poboado de película distópica de Mad Max.

A dependencia da axuda internacional é absoluta. Eses cativos que corren polos rueiros de area no medio do deserto, malia vivir nun entorno miserable, teñen escolas, acceso a unha sanidade moi precaria e alimentos doados pola solidariedade internacional. A autoorganización deste pobo é admirable.
Futuro alí: pouco. Moitas e moitos deses cativos e cativas veñen a Galicia e a Sada no programa Vacacións en Paz. Pasan algúns meses con nós. Se teñen sorte, estudarán fóra e farán a súa vida no exilio. Volverán axudar ás súas familias que queden nos campamentos, pero non hai horizonte esperanzador nese mar de area. Ningunha actividade produtiva, catro tendas desabastecidas case máis pensadas para o «turista cooperante» que outra cousa, un par de perruquerías e algunha tenda de
venda de tarxetas para móbiles, porque, iso si, cobertura e móbiles si hai.
A centos de quilómetros, un enfrontamento armado do que che falan no campo de refuxiados, pero está silenciado nos medios de comunicación. Unmuro que separa territorios ocupados por Marrocos de zonas desérticas controladas pola Fronte Polisaria. Ataques con drons e vítimas que non saen en ningún telexornal.

De onde veñen estas fotografías desesperanzadoras?
O Sahara Occidental foi colonia española e nos anos 70 o Estado Español abandonouna e deixou que a ocupara Marrocos. Días antes de que morrera Franco cedeuse o territorio, estando o rei emérito Juan Carlos nese intre como Xefe do Estado interino. Empezou a diáspora e a formación dos campos de refuxiados de Tinduf. Nos anos 80 Marrocos constrúe un muro e coloca minas que separan territorio ocupado de zonas controladas pola Fronte Polisaria. Nos anos 90, baixo a tutela da ONU, decrétase un alto ao fogo e un intento de organizar un referendo boicoteado polo estado de Marrocos. Durante todo este tempo, a Fronte Polisaria organiza unha estrutura de mini Estado e goberno encomiable ca escaseza de recursos dos que dispoñen: a República Árabe Saharaui Democrática.

Fotografía de Marta Bermúdez de Castro

Recoñecida por 82 Estados no mundo, puxeron enmarcha hospitais, escolas, exército, reparto de alimentos… Na actualidade levantouse o alto ao fogo e hai escaramuzas nos arredores do muro cos territorios ocupados por Marrocos, sen case repercusión mediática. O goberno Español mudou a súa postura cara un papel pro-marroquí e a nivel internacional este conflito está sendo moi esquecido.

Que podemos facer os/as cidadáns ante esta inxustiza?
Ante todo colaborar nas diferentes asociacións de axuda ao Sáhara, visitar os campamentos, acoller nenos e nenas saharauís do programa Vacacións en Paz, e difundir, falar, sacar do esquecemento este conflito na medida das nosas posibilidades.
Dende Sada sempre apoiamos ao pobo Saharauí, subvencionando dende o Concello o programa de Vacacións en Paz, e á Sociedade Galega de Apoio ao Pobo Saharauí.
Nós, como veciños de Sada, en representación do noso concello, participamos nunha misión organizada polo Fondo Galego de Solidariedade, visitando os campos de Refuxiados o pasado mes de Decembro do 2023. Tivemos a fortuna de vivir de primeira man esta realidade, dura pero ao mesmo tempo acolledora, de humanidade tecendo alternativas para sobrevivir ao inxusto exilio, dunha loita admirable que vai ter xa medio século, e que non debemos esquecer.


1https://www.medicosdelmundo.org/que-
hacemos/africa/argelia-campamentos-en-tinduf

Referencias

(n.d.). Sáhara Occidental – Wikipedia, a enciclopedia libre (consulta do 02/05/2024), https:// gl.wikipedia.org/wiki/S%C3%A1hara_Occidental


(n.d.). https://frentepolisario.es/el-frente- polisario/ Campamentos saharauís . (n.d.). Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Retrieved (consulta do 02/05/2024), https://fondogalego.gal/localizacion/
africa/campamentos-saharauis/

Cossio, N. (n.d.). Médicos del Mundo en los campamentos de refugiados saharauis. Médicos del Mundo (consulta do 02/05/2024), https://www.medicosdelmundo.org/que-hacemos/africa/argelia campamentos-en-tinduf


Eckhardt, W. G. (n.d.). Guerra del Sahara Occidental. Wikipedia (consulta do 07/05/2024), https:// es.wikipedia.org/wiki/Guerra_del_Sahara_Occidental


Enfrentamientos del Sahara Occidental (2020-presente) . (n.d.). Wikipedia (consulta do 07/05/2024),
https://es.wikipedia.org/wiki/Enfrentamientos_del_Sahara_Occidental_(2020- presente)


Los campamentos de refugiados saharauis en 2024. (25/03/2024). Una mirada al Sáhara Occidental (consulta do 02/05/2024), https://saharaoccidental.es/sahara/campamentos-refugiados-saharauis/
Pablo Cibeira Taboada (09/12/2023). «Campamentos de refugiados saharauis: sin luz al final del túnel».


La Opinión de A Coruña. https://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2023/12/09/ campamentos-refugiados-saharauis-95614788.html


República Árabe Saharaui Democrática. (n.d.). Wikipedia (consulta do 10/05/2024), https://es.wikipedia.org/wiki/Rep%C3%BAblica_%C3%81rabe_Saharaui_Democr%C3%A1tica

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *