Jesús Castro, Republicano de Honra. Un agradecemento necesario

Manuel Pérez Lorenzo

O pasado mes de abril, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña homenaxeaba ao noso veciño Jesús Castro Vidal (Sada, 1927). Para incluílo na lista de Republicanos de Honra, da que forman parte figuras como Isaac Díaz Pardo ou Francisco Pillado, alegábase a súa defensa incansable da memoria republicana.

Eu, como entón, quero sumarme desde aquí ao que, para min, ademais de ser un acto de recoñecemento é un acto de agradecemento. De agradecemento ao amigo, a un dos socios que máis impulsaron a AC Irmáns Suárez Picallo, formando parte de directivas e botando unha man no que fixo falta. De agradecemento por unha longa vida de actividade pensando sempre en clave colectiva, na militancia política, no tecido societario e, especialmente, na recuperación da memoria histórica democrática.

En Sada existe un monumento que, desde o ano 2007, lembra ás vítimas da represión franquista. Unha pedra chantada no chan, obra de Xosé Val Díaz, Valdi, que é moito máis que iso. É un lugar no que moitas persoas puideron ver dignificada a memoria dos seus compañeiros, pais, tíos, avós… 70 anos despois do seu asasinato. Un espazo de encontro cun pasado que foi negado, sepultado por catro décadas de franquismo e, en Sada, outras tres de desmemoria, nas que os símbolos da ditadura mantiveron toda a súa vixencia en rúas e institucións. Ese pasado que nos fala de modernidade, de efervescencia política e social, dunha sociedade participativa, entregada á tarefa de imaxinar e construír un futuro máis xusto. Nun tempo convulso, na Europa previa á Segunda Guerra Mundial, iso foi a Sada da Segunda República: a Sada da xente que non se resignaba á miseria física e moral, e que foi esmagada pola ditadura. Condenada a non ter existido nunca.

Durante esas sete décadas de silencio houbo quen mantivo acesa unha chama de memoria. Jesús Castro, aquel neno fillo dun dos emigrantes que ergueron as escolas libres de Sada y sus Contornos; aquel neno que coñeceu a Suárez Picallo, que perdeu un irmán na fronte, pilotando un avión no exército que defendía a democracia e a legalidade republicana; aquel neno que sentiu o disparo co que o dirixente galeguista Gil González Mosquera se quitou a vida na súa casa de Riovao antes de que lle puideran facer o mesmo que ao seu amigo Xohán Antón Suárez Picallo; aquel neno que atopou o corpo do sindicalista anarquista José Monzo nun día de sol do verán de 1938; aquel neno que se viu privado das aulas luminosas da ‘escola laica’, incautada polos militares, e tivo que sufrir o estigma de non saber o ‘catecismo’ na escola nacional-católica… Aquel neno encaixado no mundo dos perdedores da guerra, sete décadas despois achegouse a Abel López Soto logo do pleno no que este recuperou a alcaldía, en 2007, e díxolle que había que facer algo para honrar ás vítimas. Non só o propuxo: púxose mans a obra e involucrou a outras persoas, como o propio Valdi, Amable Carballeira ou eu mesmo, e á Plataforma Cidadá pola Democracia en Sada, nacida como reacción á moción de censura de 2004 e da que el mesmo fora un dos principais dinamizadores. Daquel impulso, naceu ese espazo de memoria democrática no que se lembra ás persoas represaliadas pola ditadura, produto dun proceso previo de investigación no que a guía e o saber de Jesús resultaron imprescindibles

O pasado 13 de abril, no marco dese recoñecemento como Republicano de Horna, visitabamos de novo o monumento para renovar a ofrenda floral que cada ano organiza a AC Irmáns Suárez Picallo. Dabamos así continuidade a esa chama que Jesús mantivo acesa tantos anos, desde 2007 cun lugar físico no que se visibiliza. Sen el non sería posible. Sen o seu compromiso e sen a súa enorme humanidade.

P.D.: Cando este número de Areal ía xa camiño do prelo, chéganos a noticia do falecemento de Jesús. Sirvan os parágrafos anteriores, homenaxe en vida, como primeira lembranza que lle tributamos desde a asociación que compartimos. Que a terra lle sexa leve e o seu exemplo alumee o futuro.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *