Club Ximnasia Sada

Claudia V. Lourido

A comezos de outubro do ano 2023 o Club Ximnasia Sada abría as súas portas cun obxectivo moi claro: fomentar a práctica de ximnasia artística en Sada.

Eva Riveiro, unha das adestradoras do club, afirma que a consolidación de Ximnasia Sada supuxo un «claro achegamento da ximnasia artística ás vidas de moitos sadenses, que antes tiñan que acudir a Oleiros se querían practicar esta disciplina».

Son 30 os rapaces e rapazas que conforman actualmente a pequena familia de Ximnasia Sada. Un número que, segundo a súa adestradora, continúa medrando. Varias das ximnastas afirman que no club poden «probar e aprender cousas novas», ademais de «facer acrobacias e mellorar». Outras apuntaron que lles encanta bailar, e que en Ximnasia Sada poden compaxinar a ximnasia co baile.

As nenas e os nenos acoden ao pavillón de Sada para adestrar, distribuíndose en varios grupos acorde á súa idade. Os máis pequenos, con idades comprendidas entre os seis e os oito anos, adestran os luns e os mércores, mentres que os maiores, de nove anos en adiante, teñen posibilidade de adestrar de martes a venres.

No Club dispoñen dun equipamento limitado, dado o pouco tempo que leva en marcha, polo que intentan adaptar os materiais dos que dispoñen na medida do posíbel. Para competir en chan (unha das modalidades de competición), dispoñen do espazo suficiente para levar a cabo os exercicios. Non obstante, para practicar outras modalidades, como a barra, teñen un banco que simula o aparello. O club aproveita o espazo e os materiais que posúe para poder outorgarlles aos ximnastas unha experiencia deportiva de calidade.

Ximnasia Sada pretende dar a coñecer o deporte, ademais de mellorar as habilidades e destrezas físicas dos ximnastas. O traballo diario que realizan nas clases durante toda a semana amósase nas competicións ás que acoden, nas que demostran as competencias que foron adquirindo e mellorando. Eva apunta que na primeira competición na que participaron, obtiveron moi bos resultados para o pouco tempo que levaban adestrando. Conseguiron clasificar na categoría escolar a dous ximnastas, que chegaron á final. Un deles lesionouse, polo que finalmente só un deles representou ao Club na fase final.

Porén, os campionatos non son a única opción que teñen os nenos para amosar as súas fazañas. Moitos ximnastas deciden non participar nas competicións, polo que dende Ximnasia Sada fomentan a inclusión de todos os rapaces e rapazas mediante a realización de eventos non competitivos nos que os ximnastas poden exhibir todo o que aprenderon dun xeito moi lúdico e ameno. Un exemplo dun destes eventos é a I Festa da Escuma XS, que organizan conxuntamente co Concello de Sada e co centro infantil Ohana. Esta festa ten dous obxectivos principais:

  •  Dar visibilidade á ximnasia artística e ao noso club. Así, os rapaces que acudan poden barallar a posibilidade de apuntarse ao club e fomentar o deporte.
  • Exhibir as melloras e o traballo dos nenos que xa están no club, para que tamén eles poidan gozar de eventos organizados por Ximnasia Sada.

Dende Ximnasia Sada defenden a importancia de practicar deporte dende idades temperás, polo que ao dispoñer dun club local, facilítase moito a conciliación familiar. A ximnasia artística é un deporte pouco coñecido, que pouco a pouco está conseguindo visibilidade grazas a iniciativas como Ximnasia Sada. Dende o club afirman así mesmo que é un proxecto moi ambicioso, mais tamén ten as súas complicacións. Porén, ata o momento, está tendo unha acollida bastante prometedora, e cada vez máis familias deciden sumarse a esta pequena aventura que ten as súas raíces na vila de Sada.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *