Un novo número de Areal repleto de actualidade e cultura

A continuación, unha interesante crónica realizada por Cristina Asensio sobre a presentación dunha nova edición da nosa revista, Areal.


Nunha capela de San Roque ata os topes, o pasado venres 28, presentamos o nº 28 da revista Areal! O presidente da ACISP, Manuel Pérez Lorenzo, comeza o acto repasando o contido da publicación. Xesús Castro está presente nas primeiras páxinas, o ilustre socio fundador que faleceu recentemente despois de ter recibido o nomeamento de “republicano de honra” en A Coruña.  Nesta nova entrega lémbrase a moción de censura do ano 2004, na que participou activamente a escritora e profesora Luísa Villalta. O apartado de Letras Galegas, adícase a L. Villalta. A autora é homenaxeada este ano no Día das Letras, precisamente cando se cumple o vinte aniversario do seu pasamento. Outro dos artigos significativos é o do propio Pérez Lorenzo, no que explica a situación dos bens mobles do pazo de Meirás tralo xuizo, no que el mesmo participa e que vén de celebrarse nun xulgado madrileño. Artigos de creación literaria e  de temática ambiental non faltan en Areal, se ben, en opinión de Lito, debería ter esta última máis presenza na publicación.

Sergio Modia, colaborador habitual do magazine cas súas propostas cinematográficas e musicais, vai introducirnos nas orixes da discografía en España. E Modia cumpliu ben ca expectación espertada, agasallándonos cunha auténtica e exquisita experiencia musical. Equipado cun xiradiscos preparado por el para discos de lousa orixinais de 78 r.p.m, Sergio levounos polas ondas musicais rexistradas nos albores do século XX. El fixo soar para nós, gravacións antigas de distintos lugares de España, comezando polo Himno Galego de 1920 ou o Himno de Riego de 1915, ata un conto popular narrado en galego por Joselín, de 1929. Escoitamos músicas populares de Cantabria, Asturias, Euskadi, Catalunya… cancións montañesas, jotas, sardanas. De Aragón é o disco máis antigo, trátase dun mono-cara de 1904. Inclusive unha xoia de gravación doméstica (1950), pero de artista e canción descoñecidos. Algúns dos discos foron gravados aquí, outros en Arxentina ou New York. Pero os rexistros sonoros non se cinguen só a España, o noso gurú sorpréndenos cunhas insólitas pezas da India ou do Xapón Imperial, dos anos vinte e trinta. Entre estas “rarezas sonoras”, puidemos ouvir unha ópera rusa de 1930 e de China unha ópera cantonesa. Remata o  interesante e ilustrativo percorrido con son cubano, cunha canción típica da illa interpretada polo dueto de trovadores Floro e Cruz, segundo explica Sergio, do ano 1910.

Finalmente o alcalde de Sada, Benito Portela, pecha o acto pronunciando unhas palabras de eloxio para o presidente da ACISP, M. Pérez Lorenzo, polo seu traballo como historiador, fundamental no proceso de recuperación dos bens do pazo de Meirás. O alcalde destaca a importancia do labor ao servizo da sociedade levado a cabo polo noso presidente.

Vídeo de Xulio Correa Corredoira
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *