O Xulgado de Primeira Instancia nº 70 de Madrid acolleu hoxe a declaración do presidente da AC Irmáns Suárez Picallo.
Esta mañá continuou o xuízo no que se vai dirimir o futuro dos bens mobles do Pazo de Meirás. O xuíz deberá ditaminar a quen corresponde a propiedade do mobiliario, obxectos e elementos artísticos que alberga, unha vez a Avogacía do Estado presentou unha demanda reclamando a posesión de aqueles dos que existe constancia da súa presenza antes de 1975. Os herdeiros do ditador Francisco Franco, á súa vez, pretenden conservar a propiedade. En 2020, unha sentenza xudicial recoñeceu que o Pazo de Meirás é un ben público, mais agora toca dilucidar a quen corresponde o seu contido.
Entre os peritos que declararon esta mañá figura o presidente da nosa asociación, Manuel Pérez Lorenzo, por ter elaborado un dos informes que serviu como proba pericial para a demanda. No seu informe, logo de contrastar cada elemento presente en Meirás con fotografías e fotogramas de época, delimita aqueles bens dos que existe evidencia contrastada de que estaban presentes con anterioridade ao ano 1938, cando o inmoble pertencía á familia Pardo Bazán, e aqueles outros incorporados entre ese ano e 1975, período no que o pazo funciona como residencia oficial do ditador. Os anteriores a 1938 foron adquiridos pola Junta Provincial Pro-Pazo del Caudillo conxuntamente co edificio para súa doazón á Xefatura do Estado, polo que a súa posesión debera corresponder ao Estado. Os que se inclúen antes de 1975 intégranse nunha residencia oficial que o Estado xestiona como tal, correndo con todos os gastos de mantemento, persoal, intendencia, etc., razón pola que deberan ter ese mesmo destino.
Hoxe tamén declararon, en calidade de peritos, os historiadores e historiadores da arte Jesús Sánchez, Rebeca Blanco, Emilio Grandío e Miguel Anxo Rodríguez. Mañá concluirá o xuízo, pero haberá que agardar á sentenza para coñecer o destino de elementos que son parte esencial do pazo nas súas diferentes etapas: as cadeiras do despacho de Pardo Bazán, a mesa de traballo da escritora ou o escritorio sobre o que despachaba o ditador e no que se asinaron disposicións con amplas repercusións no contexto dun réxime represivo, entre moitos outros que compoñen unha longa lista e que permiten entender o significado de Meirás como obra arquitectónica concibida por Pardo Bazán, para facer dela a súa casa, e como un dos principais escenarios de poder no marco dunha ditadura que amordazou á sociedade durante catro décadas. A súa permanencia no pazo e a súa posesión pública, ademais de necesarias para non desvirtuar o edificio, son necesarias para, na medida do posible, facer xustiza fronte a tantos anos de impunidade.