Remata a programación das Letras Galegas cun acto moi emotivo

Con este derradeiro acto puxemos fin á nosa programación para conmemorar a Luísa Villalta. A homenaxeada nestas Letras Galegas foi lembrada por Mercedes Queixas e Prudencio Viveiro o pasado xoves, 16 de abril. Cristina Asensio, membro da Directiva da AC Irmáns Suárez Picallo, agasállanos cunha crónica conmemorativa que serve como colofón destes actos en honor a Luísa Villalta.


Fotografía de Xulio Correa Corredoira

O pasado xoves 16 de maio, víspera do Día das Letras Galegas, vivimos na capela de S. Roque, en Sada, unha fermosa festa das letras en homenaxe a Luísa Villalta. Alí déronse cita a escritora Mercedes Queixas e o editor Prudencio Viveiro (edicións Laiovento) para apresentarnos dúas obras: Un ruído provocado(r) e O don Hamlet de Cunqueiro.

A primeira das obras citadas Un ruído provocado(r). Voces arredor de Luísa Villalta é da autoría de Montse Pena Presas e Mercedes Queixas Zas, publicado por Laiovento. Ambas son as coordenadoras dun proxecto no que reúnen doce voces arredor da creadora Luísa Villalta. Mercedes Queixas e Montse Pena queren facer a reconstrucción do perfil da autora de Música Reservada da que destacan o seu oficio como escritora e como profesora do ensino público, o seu compromiso social e cívico. A obra polifónica con doce voces sobre a poeta, converten o  verso de Luísa “un ruído provocado”(poesía) en “ruído provocador” (pensamento). Ese ruído provocador é producido entre outras por Ana Pillado, Marta Dacosta, C. F. Pérez-Sanjulián, Maribel Longueira, Antía Otero, Cesáreo S. Iglesias ou a propia Montse Pena Presas. Todas elas queren conducirnos a reflexionar, a pensar sobre o significado e a importancia de Luísa Villalta na cultura galega contemporánea e fanno enfocando desde as diferentes perspectivas necesarias para sinalar as múltiples facetas da nosa escritora.

O editor P. Viveiro veu coa reedición do ensaio de Villalta Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral, obra que xa fora editada por vez primeira pola mesma editorial, Laiovento, cando esta apenas levaba un ano de existencia. O editor destaca que lle tería gustado que fose desta vez unha edición crítica, pero resultou imposíbel. Prudencio sinala a idea de que a escolla da normativa ortográfica por parte de Luísa, estaba tamén relacionada coa escolla da editorial, no que tamén influiría a relación literaria e persoal de Villalta co editor Francisco Pillado. No ensaio Luísa desexa despexar a través dunha ecuación matemática quen é o lexendario Hamlet e resólveo por medio do teatro. Segundo Prudencio Viveiro o ensaio “resulta moi actual e oferece unha peza máis do puzzle Villalta”.

Mercedes Queixas e Prudencio Viveiro remataron a súa intervención trazando unha reivindicación emocionada da obra de Luísa Villalta. Que a súa obra chegue a estar ao alcance de  todos e todas, nas librarías, nas bibliotecas e que LEAMOS A LUÍSA, velaí a súa proclama.

O acto concluíu coa musicalización dun poema da nosa poeta interpretado por Karina e Ximena.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *