Presentación do libro “Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta” de Xurxo Souto

A Capela de San Roque encheuse o pasado sábado, 4 de maio para escoitar ao coruñés Xurxo Souto falar de música, de arte e de Luísa Villalta. A continuación, Cristina Asensio recolle nunha crónica os momentos máis emotivos e relevantes do acto.


Xurxo Souto presenta en Sada, o sábado, 4 de maio na capela de S. Roque, o seu libro Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta.

“Saúde e océano. Felicidade por estar en Sada homenaxeando a Luísa”, dinos o autor que manifesta, que un dos símbolos da Coruña é o poemario de Villalta En Concreto, XII premio de poesía Espiral Maior e publicado postumamente.

 Ao son mariñeiro da buguina o acto da comezo.  Nunha presentación miscelánea, con cancións populares, interpretadas co acordeón ou a capela, en romance (galego) ou en latín.  Xurxo Souto desenvolve a idea de que a obra máis xenuina e revolucionaria de Villalta é o seu ensaio O outro lado da música, a poesía. Segundo o autor, o método Villalta consiste nun novedoso enfoque para o estudo da poesía galega e que debería seguirse nas aulas de literatura para o seu correcto ensino. Resulta imposíbel un verdadeiro achegamento ás cantigas medievais, de amigo, de amor, ou á poesía do Rexurdimento, ou de calquera etapa, sen o compoñente musical. A obra de Villalta é pois pioneira neste terreo, marcando un antes e un despois ca súa proposta transformadora. “A música e a poesía, lévanos a outro estado de conciencia”, di.

Xurxo insiste na importancia da música como alicerce da poesía e da paso ao presidente da Asociación Suárez Picallo, Manuel Pérez Lorenzo, Lito, neto de Lito da banda Los Españoles, formada a mediados dos anos 50 na emigración. Lito traza un percorrido polas agrupacións de músicos populares, especialmente a de seu avó.  Estes intérpretes foron quen de espallar as cancións tradicionais máis alá das nosas fronteiras, chegando inclusive ata Xapón.  Xurxo Souto destaca a contribución destes artistas, que como Los Tamara, musicaban poemas dos grandes poetas, como Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Celso Emilio Ferreiro.

O acto péchase co son da buguina, despois de interpretar a súa cantiga dedicada ao mar do Orzán.  Xurxo, acompañado do seu acordeón e do público,  que canta o retrouso “Orzán”.

“Medre a música! Medre a poesía! Medre a palabra de Luísa Villalta!”

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *