Presentación do libro “Así vou eu, formando parte”

Unha crónica de Cristina Asensio, membro da Directiva da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, sobre a charla-presentación impartida pola poeta Eva Veiga o venres 26 de abril.

Así vou eu, formando parte

Así vou eu, formando parte, antoloxía da obra poética de Luísa Villalta. A escolma foi elaborada conxuntamente por Eva Veiga e Pilar Pallarés e editada por Chan da Pólvora. O libro consta de 67 poemas (67 porque eses serían os anos que Villalta cumpliría o vindeiro mes de xullo), xunto a unhas pezas documentais da propia  autora. A obra inclúe amplos textos das antólogas, nos que tentan dar a comprender o mundo poético villaltiano.

A presentación a cargo de Eva Veiga, tivo lugar o pasado venres, 26 de abril na Capela de San Roque en Sada. A antóloga na súa lección maxistral, traza o percorrido poético de Villalta, desde os inicios no primeiro poemario, Música Reservada (1991) ata Papagaio, (obra conxunta coa fotógrafa M. Longueira, publicado póstumamente no 2006). Veiga sinala que a concepción poética de Luísa evolúe a través dos seus textos desde unha poesía máis abstracta e por veces metapoética, ata descer ao plano da realidade social, que se evidencia a partir do poemario En Concreto. Poesía e música non se comprenderán por separado e serán a canle de expresión do pensamento villaltiano e do seu irrenunciábel compromiso social. A formación musical de Luísa Villalta, como titulada Superior de Piano e a súa experiencia profesional no  grupo de cámara Escaino, e nas orquestras, de Santiago de Compostela e a Xove Orquestra de Galicia, terían sido determinantes na traxectoria poética e vital da autora.

Eva Veiga puxo o punto final cunha brillante interpretación dramática  do poema “Puta” de Papagaio.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *