A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña vén de conceder o título de Republicano de Honra 2024 ao noso socio Jesús Castro Vidal.

Esta escolla forma parte dos actos e actividades que a CRMH da Coruña desenvolve cada ano ao redor do Día da República que vén organizando desde o ano 2008, ano tamén do nacemento da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.

Jesús Castro é un defensor e loitador incansábel da memoria republicana, da que conserva lembranzas desde as súas vivencias como veciño de Sada.

Parécenos que é un magnifico regalo no seu 97 cumpreanos e colaboraremos coa CRMH para que os actos que se organicen sexan exitosos, porque Jesús é moi coñecido en Sada polo seu activismo social, cultural e político, destacando a súa participación en entidades como a Plataforma pola Democracia en Sada (que ao igual que a CRMH da Coruña cumpre este ano 2024 o seu 20 aniversario), na AC Irmáns Suárez Picallo e tamén en organizacións políticas, formando parte de diferentes candidaturas nas eleccións municipais e impulsando a colocación do monumento-memorial existente no paseo marítimo de Sada, en memoria das vítimas da represión franquista da localidade.


A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo participará nas reunións que celebre a CRMH para colaborar na organización en Sada desta homenaxe merecida. A primeira será este vindeiro martes 19 de marzo para a elaboración do programa de actividades e actos dos que iremos informando puntualmente.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *