Relato de Samaín

TEXTOS PREMIADOS NO CERTAME LITERARIO
DO SAMAÍN (1º e 2º da ESO)

IES ISAAC DÍAZ PARDO | SADA

Con motivo da celebración do Samaín, o Equipo de Dinamización Lingüística e o Departamento de Lingua Galega e Literatura do IES Isaac Díaz Pardo organizaron un concurso de relatos. Reproducimos os tres textos gañadores.

Ilustracións de Carmen Castelo Monteagudo

PRIMEIRO PREMIO

SARA PONCE BURGOS

O 30 de outubro, como calquera outro día, María, unha nena de trece anos, estaba preparando a súa mochila. Igual ca sempre, ao día seguinte tiña que ir ao instituto, pero cando foi gardar o estoxo decatouse de que non estaba na súa mesa (cousa que non entendía porque había uns minutos estivera facendo os deberes e usando todo o que tiña dentro del). Empezou a buscalo por todas as partes pero non o atopou, non estaba, o estoxo desaparecera.

Tiña présa, e polo tanto colleu outro e gardouno, pero momentos despois comezou a decatarse de que lle faltaban máis cousas, como o libro que sempre lía antes de durmir, unha lámpada que tiña na mesiña de noite, etc… Cada vez notaba que lle faltaban máis cousas. Non entendía nada, polo que decidiu ir durmir.

O día seguinte ao espertar mirou se algo do que non atopara onte volvía estar no seu lugar, pero non, como era de esperar, empezou a formar historias na súa cabeza: será que un fantasma está a esconderme as cousas, ou un esqueleto que está a me facer unha broma, non tiña nin idea do que podía estar sucedendo pero o que tiña claro era que o Samaín chegara á súa casa, e non lle facía moita graza.


SEGUNDO PREMIO

ALBA VIZOSO DE LA VEGA

A profesora de Plástica trouxo a clase, un 31 de outubro, un antigo espello cun marco moi traballado e manchas negras no cristal. Contoulle aos seus alumnos que era dun amigo anticuario e que o ía restaurar durante o trimestre. Deixouno apoiado na parte traseira da aula. Na última fila sentaban Brais e Mariña, que aos poucos minutos comezaron a escoitar unha voz de home que dicía claramente: «vén». Proviña, sen dúbida, do espello. Miráronse brancos de medo.

No recreo quedaron co seu amigo Lois en coarse aquela mesma noite no instituto e descubrir o misterio. Unha vez dentro acenderon as súas lanternas e, xa na aula de Plástica, na escuridade, viron uns ollos vermellos arrepiantes no espello. Acercáronse máis e dentro víanse ducias de nenos, algúns vestidos con roupa doutras épocas. Lois quixo tocar o cristal e, de súpeto, unha man aterradora colleuno dun brazo. Os seus amigos tiraron del e caeron xuntos no chan. Brais, sen pensar, rompeu o espello coa súa lanterna e saíron correndo de alí. Nunca esquecerían esa noite de Samaín.


TERCEIRO PREMIO

CAMILA MARTÍNEZ FRANCO

Unha familia, composta por dous pequenos e os seus pais, viaxaban por estrada a casa, cando o coche se lles avariou.

Os pais saíron buscar axuda e, para que os nenos non se aburrisen, deixáronos coa radio acesa. Caeu a noite e os pais seguían ser volver cando escoitaron unha esnaquizante noticia na radio: un asasino moi perigoso escapara dun centro penal próximo e pedían que se extremasen as precaucións.

As horas pasaban e os pais dos nenos non regresaban. De súpeto, empezaron a escoitar golpes que parecían provir de algo que golpeaba a parte de arriba do coche; eran cada vez máis rápidos e máis fortes: «poc, poc, poc». Os nenos, aterrados, non puideron resistir máis; abriron a porta e fuxiron a fume de carozo.

Só o maior dos nenos se atreveu a virar a cabeza para mirar que provocaba os golpes. Non debería facelo: sobre o coche había un home de grande tamaño que golpeaba a parte superior do vehículo con algo que tiña nas mans: eran as cabezas dos seus pais.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *