Mercedes Rodríguez Bolaño.
No xeito de acudir á trapela co afán de deixar aí cumpridas as leis de quen lles choca a man xente con vocación de terra de toupa Deixaron os soutos a faiados e na noite poñen leite ás feras e nos usos da navalla a mansedume, tripas do veciño e barco ó lonxe Dos xitanos: nin cesto nin canción somos o caldeiro que tira a pozo e non coñecín feliz muller ningunha nin amei aquela patria que nos guindou da man dun trono ás periferias onde compoñemos o estandarte do pano no colo Daquel vivir nun cerco de cabezas gachas unha lebre salta e bendime a memoria: De locutoras con voz de cidade á noite O carteiro abría as cartas de amor coa petrina do baño quente As mulleres famentas casaban con Cristo e viaxaban en cepelín Cando viñeron as cancións francesas eu baixei á praza convocar as alegres medroume unha luz na gorxa As eguas tiraban embaixo os donos na porta da taberna Vin un rapaz de uvas e no Seminario colleu a sombra do patíbulo A min faltoume un abrazo cando me metín nun coche e andei coa caixa da dor partida os centímetros da infamia Un espertar meu puido ser un atestado na rúa cando atravesaba as prazas riba dun cable Ti levabas sempre un cesto da túa pel Eu abrín os brazos e pasou un valado a rentes Témonos: nos ósos rompidos da lúa a lingua nova vén nun buque e movemos a man nun baile que lle pon ó corpo un mes de xullo Funme baixo a lona dun tratante O tempo perdeu a miña sombra na cidade sen alcumes O lixo nadaba os sábados Nos autobuses vin tipos ruíns con bosta nos dentes Ías cun traxe branco na lúa morna do Barrio Chino e recordei a foto da primeira comuñón As cidades europeas tiñan choro de seu e pola fenda do albor un alarido A noite poñía as rúas cara abaixo a nosa idade nunha caeira Desde os reclinatorios cuspían contra nosa A nostalxia era Roma e pagaba As ventás devecían polas voadoras nocturnas Un día volvín cun sono pecho de soldado na neve Erguín a man e cantei a herba en Liverpool Perdín os domingos como meu pai no fútbol Porque o demo ten máis graza que os clubs de tarambainas xa non baixo máis á praza de armas nin te espero no acubillo de capela ningunha Queda pouca corda deixádeme ir —E levouna Deus coa mesma boca da blasfemia deixádeme ir —Sit tibi terra levis e quedamos no pousar do xeo minguante Deixádeme ir saírlle ó sol no camiño da cinsa: Se vai ser forza que alumee se vai ser gramo que colla río