“Somos moitos os que aprendemos con ela a amar a nosa lingua”, di o alcalde, que foi alumno da poeta
Texto publicado orixinalmente e extraido do xornal “La Opinión”
Mais información na web do CEIP “Sada y sus Contornos”
A Real Academia Galega celebrou onte en Sada a Primavera das Letras, un acto en homenaxe á protagonista do Día das Letras Galegas, Luísa Villalta, que impartiu clases de Lingua e Literatura galegas no IES Isaac Díaz Pardo dende o ano 1991 ata o seu pasamento no 2004. No acto tamén participaron Susana Villalta, irmá da escritora, e o alcalde de Sada, Benito Portela, que foi alumno da homenaxeada.
“Somos moitos os que aprendemos con ela a amar a nosa lingua, a coñecer a nosa literatura. Luísa foi para moitos de nós mestra máis aló das súas ensinanzas”, expresou. “Ler a Luísa é a mellor maneira de recordala e homenaxeala. Dende o Concello de Sada animamos toda a nosa veciñanza a que se achege á súa obra”, invitou o rexedor.
O acto incluiu a presentación do conto biográfico Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, de Xoán Babarro e Ana María Fernández, que pretende “achegar a autora á xente miúda de maneira atractiva”, sinalou Fina Casalderrey, académica responsable da páxina web primaveradasletras.gal, na que pode descargarse o relato e unha serie de actividades arredor do vital e literario da autora que irán medrando nas vindeiras semanas.
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica coordinadora do proxecto, Fina Casalderrey, inauguraron un acto que tivo por protagonistas aos escolares. Alumnado do colexio Sada y sus Contornos levaron á escena unha adaptación teatral do conto biográfico de Luísa Villalta realizada pola mestra Tamara Rodríguez. A continuación, o alumno Roque Souto Parga e as alumnas Eva Mato Escurís e Candela Naya López, de primeiro de bacharelato do instituto Isaac Díaz Pardo, deron lectura a varios fragmentos de obras poéticas e ensaísticas de Luísa Villalta.
Susana Villalta púxolle o ramo ao acto. A irmá da autora agradeceu a homenaxe celebrada na vila onde foi docente. “Luísa entraba cada día no seu instituto de Sada coa ilusión primeira para encontrarse co seu alumnado, arestora representado por estes mozos e mozas que prepararon con ilusión este acto”, apuntou.