Paris Joel.
Onde está a túa axenda de boas intencións, todos eses cadáveres de promesas incumpridas, hai moito que chegaches ó punto de non retorno, e aínda vas na procesión do autoengano politicamente correcto na cómplice mansedume dos xenocidas que xogan ó Risk nun concurso global sobre os tamaños das súas falocracias. Colleito con vergoña olladas perdidas, Sofás quentes de fútbol e cinema, discursos equidistantes do sangue da infancia, Dos entullos de Gaza, das sirenas antiaéreas Ukraínas, do vermello coltán do Congo, das famentas haimas saharauís, e do silencio violado na intemperie feminina. Maldigo os móbiles que inmobilizan, os segredos que se agachan nas librerías, o slogan sucio, mal intencionado, e, sobre todo, a inacción dos bos e xenerosos, que apontoan por defecto ós ruins, ós malos. Onde está a túa axenda de boas intencións, Eses etílicos desexos de fin de ano, mira ben ó teu redor, e reza para que non sexan o teu epitafio.