A ACISP asistirá aos actos de inauguración do Monumento Memorial ás vítimas do franquismo en Ferrol

A AC Irmáns Suárez Picallo asistirá aos actos promovidos pola Comisión Pro Memorial e organizados polos grupos municipais popular, socialista, BNG e FeC. A inauguración terá lugar o vindeiro sábado 24 de febreiro ás 12 horas no parque Antón Varela do barrio de Canido.

A AC Irmáns Suárez Picallo atende así o convite da Comisión Pro Memorial, no que se adxunta o seguinte texto:

Non se trata de persoas mortas durante a Guerra pois, na comarca de Ferrolterra, os militares sublevados contra o lexítimo goberno republicano, ocuparon o territorio entre o 20 e o 24 de xullo e iniciaron as persecucións e matanzas. Son homes e mulleres asasinados pola represión que seguiu ao Golpe, que afectou ás persoas comprometidas cos valores democráticos e a defensa das liberdades, polo que os asasinatos estendéronse a todo o período da Ditadura. Segundo os cálculos levados a cabo ate o momento, trátase de máis de novecentas vítimas, que merecen un recoñecemento e que, finalmente o van ter.

No ano 2016 se presenta no Concello de Ferrol a primeira proposta de construción dun memorial, á que seguiu en 2017 a aprobación polo pleno, aínda que o memorial non chegou a erixirse. No 2020 apróbase outra moción, que tampouco se materializou. Isto explica que en xullo de 2021 se crease a Comisión pro memorial ás vítimas do franquismo, que desde entón leva traballando para erguelo e que, finalmente, verá cumprido o seu obxectivo. A obra consiste nunha base de formigón, na que estarán os nomes de todas as persoas asasinadas, e unha obra escultórica de Manuel Patinha.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *