Desde hoxe temos dispoñible en Areal.gal o formato dixital do Caderno de Estudos Locais adicado a Manuel Suárez de Concha que edita a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.

No ano 2023 fixo medio século da primeira exposición –logo das experiencias na emigración– de Manuel Suárez de Concha en Sada. En Galicia. Cincuenta anos ao longo dos que se foi configurando unha personalidade definida e recoñecible, a dun debuxante, pintor e escritor que, sen ser monotemático, obrou sempre contando cunha referencia clara e ineludible: o universo galego, coas súas tradicións, figuras humanas e paisaxes. Todo aquilo que nos fai específicos e que constitúe a nosa forma de enriquecer o mundo.
Para conmemorar tal efeméride, recollemos neste caderno a seguinte nota biográfica, extraída da propia memoria do autor, así como unha pequena selección de obras da súa autoría de diverso xénero e executadas con diferentes técnicas. Sumámonos así ao recoñecemento a unha persoa que, co seu impulso creativo, axudou a enriquecer a vida cultural da nosa localidade e que nunca escatimou esforzos á hora de colaborar con quen llo demandou.Podes acceder ao Caderno nesta ligazón