Abel López Soto.
O mestre de Souto (Carnoedo, Sada), asasinado en 1936, estaba soterrado en Trasanquelos xunto co tamén paseado Juan Torreiro, de Lubre
O mestre de Souto Rafael Fernández Casas, detido o 20 de agosto de 1936 na súa casa en Souto, paseado, fusilado e tirado na beira do río Mendo no lugar de Trasanquelos, vai ter por fin un enterro digno, de se confirmar os esperanzadores resultados dos traballos de recuperación dos seus restos na foxa común do cemiterio parroquial, onde foron localizados dous cranios con marcas claras de recibir impactos de bala. Un pertencería a Rafael e outro a Juan Torreiro, un veciño de Lubre (Bergondo), ambos os dous soterrados xuntos nese cemiterio parroquial do Concello de Oza-Cesuras, segundo se desprende do informe histórico que guía os traballos de escavación e á espera dos resultados do cotexo de ADN cos de familiares directos.
En novembro de 2021 a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo (en diante, ACISP) publicou o caderno de Estudos Locais nº 37, dedicado a este mestre comprometido e activista cultural e político da etapa da II República española.
Naquel caderno faciámonos eco da súa interesante traxectoria persoal, dunha infancia difícil, das súas primeiras experiencias profesionais, do seu compromiso como docente coa escola pública, así como do seu activismo cultural e político, como recollen tamén outros traballos anteriores xa publicados. O Caderno da ACISP ofreceu datos inéditos que permitiron aproximarse con maior precisión á localización dos seus restos, entre os que destaca un arrepiante artigo publicado no xornal A NOSA TERRA o 15 de xullo de 1942 no que, baixo o pseudónimo de «Mariñán», alguén desde Bos Aires narrou con detalle datos sobre a captura e posterior asasinato de Rafael Fernández Casas.
Na presentación dese caderno da ACISP nos locais da Asociación de Veciños Armental, nas antigas escolas de Carnoedo, a finais do ano 2021, tivemos a sorte de contar coa presenza do fillo de Rafael, de nome Orientado, que era un meniño de 18 meses cando lle arrebataron a seu pai. A manifestación do seu desexo de recuperar os restos foi o detonante para que comezásemos a explorar esa posibilidade.
O nome de Orientado, moi pouco común, ten unha explicación ben bonita. Rafael foi Venerable Mestre da Loxa masónica «Agarimo» de Santiago de Compostela, na que ingresou co nome de Orientado, sobrenome que quixo que perdurase transmitíndollo ao seu fillo primoxénito.
Despois de coñecer a vontade de Orientado, desde a ACISP sentímonos na obriga de colaborar na medida das nosas posibilidades, non só a cumprir os seus desexos de dar soterramento digno aos restos do seu pai, senón tamén a restituír a honorabilidade dunha persoa asasinada polo odio e a xenreira daqueles aos que lles molestaban as súas ideas democráticas e para restablecer fielmente a memoria que pretenderon borrar.
O primeiro paso iniciámolo no ano 2022 poñéndonos en contacto co grupo Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX)1, un equipo de investigación da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela que participou desde o ano 2020 na querela arxentina contra os crimes do franquismo e que en Galiza ten feitos importantes traballos, tanto de investigación histórica coma de recuperación de restos en foxas de diferentes lugares.
O seu coordinador, o catedrático de historia contemporánea na USC Lourenzo Fernández Prieto, acolleu con interese a nosa proposta, solicitounos información e derivounos ao grupo Nomes e Voces2, que naceu ao abeiro dos traballos que se realizaron ao redor do Ano da Memoria 2006, promovido daquela pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galiza e que, entre outras, tiña a encomenda de estudar a violencia golpista durante a Guerra Civil e a posguerra, así como ofrecer á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución neste período.
Unha vez que Nomes e Voces determina que é viable a procura dos restos de Rafael, foi con Gustavo Hervella con quen proseguimos os contactos e colaboramos ao longo de todo o ano 2022 fornecendo toda a nosa información e as fontes orais das que dispoñiamos. Gustavo xestionou a partida orzamentaria necesaria para iniciar todos os trámites de localización e exhumación dos restos.
A primeira actuación encamiñada a conseguilo tivo lugar o 16 de novembro de 2022, cando se trasladou ao lugar de Devesos, en Ortigueira, o médico forense do Imelga (Instituto de Medicina Legal de Galicia) Fernando Serrulla para practicarlle a Orientado unha proba de ADN, co fin de asegurar que os restos que se puidesen atopar corresponderían ao seu pai.
O día 1 de xullo de 2023 Gustavo Hervella comunícanos que se van iniciar os traballos sobre o terreo no cemiterio de Trasanquelos, e para facelo pídesenos que a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo ou o propio Orientado soliciten a exhumación. Desde a ACISP enviámoslle a Orientado o escrito para que fose el quen o asinase persoalmente, con este texto:
Polo presente e ao abeiro do convenio de investigación «Actuacións dentro do plan cuadrienal de memoria democrática en Galicia 2023» asinado entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela solicito ao equipo da USC e ao IMELGA a intervención na fosa do cemiterio parroquial de Trasanquelos (Oza-Cesuras) na procura do corpo de Rafael Fernández Casas e a súa identificación se é posible.
En Devesos, a 22 de xullo de 2023
Asdo.: Rafael Orientado Fernández Lamelas
A finais dese mesmo mes, o equipo de Histagra realiza as primeiras medicións no cemiterio de Trasanquelos, e tres meses despois, o día 10 de outubro ás 11 da mañá, inícianse os traballos de localización da foxa.
O primeiro día achegouse directamente desde Francia un equipo de persoas especializadas no manexo dun xeorradar, co que exploraron todos os lugares do camposanto onde, segundo as testemuñas e os estudos históricos, podían estar soterrados os restos de Rafael.
Unha vez procesados todos os datos proporcionados polo xeorradar, iniciáronse as catas o luns 20 de outubro. Apareceu sobre o terreo un equipo formado por:
- Conchi López Sánchez, doutora en Historia (USC 2021), redactora do informe histórico que avala a localización da foxa.
- Fernando Serrulla Rech, médico forense do Imelga
- Francisco Alonso Toucido, historiador da USC, director da escavación
- Mario César Vila, arqueólogo, asistente de dirección
- Tania Rial Figueiras, arqueóloga
- Manuel Piñeiro Soto, arqueólogo
- Iria López Viéitez, arqueóloga
A primeira cata realízase na parte traseira da igrexa e a definitiva no seu lateral esquerdo, onde a historiadora Conchi López situaba a foxa, logo de cotexar os informes históricos e a aparición dunha foto achegada polos familiares do compañeiro tamén fusilado Juan Torreiro, realizada a inicios dos anos 40 nunha visita da familia de Juan á foxa onde tamén outras testemuñas orais sitúan o soterramento de ambos, nun mesmo cadaleito feito con táboas por un veciño do lugar. As testemuñas orais lembran que se soterraron xuntos «un mestre de escola (Rafael) e a un mestre de obras (Juan)».
Foi nese lugar onde se centraron os traballos durante a segunda metade da semana do 20 ao 25 de novembro, que deron como resultado a aparición de numerosos restos óseos entre os que destacan dous cranios, xuntos, ambos os dous con sinais inequívocos de fortes impactos compatibles con disparos de bala. Un achado esperanzador que propio forense valoraba como moi importantes, polo feito de que aparecesen os dous cranios xuntos, con impactos de bala, no lugar esperado e dun xeito concordante co informe histórico.
Este achado fixo medrar o optimismo do grupo, á espera de seren analizados os restos nos laboratorios do Imelga de Verín, e de seren trasladados a Compostela para o cotexo do seu ADN co dos fillos respectivos, para que, nun período non superior a catro meses e unha vez concluídas todas as probas, se produza a confirmación definitiva.
Culminou así un traballo científico rigoroso, e tamén altamente emotivo para Orientado, que, acompañado da súa dona, o venres día 24 visitou a foxa no cemiterio, onde recibiron todas as explicacións por parte do equipo e, moi impresionados, amosaron o seu agradecemento.
Os traballos deste equipo multidisciplinar tiveron un importante eco nos principais medios de comu-nicación escritos:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/sada/2023/10/31/rafael-tumba-flores-hijo-pierde-esperanza-encontrarlo/00031698745849874781330.htm
https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2023/10/27/curva-vio-morir-maestro-republica-93856671.html
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/oza-cesuras/2023/11/23/fernando-serrulla-sobre-excavacion-trasanquelos-conviccion-preliminar/00031700747845771819243.htm
https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2023/11/25/hijo-represaliado-recibe-posibles-restos-95067882.html
Tamén estivo presente ao longo de toda esa semana, o grupo Lentes Diverxentes, un colectivo audiovisual sen fins de lucro centrado na elaboración de proxectos documentais desde unha óptica de comunicación social transformadora que pula por unha sociedade máis xusta e igualitaria.
Susana Recouso e Fran Piñeiro estiveron toda a semana recollendo documentación gráfica e facendo entrevistas, e completarán o traballo desprazándose a Sada para gravar os lugares máis emblemáticos relacionados coa actividade de Fernández Casas, así como para recoller a opinión de membros da ACISP.
Unha vez que finalicen o documental, a ACISP convidará os membros de Lentes Diverxentes a presentaren o seu documental en Sada.
Tamén o membro da Xunta Directiva da ACISP Xosé Seoane estivo toda a semana das escavacións documentando fotográfica e videograficamente o máis relevante dos traballos.
É probable que no primeiro trimestre do vindeiro ano 2024 teñamos xa os resultados definitivos. De confirmárense como positivos, colaboraremos na organización do soterramento dos restos de Rafael no cemiterio de Devesos (Ortigueira), ao lado dos da súa viúva Melisendra, porque ese é o desexo do seu fillo.
Desde a ACISP xa temos iniciados contactos cos Concellos de Sada e Ortigueira para que, xunto coas asociacións memorialísticas e culturais e coas persoas individuais que contribuíron cos seus traballos a manteren viva a memoria de Rafael, participen nese acto público na honra desta vítima dunha barbarie que non debemos esquecer para evitar que se repita.
Desde a ACISP anunciamos que solicitaremos formalmente que o lugar de Trasanquelos onde foi tirado o corpo de Rafael tras o seu asasinato e a foxa na que apareceron os seus restos sexan declarados Lugares de Memoria e que figuren, por tanto, no inventario de lugares de memoria democrática que dispón o art. 51 da Lei 20/2022, do 19 de outubro.
Cemiterio de Trasanquelos debe ser un dos centos lugares de memoria. Para que NUNCA esquezamos a represión cruel dos sublevados franquistas
Grazas polo teu comentario Beatriz