Montse Pena Presas: «A lingua é unha mostra de como percibimos o mundo»

Redacción

Conversamos coa filóloga sadense nun ano cheo de novidades

O pasado 15 de agosto, Montse Pena era a encargada de pronunciar o pregón das festas de Sada. Poucas semanas antes, coñecíase a nova do seu ingreso como académica correspondente da RAG, recoñecemento ao que xa é unha moi sólida traxectoria no campo da crítica literaria e do estudo da nosa literatura. Naquela xornada inaugural das celebracións patronais, aludía ao aprecio que as persoas temos polos lugares, «porque temos unha memoria apegada a eles que funciona como un mapa dos afectos». «Eu serei sempre unha nena de Sada», recoñecía.
Hoxe conversamos con ela que, malia levar moitos anos residindo fóra da nosa localidade, forma parte da súa paisaxe. E abordamos algunhas cuestións de actualidade para explorar o seu enfoque, sempre enriquecedor.

En que proxectos estás a traballar na actualidade?
Curiosamente, e a pesar de que en principio non me apetecía pola cercanía afectiva, en dous volumes sobre Luísa Villalta, un para edicións Laiovento, que coordino con Mercedes Queixas, e outro para a Universidade de Santiago, que coordino con María Xesús Nogueira. Supoño que precisamente por esa cercanía, preocupábame moito achegar unha visión monolítica de Villalta e de aí que, nos dous casos, se trate de volumes colectivos.


A túa bibliografía é ampla, tanto en ensaios como en textos de carácter didáctico. Cal é o libro que che gustaría escribir e que aínda non escribiches?
Posiblemente, moitos. Á miña cabeza non lle faltan ideas, pero ao meu corpo fáltalle tempo. Dende novas achegas teóricas a diferentes cuestións, como unha visión persoal da historia da literatura infantil en Galicia ou un manual para profesorado sobre educación literaria, ou diferentes biografías de persoeiras distintas, que son o meu verdadeiro vicio. E nalgún momento, tamén, inda que me pese, imaxino que un libro de ficción. É unha débeda que teño con algunhas persoas, pero especialmente comigo mesma.

Como nai e como experta en literatura infantil e xuvenil, que diagnose fas da relación da mocidade coa lectura?
Creo que, polo xeral, temos moitos preconceptos con isto. O último barómetro da lectura en España amosa que a franxa de idade que máis le por pracer é xustamente a da mocidade, a que vai entre os 10-14 anos e a de 15-18. Evidentemente, tampouco podemos negar o uso que fan dos móbiles, mais opoñer lectura ás tecnoloxías é un erro importante. Creo que nas casas hai que sementar co exemplo e nas escolas hai que desterrar prácticas paradas no tempo, como exames derivados de obras literarias.
O ano pasado publicabas, con María Caamaño Rojo, un traballo sobre a comunicación inclusiva no ensino. Ata que punto é importante o uso da linguaxe á hora de avanzar en igualdade?
Para min a lingua é fundamental neste sentido. Ao final, é unha mostra de como percibimos o mundo. A lingua, en realidade, tamén a facemos as persoas que a falamos, polo que tamén podemos influír nela de maneira substancial, por iso, nomear a realidade incluíndonos ás mulleres é un xeito de reivindicar que estamos nela.

«Nomear a realidade incluíndonos ás mulleres é un xeito de reivindicar que estamos nela»

Unha parte importante do teu traballo investigador e divulgador xira arredor de mulleres escritoras. Como valoras o feito de que se lle dedique o Día das Letras Galegas a Luísa Villalta?
Que se lle dedicasen as letras a Luísa foi unha alegría. Como alumna súa, como muller e como galega é moi importante que se dea a coñecer a súa obra, pero tamén outras facetas da súa personalidade: o seu compromiso lingüístico e ideolóxico e, por suposto, a súa faceta como profesora. Ademais, creo que tamén é unha oportunidade cultural para Sada moi interesante.

«Nas escolas hai que desterrar prácticas paradas no tempo, como exames derivados de obras literarias»

O anuncio deste recoñecemento coincidiu felizmente con outro: o teu nomeamento como académica correspondente da RAG. Nun país como o noso, cunha lingua situada –segundo un barómetro do Ministerio de Cultura de Francia- entre as 40 máis influentes do mundo, pero cun uso en clara regresión, sobre todo entre a xente moza, que papel debe asumir esta institución no futuro?
Creo que ese é precisamente o maior reto da RAG nos vindeiros anos: intentar parar o descenso de falantes, que neste momento é unha urxencia. Non obstante, penso que iso tamén vai depender moito dos poderes políticos e do esforzo que poñan niso. Ás veces esquécesenos que a lingua é de todas e todos. Ademais, penso que como retos inmediatos, a RAG tamén debe esforzarse en modernizar a imaxe do galego e da produción cultural que se fai, porque segue habendo moitos preconceptos.

Pouco despois de coñecermos o teu ingreso na RAG, pronunciabas o pregón das Festas de Sada. Durante o teu discurso vimos ao publico especialmente emocionado, tanto a xente que te coñece persoalmente como a que non. Supoño que para ti, afeita ás tribunas, tamén resultaría especialmente emotivo.
Dar o pregón das festas foi algo moi especial e, sen dúbida, unha honra coa que non contaba. Estou moi agradecida á corporación por darme esa oportunidade. Tamén unha das cousas máis difíciles que fixen nunca: ese medo xustamente a fallar no lugar onde para min están boa parte dos afectos. Afortunadamente, creo que a xente que quero quedou moi contenta e moi emocionada. Para min, iso era o máis importante. Iso e que calquera veciña e veciño de Sada se puidese sentir identificado con algunhas das cousas que contei.

Seguindo co foco posto en Sada, e xa para rematar, dinos unha virtude e algo que botes en falta no noso municipio.
Para min virtudes ten moitísimas, porque é o meu lugar no mundo, ese sitio ao que sempre queres volver. Supoño que quedo coa beleza do seu emprazamento e dos seus arredores e co cómodo que é vivir aquí.
Quizais bote en falta que entre todas e todos teñamos máis afán de construír, de facer de Sada un sitio aínda mellor.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *