Eu no club de baloncesto Golfiños de Sada

Xacobe Anido Castro

Xa hai uns anos que comecei a xogar ao baloncesto. Fíxeno grazas a uns compañeiros que daquela tamén tiñan o baloncesto como deporte e precisaban de min para poder formar unha nova categoría, xa que entón non había moitos xogadores e tampouco adestradores. Nos meus comezos non tiña nin idea de todo o que ía mudar a miña vida o feito de apuntarme neste club.

Lembro os meus primeiros adestramentos no albergue Mariña Española, na saída de Sada a Gandarío, como cadete de primeiro ano. Ao principio non tiña nin idea de como xogar, recordo que a primeira vez que xoguei un partido nun adestramento confundinme da canastra na que había que anotar. Tampouco sabía botar o balón e moito menos realizar xogadas tácticas na pista. Custoume bastante chegar a mellorar no ámbito de técnica individual, xa que nos adestramentos adoitabamos practicar xogadas e exercicios técnicos.

Levo dende febreiro de 2021 xogando ao baloncesto. A miña primeira temporada (2020–2021) estiven sen xogar partidos oficiais da federación, porque acababa de comezar e pretendía utilizala como modo de mellora na técnica e no físico, que daquela era bastante esixente para min. A seguinte temporada, a do ano 2021–2022, xa xoguei os meus primeiros partidos, ás veces no pavillón municipal de Sada, outras na Coruña, en Arteixo, en Mera… Moitos dos meus amigos e compañeiros cos que estiven a temporada anterior marcharon do club, e uníronse moitos outros. Entón xa estaba na categoría de cadete de segundo ano, era dos maiores de todo o club, xa que non houbo suficientes xogadores para a seguinte categoría. Nesta temporada aínda non estiven completamente preparado, e a medida que progresaba o ano seguía aprendendo novos movementos tanto de ataque como de defensa, aínda que ese mesmo verán me preparara duramente adestrando todos os días nas pistas de Sada. Case todo o que sei agora mesmo, aínda que estivera no club e adestrara con outras persoas, aprendino eu só soamente vendo xogar os meus amigos. Tamén me advertían de cousas que mellorar en futuros partidos, pero a gran maioría tiven que aprendelo eu só dicindo non a xogar e limitándome a ver e aprender, e outras veces adestrando eu só e poñendo en práctica o aprendido: entradas, técnica de tiro, botes, pases e, algunhas veces, xogadas imaxinando xente na cancha cortando no lugar correspondente e rematando sempre cunha tripla.

A miña segunda temporada estaba a piques de rematar e, aínda que houbo momentos moi frustrantes na pista e mais no banco, tamén os houbo moi bos; porén, non foi suficiente.


Comeza o verán, e eu decidín apuntarme ao ximnasio e conseguir máis corpo e peso, posto que estaba a pasar a junior e precisaba deses dous factores decisivos para facer unha boa temporada. No tempo no que escribo este relato levo catro meses xustos no ximnasio, cunha rutina de cinco días á semana e moita disciplina á hora de adestrar. Agora atópome con máis confianza e ganas de xogar e axudar a gañar partidos esta última temporada.


Grazas á miña decisión de apuntarme a Golfiños coñecín moitísima xente coa mesma paixón polo baloncesto ca min, fixen moitos amigos, mellorei a miña saúde e forma física e conseguín coñecer o amor a un deporte e a un equipo que, se ben non estiven nel tantos anos como os meus compañeiros, converteuse nunha parte importante da miña vida.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *