Buscando a foxa de Rafael Fernández Casas

Onte no Cemiterio de Trasanquelos (Oza-Cesuras) acompañamos un equipo de HISTAGRA, Grupo de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela, ao que proporcionamos a información de que dispoñemos, así como a nosa base de datos, para que acudise co xeorradar co fin de tratar de localizar a foxa común na que, segundo os nosos datos, debe atoparse o corpo do mestre de Souto (Carnoedo, Sada) Rafael Fernández Casas, asasinado no verán do 36.

Estiveron presentes o fillo de Rafael e a súa dona, que se desprazaron desde o lugar de Devesos, en Ortigueira, onde residen, e foron acompañados polo presidente da asociacion cultural da localidade, Emilio Castro Fustes.


Unha vez procesados os datos proporcionados polo xeorradar, o equipo multidisciplinar de HISTAGRA procederá a facer as catas necesarias para dar cos restos de Rafael e proceder á súa exhumación, moi desexada pola súa familia.


De ser localizados os seus restos, solicitaremos que tanto o lugar do asasinato (a curva de Trasanquelos na ponte sobre o rio Mendo) coma o lugar do cemiterio sexan declarados lugares de memoria.


Esperemos que resulte positiva esta investigación de onte, que se poidan identificar os restos e que os seus familiares poidan soterralos como merece.
Por parte da AC Irmáns Suárez Picallo seguimos ao dispor dos investigadores e da familia para todo o que precisen.

A continuación deixamos unha serie de imaxes sobre os traballos realizados no día de onte.




Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *