A ACISP formula alegacións ao expediente de declaración BIC do Museo Carlos Maside

A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, ven de presentar diante da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación, F.P. e Universidades, escrito de alegacións ao expediente que incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o edificio do Museo Galego de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside, no termo municipal de Sada (A Coruña), e a súa colección de arte.

O escrito solicita a estensión da declaración BIC ás edificacións do conxunto do complexo de Cerámicas do Castro, incluídas as do taller cerámico orixinario nas antigas cocheiras do pazo; subsidiariamente, que, mantendo a categoría BIC de monumento ao edificio do Museo, se categorice coa categoría de sitio histórico o conxunto do complexo de Cerámicas do Castro.

Tamén que os informes que se soliciten, tanto á Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario coma ao Consello da Cultura Galega, se refiran ao conxunto do complexo de Cerámicas do Castro e non exclusivamente ao Museo.

A fundamentación e xustificación destas peticións recollidas no escrito de alegacións da AC Irmáns Suárez Picallo, fundaméntanse en 5 grandes apartados:

  1. Pola necesidade de preservar a verdade histórica e a obra de Isaac Díaz Pardo
  2. Pola necesidade de visibilizar a figura de Carmen Arias de Castro, “Mimina”, sen cuxa participación activa non sería posible a obra de Isaac tal como é coñecida.
  3. Por coherencia na actuación da propia Dirección Xeral de Patrimonio, que declarou BIC o conxunto da fábrica de Cervo e pretende limitalo en Sada ao museo Carlos Maside.
  4. Por garantir o desenvolvemento normal da actividade empresarial no Castro.
  5. Polo valor patrimonial e cultural do conxunto do complexo.

A continuación podese descargar o escrito de alegacións presentado:

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *