A declaración BIC do museo Carlos Maside. Un paso necesario mais insuficiente.

A Xunta cede por fin á presión social e incoa expediente de declaración do museo como Ben de Interese Cultural, máis deturpa o nome orixinal (Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside) e o ambito de protección patrimonial non abrangue ao resto do conxunto da cerámica do Castro

A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia iniciaba onte o proceso de declaración do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside como Ben de Interese Cultural, como viñamos reclamando desde a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo. Un paso adiante produto da presión social e política e que a Xunta dá 13 anos despois de que o Parlamento de Galicia acordase iniciar esta acción, logo dunha longa e inxustificada demora. Un tempo moi valioso no que o museo atravesou por unha etapa de ostracismo, baixo a xestión das persoas que apartaron ao seu creador, Isaac Díaz Pardo, da dirección do Castro e Sargadelos. De feito, durante boa parte deste período, o Carlos Maside permaneceu pechado e as obras que alberga en condicións que fixeron avanzar o seu deterioro.

A declaración como Ben de Interese Cultural permitirá preservar o edificio e o seu contido, unha das coleccións de arte máis valiosas do país, e ademais implicará a súa apertura gratuíta ao público cando menos 4 días ao mes. Consideramos que o inicio deste procedemento e a reapertura ao público, efectuada no pasado mes de xullo, son avances significativos que, non obstante, non satisfán o obxectivo cara o que debemos camiñar: recuperar o proxecto museográfico que alumeou o nacemento do museo, concibido por Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo en plena ditadura coa finalidade de tender unha ponte, a través das vangardas artísticas, coa Galicia anterior á Guerra Civil, sepultada baixo a represión do franquismo ou afastada do país polo exilio. En base a todo isto, reclamamos da Xunta de Galicia:


Que non se deturpe o nome orixinal do museo: Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. Non ten sentido integrar a palabra Sargadelos, cando o Museo non forma parte da empresa Sargadelos nin está emprazado na localidade lucense, senón no Castro, en Sada.

• Que a declaración como Ben de Interese Cultural non se cinga ao Museo, senón que abranga o conxunto da Cerámica do Castro, como se fixo cando se procedeu á declaración BIC de Sargadelos. O edificio da fábrica vella, na que naceu a industria cultural creada por Isaac a finais dos anos 40, ou a planta de produción dos anos 60 teñen un valor histórico cando menos similar ao do museo. Un valor acrecentado por formaren parte dun conxunto integrado tamén por outras instalacións, como os murais de Seoane e Isaac, a fonte dedicada a Castelao por Pérez Porto, a Pía do Loureiro ou o edificio do LICSA. Conforman todos o escenario no que se desenvolveu a industria cultural máis relevante da historia contemporánea de Galicia, ao que suman un valor arquitectónico evidente, coas pegadas do propio Isaac e de Fernández Albalat.


Que se devolva a xestión do Museo ao Laboratorio de Formas de Galicia, tal e como se estableceu na súa creación. Non podemos agardar unha dirección respectuosa co proxecto orixinal por parte das mesmas persoas que levaron ao Castro e Sargadelos á situación actual, nunha deriva mercantilista que levou a desvirtuar o proxecto empresarial de Díaz Pardo e que supuxo o peche do propio Museo ou o desmantelamento de Ediciós do Castro.

Primeiro andar do Museo
Máscaras de Castelao
Obra de Maruxa Mallo e outros autores
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *