Sada y sus Contornos: a loita

Claudia Varela Lourido

“Pocos ideales más generosos, para una sociedad española, que el de fomentar la creación de centros de educación popular en la madre patria. En Nueva York existe una sociedad que no sólo no descuida tal objetivo patriótico, sinó que le dedica todos sus esfuerzos. Esta sociedad es `Sada y sus Contornos´”

Este extracto, publicado en 1925 en Centro Gallego, non é máis que un dos numerosos exemplos do recoñecemento que acadou a Sociedad Sada y sus Contornos tras a súa creación. O seu principal proxecto consistía na construción do colexio —que levou o mesmo nome— e que hoxe pasou a ser distintivo e característico da vila de Sada. Un edificio singular que semella levar toda unha vida a carón das xentes da vila, pero que oculta tras o seu porte modernista unha grande historia de loita, de esforzo e de dedicación. Doce anos antes da publicación desta noticia, en 1913, artellábase a formación desta asociación da man dos emigrantes naturais de Sada que residían en Nova York.

Na imaxe superior, clase de ximnasia nas escolas de Sada y sus Contornos. Nesta fotografía, posiblemente tomada nas datas de apertura da escola, obsérvase o vestiario dos alumnos e alumnas, que consistía nun mandilón branco cunha raia fina [Memoria de Sada]
 

Ao falar da sociedade galega de comezos do século XX, é imprescindíbel ter en conta que un dos factores fundamentais que rexeu e desenvolveu a nosa historia contemporánea foi a emigración, principalmente cara a América. En troques de dicir que a emigración foi maioritariamente un fenómeno negativo, que separou familias, empobreceu homes e esparexeu a miseria polo Atlántico, pódese afirmar que se os galegos non tivesen migrado, a nosa sociedade tería experimentado moita menos modernización económica e social e sería menos dinámica a nivel político. Precisamente a partir da necesidade de emigrar xurdiron asociacións de emigrantes que, ademais de se brindaren apoio mutuo, promoveron a escolarización e a creación de centros de ensino no seu país orixinario. Os homes emigrados, xeralmente con pouca ou inexistente formación, decatáronse de que a única solución para rematar coa ignorancia era ensinar o verdadeiro valor da educación e da escola. Esta nova corrente de pensamento percorreu os xornais e revistas do exilio, e serviu de inspiración para a creación dunha morea de escolas por toda Galiza que avogaban pola laicidade e a educación igualitaria para todos os nenos.

Tamén a Sada chegou esta ondada revolucionaria, e foi o momento no que se comezou a edificar a escola de Sada y sus Contornos. O 6 de agosto de 1922 tivo lugar unha poxa na que se lle adxudicou a obra a Suárez Hermanos na cantidade de 67.100 pesetas. O 1 de outubro de 1922 realizouse a colocación da primeira pedra do edificio, e cinco anos despois, en 1927, deron comezo as clases. A escola comezou a construírse ao final da ditadura de Primo de Rivera, mais foi durante a Segunda República cando desenvolveu unha maior actividade educativa. Sada y sus Contornos, seguindo uns preceptos innovadores, foi unhas das escolas pioneiras da educación igualitaria para nenos e nenas, algo que hoxe en día está plenamente asimilado e normalizado, pero que naquela época constituíu un gran fito. Entre os promotores da sociedade e da escola atopábanse persoeiros destacados como Antonio Fernández Pita. Este foi tamén elixido alcalde de Sada entre 1932 e 1936, ata que foi fusilado polos sublevados.

Nunha das escolas de Sada, en Souto, obsérvase o crucifixo e a foto de Franco na parede, que mostran a prevalencia do ditador e da relixión católica neses anos [Memoria de Sada]

A fortaleza de Sada y sus Contornos evidénciase na cantidade de anos que leva en pé, pero tamén nas numerosas dificultades que tivo que soportar. Este edificio ten detrás unha historia de loita na que participou conxuntamente unha vila entregada á igualdade de condicións educativas. Durante a Segunda República levouse a cabo un proceso de laicización e racionalización da educación, para así conseguir unha escola máis didáctica. En Sada y sus Contornos realizaban actividades complementarias ás clases, como excursións, exercicio físico, obras de teatro, charlas, actos…

Un dos maiores impedimentos ao que a escola tivo que facer fronte foi o alzamento militar de 1936, que puxo fin aos tempos de ilusión e aprendizaxe e derivou na posterior incautación do edificio para empregalo como acuartelamento militar nos próximos anos. Tamén serviu para aloxar os efectivos da Garda Civil nos períodos en que Franco residía no Pazo de Meirás. A partir dos anos 40 volveu empregarse como escola nacional, mais seguindo as pautas da ditadura que silenciou España durante case corenta anos. Os mestres que apoiaban a finalidade pedagóxica e igualitaria da educación foron duramente sancionados e a represión que se exerceu sobre eles foi moi dura, rematando algúns inhabilitados temporalmente e outros sendo asasinados polos seus ideais políticos. Tamén se repuxeron os crucifixos nas escolas, indicando así a volta á educación baseada na relixión e no militarismo. En Sada este acto foi celebrado cunha misa presidida por falanxistas e acto seguido coa realización dunha procesión ata a escola, onde se pronunciou un discurso de vítores a España.

Anteriormente, en 1927, a asociación de sadenses en Bos Aires “Unidos de Sada” promovera a creación dunha biblioteca popular para a escola na que participaron na achega de libros personaxes coma Manuel Lugrís Freire (que se converteu no presidente honorario da sociedade), Ramón Suárez Picallo, Manuel Díaz Romay… Ao final achegáronse arredor de 800 volumes e unha vitrina para colocalos. Porén, en 1957 produciuse outro episodio desgarrador para a historia do colexio: a queima dos libros da citada biblioteca por consideralos inadecuados para o réxime. A meirande parte dos volumes foron sacados ao patio do colexio e queimados por orde do director. Os rapaces conseguiron salvar algúns exemplares.

A vitrina doada cos reducidos exemplares que se conservaron tras o incendio, trasladada posteriormente á Sociedade de Sada, onde hoxe se conserva.

Nos xornais da época apareceron numerosas noticias acerca do incríbel labor do colexio e da sociedade. Por exemplo, no xornal El Noroeste, redactouse un artigo dedicado ao profesorado do colexio:

Tenemos que dedicar unas líneas a la labor docente que está desarrollando el profesorado del magnífico grupo escolar ‘Sada y sus Contornos’, obra excelente debida a hombres modestos y altruistas que en tierras lejanas suman sus concursos esforzados y generosos a la grandiosa de dotar a su pueblo de centros de enseñanza como ‘Sada y sus Contornos’, que puede servir en Galicia de modelo.

Sada y sus Contornos conseguiu facer fronte a un modelo educativo represivo e uniformizador, para instaurar unha educación moito máis aberta, igualitaria e inclusiva. Adaptándose ás necesidades do momento, o profesorado da escola soubo xestionar as diversas problemáticas existentes sen deixar de lado a súa vocación e os seus ideais, que en ocasións condicionaron o seu futuro e soterraron os seus desexos. Impartiron clases deixando de lado a ideoloxía e tratando de proporcionar unha educación útil a todos os nenos que pasaron polo colexio.

A loita que levou a cabo a Sociedad Sada y sus Contornos foi determinante para conseguir o modelo pedagóxico que perdura hoxe en día. Pese a que no seu momento non se chegou a comprender verdadeiramente o significado e o valor da escola pública e laica, hoxe pódese afirmar que todos os dereitos educativos que existen derivan do inxente traballo levado a cabo por persoas que divisaban un futuro mellor para as próximas xeracións. A escola é de todos e para todos, e somos nós os que temos que loitar porque siga sendo así. Porque precisamente grazas a modelos como o de Sada y sus Contornos podemos hoxe recibir unha educación gratuíta. Porque esta escola constituíu un dos máis representativos símbolos do pobo galego emigrado, dos seus problemas e dos seus logros. E porque un edificio tan emblemático que leva detrás unha historia tan extraordinaria merece ser lembrado co mesmo orgullo e ilusión con que foi creado.

unha vista do edificio [Memoria de Sada]
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *