Claudia Varela Lourido
O sector pesqueiro foi en Galiza un dos piares fundamentais que condicionou o crecemento económico e social do país. Durante o século XX, o mar constituíu a principal fonte de ingresos e sustento para moitas familias galegas. Nas aldeas, as relacións sociais baseábanse case integramente no mundo mariñeiro. A meirande parte das persoas estaban directa ou indirectamente relacionadas co mar, ao formaren parte dun círculo comercial no que cada parte era indispensábel para achegar os produtos mariñeiros á poboación. Así o afirma Manolo Presas, patrón nativo de Sada que coñece perfectamente a situación da vila: “Por cada traballador dun barco hai unha familia comendo. Unha tripulación adoita estar composta por dez homes, polo que xa hai dez familias que se nutren do mar. Ese é o primeiro elo da cadea, e logo a situación comeza a ramificarse: por cada posto no mar, hai catro directos en terra, e así sucesivamente…”.
Concretamente en Sada, alcumada “A Perla das Mariñas”, tamén se desenvolveu unha inxente actividade pesqueira. De feito, xa no ano 1928 foi publicado no xornal “Correo de Galicia” un artigo no que se expoñía a imperante necesidade que tiña Sada de contar cun porto: “A industriosa vila de Sada necesita absolutamente un porto refuxio, ao que lle dan dereito os seus douscentos barcos dedicados ao arrastre, as súas once fábricas de conservas e salgaduras e a súa capacidade de dirección do sector pesqueiro das Mariñas.“.
En Galiza a industria estivo sempre estreitamente relacionada coa actividade pesqueira: a industria construtora e a reparadora dos buques, a industria fabricante de ferramentas navais, a industria frigorífica, a industria de conservación e transformación dos produtos pesqueiros… Todas estas actividades derivadas da pesca contribuían a aumentar a riqueza do noso país, ademais de garantir mellores e máis dignas condicións de vida para a poboación.
A actividade pesqueira complementábase ademais con actividades locais cuxos beneficios influían directamente nas propias familias. Por exemplo, a venda do peixe nas prazas e peixerías; o marisqueo na ría, xestionado polas confrarías; a confección de redes no porto; as traballadoras das conserveiras… Lola García, mariscadora que traballou en Sada toda a vida, explica que nesta vila a situación do sector pesqueiro era distinta á do resto, xa que o traballo de confección de redes, por exemplo, era un traballo tradicionalmente asociado aos homes. Ademais, afirma que a única muller redeira en Sada, chamada Hilda, non era da vila, e viña todos os días dende Malpica para realizar o seu traballo.
Queda visto que a pesca foi durante o século XX unha actividade indispensábel para moitas familias. Porén, ao mesmo tempo que o mar era o responsábel das festas e das alegrías, tamén nel recaía a desgraza e a crise. Nalgunha taberna perdida nunha vila mariñeira, os mariñeiros cantaban, cun pouco de humor, esta copla:
Os mariñeiros, sesudos,
cando salen van rezando
e cando volven sin peixe,
chegan á casa chorando.
Tal vez facendo unha alusión a Rosalía de Castro co seu poema “Castellanos de Castilla”, neste fragmento amósase perfectamente a situación de inestabilidade que provoca a vida mariñeira. Hai anos, traballar nun barco significaba obter uns ingresos relativamente altos, e iso reflexábase nas altas taxas de emprego, mais a situación foi degradándose, as condicións dos mariñeiros e a insalubridade dos barcos derivaron nun descenso da demanda de postos de traballo. No ano 1945 produciuse un aumento do consumo de moluscos e mariscos. Así, a súa demanda aumentou considerabelmente os prezos coa chegada dos conserveiros ás praias e lonxas. Os mercados cataláns marcaron as pautas nos prezos, ademais de esixiren unha rigorosa calidade do produto. O berberecho, considerado anteriormente un molusco inadecuado, comezou a cotizarse ata dúas mil pesetas por cada 50 quilos e as ameixas pagábanse a dúas mil pesetas a caixa. Deste xeito, convertéronse en alimentos moi cobizados.
En contraposición con esta situación, as condicións laborais das mariscadoras continuaban a ser moi precarias. O seu horario dependía das mareas, e os seus salarios dos prezos estabelecidos polos compradores. Segundo Lola, a Sada acudía un comprador que xestionaba as vendas dos produtos, e as mariscadoras ían cada semana á Confraría de Pescadores para cobraren o seu salario en cheques. Ademais, tamén debían facer un seguimento da cantidade de moluscos que collían, así como das horas que estiveran traballando.
Por outra banda, outro problema que comezou a ter relevancia foi o éxodo de moitos barcos galegos ante a limitación das cotas do peixe, que decidiron desprazarse cara ás costas portuguesas. De feito, por mor da crise de 1917, unha parte das embarcacións galegas partiron en busca da sardiña, chegando incluso a traspasar o límite das augas xurisdicionais do país veciño. Moitos destes barcos víronse obrigados a cortar os tiros dos aparellos para fuxir rapidamente, mentres que outros foron duramente sancionados. Entre 1949 e 1956 produciuse unha crise semellante. Porén, os castigos para as embarcacións diminuíron. Ao decatárense os mariñeiros galegos de que a crise non remataba, moitos fabricantes decidiron trasladar parte da súa maquinaria e industria ao Mediterráneo e a Portugal, intentando asemade contrarrestar a inactividade que sufrían. Así, alugaron ou adquiriron locais no sur, onde a sardiña era moi abundante, así como nas costas de África, onde mercaban o peixe para logo transportalo ata Galiza.
A industria pesqueira proporcionoulle a Sada moitos beneficios durante o século XX, e a pesar de ser un sector maioritariamente masculino, as mulleres sempre desenvolveron un traballo paralelo e condicionante para a subsistencia do sector. Eran elas as que vendían o peixe, eran elas as que mariscaban (maioritariamente), eran elas as que axudaban aos mariñeiros; e tamén eran elas, pese a que en Sada non acontecía, as que confeccionaban as redes que precisaban os barcos para saíren a faenar. Porén, o seu traballo nunca estivo recoñecido. No sector, ningún traballo tiña condicións óptimas, mais as redeiras, por exemplo, pasaban horas e horas sentadas en lugares precarios, en posicións moi incómodas, e realizando un traballo que esixía esforzo e dedicación, ademais de moita paciencia. As mariscadoras, por outra banda, esperaban a que baixase a marea para recoller os moluscos, de pé e abaixadas, metidas na area ou no lodo. Elas traballaban sempre, independentemente das condicións meteorolóxicas.
Esta situación que acontecía hai 40 anos segue producíndose actualmente. O mar continúa nos nosos días dándolles de comer a moitas familias. Non obstante, o sector primario, e máis concretamente o sector pesqueiro, sufriu nos últimos anos unha enorme recesión que se viu plasmada, sobre todo, nos postos de traballo ofrecidos. O emprego decaeu debido ás precarias condicións que os mariñeiros deben aceptar para traballaren nun barco. Manolo afirma que as regulacións europeas son moi desfavorábeis para a pesca galega, e, ante a ausencia de subvencións, é moi difícil mellorar as condicións dos barcos, ou simplemente proporcionar un emprego máis estábel aos mariñeiros.
Polo tanto, a situación tende a agravarse, xa que un sector que non é moi atractivo para a poboación, e no que non se pode garantir estabilidade (laboral e persoal), recibe un gran rexeitamento por parte da poboación. Así, a meirande parte das persoas que traballan no mar hoxe en día non o fan por vocación, senón por necesidade. Á precariedade do sector súmase a nula intervención estatal: na repartición das cotas, a pesca española obtivo o ano pasado o 33% do total, a dividir entre a zona do golfo de Cádiz, a franxa cantábrica e todo o noroeste peninsular, mentres que Portugal, moito menor en extensión costeira, obtivo o 67%. Ante esta situación, as persoas desanímanse e os mariñeiros ven como diminúen as súas posibilidades laborais. Polo tanto, ao final o traballo queda relegado a persoas que non acadaron outra opción mellor, rompéndose totalmente a transmisión interxeracional. En Sada actualmente hai catro ou cinco barcos no porto, unha cantidade moi reducida en comparación cos máis de trinta que había hai anos. En palabras de Lola: “Eu poñíame contenta cando oía as sereas dos barcos que volvían de faenar. Había unha morea deles, e iso xeraba moito emprego na vila“. Polo tanto, a interrogativa xira arredor das condicións da vida no mar e da nula axuda que reciben os mariñeiros. Como vai rexenerarse e persistir o sector se non se intentan remediar os problemas de base que ten?
A situación das mulleres no sector hoxe en día está intimamente ligada á dos mariñeiros. Primeiramente, traballos como o das mariscadoras xa non se realizan en Sada. Na praza xa non se vende o peixe, e as redes confecciónanas os propios pescadores antes de saíren a pescar. Por outra banda, incidindo de novo na ausencia de axudas externas, é moi difícil para os patróns dos barcos incluír mulleres, por exemplo, na súa tripulación, debido ás condicións nas que se atopan os barcos. Ao non posuíren cartos para acondicionalos, non poden establecer baños ou dormitorios femininos. Ás veces asóciase o sector pesqueiro co atraso e co predominio de pensamentos arcaicos. Porén, vista a situación que experimenta a xente que vive do mar, o máis razoábel sería pensar nos motivos de fondo das súas decisións. Talvez, no canto de xulgar con base en estereotipos, deberiamos pensar que as mulleres por norma xeral non teñen cabida neste sector porque non existe unha colaboración entre as administracións e os barcos que lles permita a estes proporcionarlles unhas condicións laborais dignas e cómodas, e non porque non sexan ben vistas no sector.
Partindo do problema de base, o obxectivo conxunto para acadar máis presenza feminina no mar, así como para modernizar as infraestruturas existentes, sería, por exemplo, conseguir unha maior implicación por parte das autoridades competentes, unha maior preocupación pola degradación do sector pesqueiro e un maior fomento e explotación (regulada) dos nosos recursos. Se a situación do sector mellorase, amosaríase unha perspectiva máis atractiva, que permitiría dar emprego a máis persoas e conseguir unha maior preponderancia do sector. Ademais, o traballo que as mulleres sempre realizaron en relación directa co mar podería ser recoñecido e valorado. Porque foron elas as que, dende a sombra, conseguiron axudar e facilitarlles o traballo aos mariñeiros. Foron elas as que fixeron os oficios menos recoñecidos e máis duros. E tamén foron elas as que permaneceron sempre relegadas e invisibilizadas. Por iso é necesario sacar á luz o seu esforzado labor e loitar para que se recoñeza por fin a importancia da súa presenza no sector pesqueiro.