Antón Fontao
Ola! Chámome Antón, teño 18 anos e formo parte de Estudiantes por la Inclusión (EXI), un grupo de persoas que queremos mellorar a escola, queremos que sexa máis inclusiva para todos e para todas. O grupo está formado por xente de diferentes sitios do territorio español: de Galicia, de Vitoria, de Málaga… Nos EXI non só hai persoas con algún tipo de discapacidade, senón que tamén as hai que forman parte do colectivo LGTBI, persoas de etnia xitana…, e se algo temos en común é que todos o pasamos mal na escola e fomos maltratados por ela. Todos e cada un de nós tivemos as nosas malas experiencias alí.
A idea de que nos puidésemos coñecer todos foi de Nacho Calderón, un profesor da Universidade de Málaga, que un bo día nos reuniu por “Meet” porque creu que todos poderiamos achegar algo, e así foi.
Na primeira reunión que tivemos todos eramos descoñecidos, e supoño que non só era eu quen se preguntaba que facía alí. Pero ao longo de toda a primeira reunión, polo menos eu, sentíame cada vez máis e máis cómodo, e ao rematar eu non me quería ir desa reunión.
Ao longo de todas aquelas reunións, para min foi un medio de desafogo. Eu tamén penso que ao contarnos todas as nosas malas experiencias na escola contribuímos a unirnos cada vez máis e máis, ata conseguir facernos amigos, tal e como somos agora na actualidade. De preocuparnos por todos, e de escribirnos moito para saber que tal estamos; iso tamén o temos.
Todas esas reunións, ademais de para crear iso que temos e para desafogarnos, serviron tamén para presentarlle á ministra de Educación, Pilar Alegría, unha guía chamada “Cómo hacer inclusiva tu escuela”, unha guía que contén varios pasos para mellorar a escola e que che explica como debes facelo.
Foi en setembro de 2021 cando nos coñecemos persoalmente todos os EXI en Madrid, tanto os rapaces e rapazas que formamos o grupo como as nosas familias. Unha das cousas que fixemos esa fin de semana foi ir ao Ministerio de Educación e reunirnos o grupo dos EXI coa ministra. Unha reunión na que lle contamos algunhas das nosas malas experiencias e como solucionalas, así como tamén lle presentamos a guía que fixemos.
Esa fin de semana en Madrid deu para ir ao Ministerio, para divertirnos no Parque de Atraccións ou ver o musical de “La Llamada”; tamén deu tempo para ter un encontro cos guionistas de “La casa de papel” que foi moi interesante.
Todo iso gravouse para facer un documental. Titúlase “Educación inclusiva. Quererla es crearla” e conta a historia de Rubén, un rapaz ao que botaron da súa escola de toda a vida, onde sempre estivo totalmente integrado ata que un día un profesor novo non o aceptou na aula e Rubén sufriu malos tratos por parte dese adulto. A súa nai e o seu pai souberon de todo iso por algúns compañeiros seus. Entón foi cando o centro non só se posicionou a favor do profesor, senón que intentaron mandar a Rubén a unha escola de educación especial. A súa familia negouse a levalo alí e entón ameazáronos con quitarlles a custodia de Rubén e con pena de cadea. Os pais de Rubén denunciaron o colexio nos xulgados de León, en Madrid, en Estrasburgo, e perderon, pero hai uns anos foron á ONU, e finalmente gañaron e a ONU acusou a España de violar os dereitos humanos ao non respectar a educación inclusiva.
O documental tamén recolle o encontro cos guionistas de “La casa de papel” e a reunión coa ministra de educación, entre outros momentos.
En outubro do ano pasado, foi a estrea do documental no Museo Reina Sofía de Madrid, e entre as personas que se atopaban alí estaba a ministra de Educación. Eu creo que o que se creou na sala nesa hora e media que dura o documental e no coloquio que houbo despois foi incrible. Emocionámonos todos, tamén a ministra Pilar Alegría.
Ao día seguinte tivo lugar durante todo o día un workshop no Ateneo La Maliciosa; alí puxemos todos en conxunto (familias, estudantes, docentes…) propostas para mellorar a escola. Ao longo do día fixemos varios grupos, e despois fixemos unha posta en común de todo o que debatemos nos grupos pequenos.
Ao día seguinte, o domingo, había organizada unha concentración en Callao, á que asistiu xente de todas as partes de España, con pancartas feitas polos que as sostiñan.
Esa fin de semana, na miña opinión, foi incrible, dende o xoves cando entramos pola porta do hotel ata o domingo cando foi a manifestación. Sempre penso que un encontro cos EXI vai ser inmellorable, pero vou a outro encontro e sempre se supera aínda máis.
Para finalizar, o que estamos facendo os EXI non é só porque o pasamos moi ben xuntos, senón que tamén queremos que a escola cambie, e tamén que cambie a forma de vernos que ten a sociedade. Oxalá todo isto sirva para que haxa un cambio verdadeiro e espero que tras ler este artigo vos entrasen ganas de ver o documental, porque é algo que todo o mundo debería ver para que coñeza a nosa dura realidade e para que se tome conciencia de todo isto. Espero que toda a nosa loita sirva para que no futuro ninguén sufra na escola.
Me encanto todo lo que escribiste Antón y todo lo que dices es verdad a mí también me paso en el cole eso y yo estoy de vuestro lado