Club Ciclista Sada

O Club Ciclista Sada fundouse o 14 de febreiro de 2015 co nome Club Ciclista BTT Leones. O seu primeiro presidente foi Iván Gómez Suárez. Posteriormente tomou o relevo Miguel Franco e máis adiante Alejandro Santos. Nun primeiro momento foron doce os socios que formaron o club, practicaban fundamentalmente ciclismo de montaña, é dicir BTT ou MTB, que veñen ser as siglas de Bicicleta Todo Terreo ou as do termo inglés Mountain Bike. Ao mes da súa fundación xa eran 35 os seus integrantes. Antes da pandemia da Covid-19 no ano 2020 o número de asociados chegou a pasar escasamente dos cen. Na actualidade somos 62 socios entre homes e mulleres.

O obxectivo primordial do club é o fomento e o impulso da práctica continuada do ciclismo, así como o da participación en actividades e competicións deportivas calquera que sexa o seu nivel e destinatarios. Tamén a colaboración con todas aquelas entidades, organismos e institucións que persigan estes mesmos obxectivos.

Segundo os estatutos hai catro modalidades de socios: Os de número, son as persoas maiores de idade que aboen a cota social establecida; os aspirantes, os menores de idade; os familiares, e os de honra.

Os órganos de goberno do club son a Asemblea Xeral e o Presidente ou Presidenta, que será elixido/a entre os membros da Asemblea Xeral cada ano.

Como órgano complementario dos de goberno e representación hai unha Xunta Directiva designada libremente polo Presidente.

Na actualidade a Xunta Directiva está integrada polas seguintes persoas:

Xosé Anxo Seoane Cao (Presidente)

Valentín Díaz Gutiérrez (Tesoureiro)

Diego Enrique Dans Paz (Secretario)

Salvador Javier Suárez Siso (Vogal)

José Manuel Figueroa Casal (Vogal)

José Antonio Vázquez Rodríguez (Vogal)

O organigrama está distribuído en catro áreas de traballo: Administrativa, Económica, Deportiva e Comunicación. Ao mesmo tempo a área deportiva está subdividida en tres: BTT, Estrada e Base.

O Club foi evolucionando e crecendo dende a súa fundación e pouco a pouco foise introducindo a modalidade de ciclismo en ruta, de estrada, sendo habitual que case todos os socios nestes momentos practiquen ambas as dúas modalidades.

Obviamente tanto a práctica dunha modalidade coma a doutra teñen beneficios para a nosa saúde e para o goce no noso tempo de lecer, mais todos os que practican ambas  modalidades saben que o único en común que teñen é que nas dúas hai que “dar pedais”, pero pouco máis.

Non soamente son diferentes as bicicletas senón tamén as posibilidades que ofrecen unha e outra. A “fraca”, como se lle adoita denominar á de estrada, é máis lixeira, estética e ten máis durabilidade. Pola contra a de BTT require máis mantemento e é máis pesada.

En estrada podemos ir a máis velocidade e percorrer máis quilómetros, adaptando intensidade e perfilando rutas diversas e interesantes, aínda que é innegable que a perigosidade na estrada está sempre presente. Malia que existe unha normativa clara tanto para ciclistas como para os demais condutores, non todos as coñecen e non todos as cumpren. A convivencia con condutores temerarios non sempre é doada. Nalgúns casos o estado das estradas tampouco contribúe á seguridade tanto dos ciclistas como dos demais vehículos.

Os grandes atractivos que presenta a BTT é fundamentalmente a posibilidade de adentrarse por paraxes naturais espectaculares. A BTT permite rodar por todas as superficies. Esta modalidade non presenta os riscos de atropelo da de estrada pero non debemos confiarnos xa que as caídas son moito máis frecuentes e as súas consecuencias dependerán sempre das dificultades das sendas polas que se rode. Quizais o maior inconveniente que presenta a práctica de BTT sexa a nivel articular, moito máis esixente que a práctica de ciclismo por estrada.

O máis frecuente no club é que os socios alternen ambas modalidades, sendo a BTT predominante no inverno e a estrada máis de primavera e verán.

Unha nova modalidade que pouco a pouco se está introducindo no club é a que se practica sobre unha bicicleta de “gravel”. Parécese na súa xeometría ás bicis de gran fondo, incluso co manillar curvo, pero co cadro e as rodas adaptadas para poder ser empregadas tamén fóra do asfalto.

Seguindo os obxectivos que os propios estatutos do club definen, fomentamos a práctica do ciclismo co proxecto “En grupo, unha vez por semana”. O domingo é o día da semana que máis posibilidades nos ofrece para saírmos a rodar xuntos, tanto en BTT como en estrada. O noso lugar de encontro é xusto na desembocadura do río Maior na praia das Delicias.

Por outra banda, animamos á participación de todos os socios nas diferentes carreiras e marchas que se organizan tanto en Galicia como no resto de España. Cambre, Oza-Cesuras, Noia, Rianxo, A Laracha, Carballo, Tomiño, Pontevedra, Vilalba, Ares, Mugardos, Ferrol, Mondoñedo, Ponferrada, Cabezón de la Sal, Os Monegros, Pola de Lena, Os Lagos de Covadonga… son destinos habituais ao longo da tempada.

Organizamos tamén as nosas propias saídas en grupo aos Ancares, Garita da Herbeira, Portos de Somiedo…

Organizamos tamén nos montes do concello o XCR, competición de BTT soamente para socios, e tamén a Copa Strava de estrada.

Colaboramos ademais con todas aquelas institucións, organismos e asociacións que o requiren como nos casos do Duatlón Cros, a Carreira da Auga, a Carreira Popular organizada polo centro Ricardo Baró nas instalacións de Aspronaga en Oleiros e as andainas solidarias.

Tamén se organizou o Campus de Verán do Club Ciclista Sada nas instalacións do Colexio Mosteirón para rapaces e rapazas nados entre o 2007 e o 2012.

Despois destes anos de pandemia, a normalidade permítenos volver á realización de actividades e novos proxectos.

Xa temos en marcha a “Fin de semana asturiana” para a realización de dúas etapas de alta montaña que inclúe a subida a portos tan míticos como Casielles e Lagos de Covadonga.

En estrada tamén está prevista outra etapa asturiana que inclúe a subida aos portos de Fancuaya e Marabio e unha etapa polas terras da Fonsagrada coa subida do porto do Acevo.

Desenvolveremos ademais a Copa Strava que terá unha etapa en liña e unha cronoescalada.

En BTT organizaremos unha marcha conxunta polas terras de Abegondo e a competición interna XCR polos montes de Veigue.

Cada ano editamos un calendario oficial coas probas ciclistas máis importantes tanto galegas como do resto de España para fomentar e facilitar a participación dos nosos asociados.

Editamos tamén un documento básico no que aclaramos que aínda que actualmente non existe un permiso específico para bicicletas, iso non implica que non existan unha serie de normas que debemos coñecer e respectar á hora de circular con seguridade. Están recollidas na Lei 18/2021, de 20 de decembro, pola que se modifica o texto refundido da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 6/2015, de 30 de outubro, en materia do permiso e licenza de condución por puntos. Esta Lei ten por obxecto regular o tráfico, a circulación de todos os vehículos e a seguridade viaria. Nese documento recollemos as máis importantes.

Organizamos tamén cursos de mecánica básica para bicicletas, tanto BTT como estrada. Estes cursos son especialmente recomendables para todas aquelas persoas que se inician na práctica do ciclismo. Unha das grandes vantaxes que ten pertencer ao club ciclista é que “nunca pedaleas só” polo que o compañeiro de ruta sempre che botará unha man en caso de avaría.

O Día Mundial da Bicicleta celébrase cada 3 de xuño e pretende chamar a atención sobre os beneficios de usar a bicicleta, un medio de transporte sinxelo, asumible, limpo e ambientalmente sostible. Alenta a todos e a todas ao uso da bicicleta como medio para fomentar o desenvolvemento sostible, reforzar a educación dos nenos e mozos, incluída a educación física, promover a saúde, previr as enfermidades, fomentar a tolerancia, o entendemento e o respecto e facilitar a inclusión social e a cultura da paz.

Por todo iso e por todos os valores que a nosa concepción humanística do ciclismo comporta pretendemos organizar e colaborar coas institucións e organismos competentes do noso concello, en colaboración estreita cos centros de ensino, o Día da Bicicleta no que se desenvolverán diversos actos enfocados ao seu uso e aos beneficios que iso leva aparellados, prestando especial fincapé aos valores individuais e sociais que comporta.

Cunha vocación semellante, consideramos que un club deportivo como o Club Ciclista Sada debe comprometerse non soamente en facilitar a práctica do ciclismo aos seus socios e socias, senón que ademais debe incidir favorablemente na práctica deste deporte entre todos os membros da comunidade na que está inserida, moi especialmente entre a mocidade, ofrecéndolles a posibilidade de se formar nesta disciplina deportiva e contribuír no seu proceso de formación ao lles transmitir os valores que a práctica desta modalidade deportiva inclúe.

Estamos a falar  de “deportividade”, de “valores” e de que o deporte, neste caso o ciclismo, é un medio moi eficaz para a súa transmisión. Pero cales son eses valores positivos que dende o Club Ciclista Sada tentamos fomentar para que se desenvolvan e perduren nas persoas e así contribúan favorablemente ao seu desenvolvemento físico, intelectual e social e así convertérense en “cidadáns responsables”?

Entre outros moitos están o afán de superación, a integración, o respecto polas persoas, a tolerancia, o acatamento de regras e normas, a perseveranza, o traballo en equipo, a superación dos límites, a autodisciplina, a responsabilidade, a cooperación, a honestidade, a lealdade…

Todas estas calidades desexables por todos poden conseguirse a través da práctica do ciclismo e da pertenza a un club que se signifique pola súa defensa. Esta é a esencia para que se desenvolvan e perduren nas persoas e así acadar un completo desenvolvemento físico, intelectual e social.

Esta é a nosa concepción humanística do ciclismo e cremos firmemente no que podemos aportar neste sentido levando a cabo un proxecto (xa iniciado con alumnado de primeiro de bacharelato do IES Isaac Díaz Pardo) de presentación do Club ante a mocidade para, sobre todo, incidir na importancia do ciclismo como fonte de transmisión de valores, de hábitos de vida saudables, de educación medioambiental e de goce no tempo de lecer de maneira segura e responsable.

https://www.clubciclistasada.es/

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *