Bren (Adrián Brañas Castro)
Todos sabemos que o galego é unha lingua cunha normativización relativamente recente e cunha normalización, enfrontada a unha situación de diglosia, cando menos, complicada.
Toda galega ou galego, e moitas persoas que non o son, coñecen esta frase: “O galego mal falado é o que non se fala”. E ben certa é. Hai quen fala o normativo, quen o fala coa súa variedade dialectal e quen o ten máis castelanizado. As e os galegofalantes de toda a vida adoitan utilizar unha lingua gramaticalmente máis achegada ao galego normativo, mentres que o galego das persoas neofalantes ten máis castelanismos de todo tipo, pero… benditos neofalantes! Son os que lle están dando un bo empurrón á nosa lingua. Mais, igual que ocorre con calquera outro idioma, é responsabilidade de cadaquén falar e escribir ben e, de non sabelo facer, formarse. Como? Lendo, escoitando, falando e escribindo, por suposto. E, cando xorden as dúbidas, consultando.
Dito isto, a cuestión da escritura ou da fala das e dos profesionais de certos ámbitos merece un tratamento diferente. Estas persoas deberan cumprir a normativa que marca cales son as regras para que todas as e os galegos teñamos un marco común de comunicación e entendemento.
Pero hai quen di que iso non ten xeito. “Se eu son da Costa da Morte e digo ‘ghrasias’, por que non o vou escribir así?”. “Se son de Lugo e digo ‘canciós’, por que vou escribir ‘cancións’?”. Pois a resposta é a mesma que con respecto a un caso que temos máis interiorizado: o do castelán.
É de sobra sabido que o español que se fala, por exemplo, en México e o que se fala na Arxentina pouco teñen que ver. Pero tamén é ben diferente o que se fala en Euskadi do que se fala en Andalucía. Cada zona ten as súas peculiaridades en canto ao léxico, a fonética, a entoación…
Aínda así, todo o mundo ten claro que, aínda que un mexicano ou un arxentino pronuncien “sapato“, escribir dese xeito e non “zapato” non é correcto. Igualmente, para un ceceante sevillano non é correcto escribir “Cevilla“.
Calquera botaría as mans á cabeza se nos programas da televisión, na prensa, nas redes sociais, nas publicacións das empresas ou dos muros das redes sociais, os xornalistas ou os community managers escribisen un texto en castelán con faltas de ortografía ou erros gramaticais. Pero, cando o texto é en galego, todos temos escoitado o típico de:
“Bastante fai que escribe en galego”; “Claro, é que cada un escribe como pode ou como sabe”; “É que eu non estudei en galego”; “É que cambian as normas cada dúas por tres” etc.
Abofé que non todo o mundo tivo a posibilidade de estudar desde os primeiros anos de escolarización en galego, nin sequera o galego como materia, e que cadaquén fará o que poida. Pero as institucións, os cargos públicos e políticos, os medios… deberían coidar a forma da lingua, porque iso é algo tan importante en galego como en castelán, ou máis se cabe. E porque, alén diso, é a súa obriga legal1.
Ben certo é que a normativa mudou en aspectos puntuais varias veces desde que os dos meus anos estudamos a primaria e a secundaria, pero… Acaso non o fixeron tamén normas do castelán e doutras linguas da nosa contorna bastante máis asentadas? Si, e ninguén se escandaliza.
Así, o francés levou a cabo en 2016 unha reforma ortográfica que suprimiu acentos circunflexos e simplificou a grafía dunhas 2400 palabras. En romanés2 eliminouse en 1953 a letra â, que se retomou corenta anos máis tarde. O portugués pasou por múltiples reformas ao longo de todo o século XX ata chegar ao Acordo Ortográfico de 1990, que entrou en vigor bastantes anos máis tarde e non está aínda exento de polémica. En canto ao castelán, só un par de exemplos de cambios introducidos no ano 20103: O “solo“, cando significa “solamente”, que antes levaba acento gráfico, agora non o leva; “este/a, ese/a e aquel/lla” cando son pronomes, que antes se acentuaban, agora xa non… E todo iso sen contar a entrada continua de novas palabras e expresións nos dicionarios (en todas as linguas) e a caída en desuso de moitas outras.
O galego é normal que experimente máis cambios, debido á situación que sufriu durante a ditadura e tamén desde moitos anos atrás. Trátase de mudanzas e adaptacións que os lingüistas introducen e fixan, non por amolar a ninguén, senón porque as linguas están vivas e necesitan de certas “descontaminacións”, modernizacións, incorporacións, etc. Cómpre que vaiamos interiorizando e aplicando eses cambios, e que teñamos en conta que o galego, polas súas circunstancias históricas, parte de máis atrás ca outras linguas. Dito isto, por suposto que non pasa nada por ter algún erro, pero, no caso de termos dúbidas, consultemos o dicionario, a gramática ou preguntemos. Aprender sempre enriquece.
É deber de todas e todos coidarmos do noso, e a lingua é un dos bens máis prezados que temos, así que intentemos escribila con corrección, respecto e riqueza, que ben o merece! Pero sobre todo, usémola, escrita, falada, a berros ou murmurada, xa que cos idiomas acontece coma cos aparellos e máquinas: adoitan estragarse antes por non os usar que por usalos moito…
13/06/2023
1 Así o dispón a Lei de normalización lingüística no seu artigo 6, puntos 3 e 4 (“3. Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.4. A Xunta dictará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As Corporacións Locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta Lei), así como o Plan xeral de normalización da lingua galega que a desenvolve, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia no 2004.
2 Lingua románica falada en Romanía, na República Moldova, así como en zonas de Grecia, Bulgaria, Serbia, Ucraína, Hungría, Albania e Croacia.
3 Poden consultarse os cambios, resumidos, nesta ligazón: https://es.wikipedia.org/wiki/Innovaciones_en_la_ortograf%C3%ADa_espa%C3%B1ola_(2010)
Ilustración de portada de Carmen Castelo Monteagudo