A AC Irmáns Suárez Picallo reivindica a declaración do Museo Carlos Maside como BIC e critica que se desvirtúe o seu proxecto fundacional
Ante o anuncio de apertura ao público do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, a AC Irmáns Suárez Picallo volve reclamar da Xunta de Galicia a súa declaración como ben de interese cultural (BIC), a máxima figura de protección existente en relación co patrimonio cultural galego, cumprindo así co acordo parlamentario adoptado por unanimidade no Parlamento de Galicia hai xa máis dunha década.
Nos últimos anos, desde esta organización radicada no concello de Sada desenvolvéronse varias iniciativas encamiñadas a esixir este recoñecemento, desde unha recollida de sinaturas ata reunións cos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia. Porén, a Xunta, ignorando os compromisos adquiridos, mantén o procedemento do expediente BIC do Carlos Maside paralizado, o cal resulta inexplicable tendo en conta a importancia transcendental deste museo e o que representa na historia contemporánea de Galicia.
Desde a Asociación tamén viñamos reclamando a apertura ao público do museo, que pechou as súas portas logo de que os accionistas maioritarios do Grupo Sargadelos apartasen da dirección da empresa a Isaac Díaz Pardo -artífice tanto de Cerámicas Sargadelos como do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside-, nunha deriva mercantilista que levou a desvirtuar o proxecto empresarial de Díaz Pardo como industria cultural e que supuxo así mesmo o desmantelamento de Ediciós do Castro ou do Instituto Galego da Información.
Agora anúnciase a reapertura do Carlos Maside, mais faise baixo os criterios e a dirección das mesmas persoas que levaron O Castro e Sargadelos á situación actual, lonxe dos principios que alumaron a súa creación e á marxe do propio Padroado do Museo Carlos Maside –propietario de boa parte da colección que o museo atesoura– e do Laboratorio de Formas de Galicia, que representa o legado ideolóxico e estético de Isaac Díaz Pardo e de Luis Seoane. Foron estas figuras chave da cultura galega contemporánea as que promoveron a posta en marcha do museo en plena ditadura, co obxectivo de tender unha ponte coa Galicia anterior á Guerra Civil, sepultada baixo a represión do franquismo ou afastada do país polo exilio. Cómpre, pois, valorar o que significou erguer un proxecto cultural desta envergadura e características naquel contexto: un innovador concepto de museo que se viu culminado coa construción do singular edificio vangardista que o acolle, produto da colaboración entre o arquitecto Fernández-Albalat e o propio Díaz Pardo, e que alberga obra de Castelao, Laxeiro, Colmeiro, Maruja Mallo, Seoane ou Urbano Lugrís, entre outros artistas plásticos galegos.
O feito de que agora se modifique e se castelanice o nome do museo (Museo Gallego de Arte Contemporáneo Sargadelos-Carlos Maside) parécenos abondo significativo do novo e preocupante rumbo que se lle pretende dar. Nas vindeiras semanas continuaremos coa nosa campaña para reinvindicar que a Xunta exerza as súas funcións e para que se recupere e actualice o proxecto museístico con fidelidade ao ideado por Díaz Pardo e Seoane.

É unha obriga democrática de memoria que o museo Carlos Maside teña o proxecto museistico de Isaac Diaz Pardo e Luis Seone e asemade polo ben da cultura e a arte galegas.
Vai o meu apoio para esta oportuna e necesaria iniciativa. Grazas.
É de xustiza que o Museo Carlos Maside sexa declarado BIC e que non se desvirtúe e banalice a nosa historia en prol de intereses económicos e mercantilistas
Coido que esta reivindicación é xusta e absolutamente necesaria para a nosa cultura. Non facelo sería unha estulticia .
M i apoyo para este proyecto y esta iniciativa de gran valor cultural
Paréceme necesario que o museo Carlos Maside de Sada teña a consideración de BIC, é xusto, é moi importante para o noso país.
É unha magoa que desfixeran o cartel do museo feito polo meu irmão Rosendo. Era moi bo. Non se respeta a memoria.
É necesario e urgente, que ó Museo Carlos Maside ,sexa declarado BIC.E pola memoria de Isaac Díaz Pardo,que tanto fixo polo museo e por Galicia.
Temos que deixar de estragar a nosa herdanza. O legado que recibíu Galiza de Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane, o propio Maside e tantos artistas que conforman o Museo de Arte Contemporánea Galega Carlos Maside é a mellor parte da nosa historia do pasado século. Temos a obriga de a conservar, divulgar e acrecentar para as xeracións futuras. Oxalá que a declaración BIC sexa o primeiro paso para conseguir a titularidade pública dun museo que pertence a todos, todas as galegas.