A AC Irmáns Suárez Picallo considera inaceptáble a equiparación de vítimas do franquismo e os seus verdugos, realizada polo presidente do parlamento de Galiza

A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e xunto a outras 11 entidades memorialistas representativas de Galiza, presentaron na mañá de hoxe un escrito onde solicitamos a retirada de determinadas expresións que ofenden gravemente ás vítimas do franquismo e que foron pronunciadas polo presidente do parlamento de Galiza durante o acto de “homenaxe a Alexandre Bóveda e ás vítimas do franquismo” celebrado en sede parlamentar o pasado 7 de xuño.

O pasado día 7 de xuño, celebrouse no parlamento de Galiza unha homenaxe a Alexandre Bóveda e ás vítimas galegas do franquismo organizado por esta institución, e ao que foi convidado oficialmente a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo como entidade memorialista e integrante da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM).

Nada mais comezar o acto, poidemos comprobar que se escollera un título para a “homenaxe”, decido unilateralmente pola presidencia do parlamento na que ningunha entidade que traballa no ambito da Memoria pode sentirse representada; “Concordia, paz e liberdade”, o título escollido que manipula interesadamente o que debe ser unha homenaxe xusta e sinceira ás vitimas da barbarie franquista.

Tivemos que soportar tamén algunha alocución cando menos sorprendente, como foi o de meter expresamente á extinta ETA nun discurso de homenaxe ás vitimas galegas da represión franquista en Galiza. Mais o que xa resulta intolerábel desde calquer punto de vista, é a equiparación que o Sr. Santalices fixo sobre unhas imaxinarias vitimas de 2 bandos, cando en Galiza non houbo guerra civil así entendida, equiparando así a vítimas do franquismo cos seus verdugos.

É por elo que na maña de hoxe rexistramos no parlamento de Galiza o escrito que podes descargar ao pé deste post e que está asinado polas seguintes entidades (todas elas integrantes da Iniciativa Galega pola Memoria IGM) e representativas do activismo e asociacionimo memorialista galego:

Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH)
Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo
Asemblea Republicana de Vigo
Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36
Asociación Cultural “Vagalumes” de Tabeirós-Terra de Montes
Asociación Cultural Irmandade do Dolmen
Comisión pola Memoria Sinhor Afranio – Silleda
Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín
Fundación Luis Tilve
Fundación Alexandre Bóveda
Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *