Visitamos os espazos vitais de Eduardo Pondal

A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo organizou o pasado sábado 3 de xuño unha excursión pola comarca de Bergantiños  seguindo o itinerario ideado polo noso compañeiro Xosé Seoane Cao e publicado recentemente no Caderno de Estudos Xerais da ACISP titulado Roteiro pondaliano. Espazos Vitais, integramente da súa autoría. O caderno traza un percorrido por varios dos lugares emblemáticos na biografía de Eduardo Pondal —unha das tres grandes figuras do noso Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Curros Enríquez—, vinculándoos cos poemas do autor en que se mencionan. Podedes descargar de seguido o Caderno:

Pasaban uns minutos das 9:00 h cando partiamos de Sada case trinta persoas, con roupa cómoda, un tempo espléndido e ilusión por pasar un día especial e agradable. Xosé foi en todo momento o noso guía (guía de auténtico luxo, segundo manifestaron as asistentes no camiño de volta e quen isto escribe pode confirmar) e xa no autobús nos explicou paso a paso o itinerario que iamos seguir na nosa pequena viaxe.

A primeira parada foi na aldea de Borneiro, cunha pausa comentada nun curioso cruceiro viradoiro e despois na súa igrexa e cemiterio.

A continuación visitamos o dolmen de Dombate no seu centro de interpretación, onde un guía nos explicou o contexto histórico, o significado e usos deste monumento cume do megalitismo galego, e o proceso arqueolóxico que o levou ata o seu actual estado de conservación. Finalizamos, como non podía ser doutro xeito, coa lectura do poema “O Dolmen de Dombate” por parte dunha persoa do grupo.

Logo duns minutos en bus chegamos ao pé do camiño que conduce ao castro de Borneiro, coñecido como A Cibdá ou A Cidá. Xusto antes do breve pero costento carreiro que conduce ao castro, unha pequena acea ou muíño de auga recibe os visitantes. O castro consta de dous niveis: o primeiro deles con restos de dúas construcións rectangulares e outro, un pouco máis elevado, onde se atopan os restos das vivendas, circulares as máis delas, xunto a outros de base cadrada ou rectangular. Tras as explicacións de Xosé e os comentarios doutras persoas do noso participativo grupo, a nosa compañeira Marisa recitou o poema titulado “Rei dos Castros, Castro Forte”.

En Ponteceso vimos por fóra a casa natal de Eduardo Pondal (o interior non é visitable) e o monumento que Isaac Díaz Pardo realizou na súa memoria, e despois visitamo a pequena igrexa de San Fiz de Anllóns. No seu adro, de pé sobre as lousas das tumbas, escoitamos o poema “Campana de Anllóns” na voz dunha compañeira do grupo que tiña a casa familiar a carón mesmo desta igrexa. Aínda tivemos tempo antes do xantar -porque a mañá estivo moi ben aproveitada- de subir ao miradoiro do Monte Branco, se ben nese momento comezaba a baixar a néboa e non nos permitiu gozar da paisaxe como quereriamos. Aínda así, as vistas despexadas sobre o curso do río Anllóns e a vila de Ponteceso que puidemos contemplar durante o ascenso son unha preciosidade.

A seguir, o bus trasladounos á praia de Balarés, pois parte do grupo decidira quedar alí para xantar pola súa conta, e o resto regresamos a Ponteceso, onde nos agardaba un menú saboroso e abundante.

Tras a sobremesa e os cafés, a maioría das persoas animáronse a facer unha estimulante andaina de 6 km que vai desde a praia de Balarés ata a vila de Ponteceso, atravesando de camiño unha interesante zona dunar. Pola súa parte, as que non participaron na camiñada tiveron oportunidade de dar un paseo pola vila ou, simplemente, tomar algo tranquilamente.

A última visita da nosa ruta foi ao faro de Punta Nariga, que se ergue sobre unha peculiar construción que imita a proa dunha barco e está rodeado dunhas curiosas formacións rochosas, produto da erosión caprichosa da auga e do vento. Aquí léronse outros dous poemas de Pondal, un deles “A Fala”, e Xosé comentou as modificacións puntuais que deberían introducirse na letra do himno galego (que non é senón o poema “Os Pinos” de Eduardo Pondal musicado por Pascual Veiga) para restaurar a versión orixinaria do texto, cambios que están pendentes de aprobación no Parlamento Galego. E finalmente, por lle dar á nosa viaxe o final que merecía, atrevémonos a cantar, en grupo e a capella, o noso himno na súa forma auténtica. E de volta á casa!

Así pois, a ruta combinou á perfección a súa vocación cultural (relacionada non só coa obra pondaliana senón tamén coa historia, a paisaxe e as características dos lugares e monumentos visitados), co entretemento, o bo xantar, a actividade física e o contacto coa natureza.

No camiño de volta, os comentarios das persoas participantes foron moi positivos, en canto á actividade en si mesma, claro está, e aínda máis en canto ao labor, organizativo e didáctico, de quen foi o noso guía de excepción ao longo de toda a xornada, Xosé Seoane. Polo tanto, desde a Xunta Directiva esperamos poder levar a cabo en breve máis experiencias deste tipo e animamos enfaticamente a todos os nosos socios e socias a participar nelas e desfrutar dun día memorable.

A continuación publicamos algunhas imaxes de diferentes paradas que fixemos durante o roteiro:

ALDEA DE BORNEIRO

DOLMEN DE DOMBATE

MUIÑO DE AUGA E CASTRO DE BORNEIRO

PONTECESO. CASA NATAL DE PONDAL E MONUMENTO DE ISAAC

SAN FIZ DE ANLLÓNS

SUBIDA AO MONTE BRANCO

PRAIA DE BALARÉS E INICIO DA ANDAINA

PUNTA NARIGA

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *