Presentación dun novo Caderno de Estudos Xerais

O venres 12 de maio, ás 20.00 h do serán, presentaremos na capela de San Roque o Caderno de Estudos Xerais número 21: “Roteiro Pondaliano: espazos vitais” da autoría de Xosé Seoane. O acto, organizado pola A.C. Irmáns Suárez Picallo, conta coa colaboración da Deputación provincial da Coruña e do concello de Sada.

O caderno está concibido como guía básica para o roteiro que a Asociación organizará o sábado 3 de xuño por algúns dos espazos vitais de Eduardo Pondal Abente, o bardo bergantiñán, localizados arredor do seu Ponteceso natal.

Con este roteiro preténdese non soamente facer un necesario achegamento á figura e á obra do bardo, senón que tamén quere mergullarnos de cheo no noso pasado, nas nosas raíces para dese xeito darnos a posibilidade de conducirnos no presente para proxectármonos a un futuro esperanzador no que recuperemos a esencia do máis noso: a lingua, a literatura, a historia, a arte… A perfecta comuñón coa terra nosa.

A guía está organizada cronoloxicamente en torno ao perfil biobibliográfico de Pondal, relacionando a súa obra poética coa paisaxe, a historia, a etnografía, a arte,  a cultura popular…, que se respiran en cada un deses lugares a través de pequenos apuntamentos informativos.

A escolma poética está tirada de textos seleccionados do libro “Queixumes dos pinos e outros poemas”; Edicións Castrelos. Vigo, 1970.

No acto contaremos coa participación da artista sadense Sofi Peries que interpretará poemas de Pondal con ritmos adaptados de rhitman blues, hip hop, soul…

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *