As entidades memorialistas (Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña) demandan a urxencia desta medida, xa que nada impediría aos Franco a retirada do Pazo de Meirás o vindeiro 26 de xuño, bens de grande valor patrimonial ligados de maneira inseparable do conxunto histórico.
O Xulgado de Primeira Instancia núm. 1 da Coruña, resolveu recentemente autorizar á familia Franco a retirada de determinados bens mobles do Pazo de Meirás, como resultado da actual situación xurídica que sobre os bens mobles e o propio inmoble se seguen en diferentes ámbitos xudiciais.
Neste sentido, lembramos que o Estado formulou un incidente de execución de sentenza sobre bens que a Avogacía do Estado consideraba ligados de maneira inseparable do inmoble e recentemente, unha nova demanda civil pola propiedade de determinados bens mobles do Pazo de Meirás.
Como resultado do primeiro preito, máis dun centenar de bens ligados ao inmoble (tales como o retablo da capela ou o sepulcro deseñado por Pardo Bazán), quedan de maneira definitiva condicionados ao resultado final sobre o estado posesorio do propio inmoble, litixio este pendente de sentenza do Tribunal Supremo, e polo tanto estes bens permanecerán en Meirás, cando menos ata que coñezamos o resultado desa resolución pendente do alto tribunal.
Tamén permanecerán no Pazo de Meirás libres da rapina dos Franco o vindeiro día 26 de xuño – e pendentes do que no futuro resolva a xustiza – os bens mobles que o Estado demanda nun novo preito civil (en concreto 2 bens de Patrimonio Nacional, 409 do patrimonio documental e 153 ligados á escritora Emilia Pardo Bazán, ademais doutros bens incorporados durante a ditadura franquista).
Mais aínda que a maioría de bens mobles de interese patrimonial non contan con autorización para saír do Pazo de Meirás, cómpre lembrar que de non facer nada, os Franco si poderán sacar moitos bens de Meirás. En concreto 697 elementos – case 400 bens – inventariados no seu día pola Xunta de Galiza e que non foron reclamados polo Estado, tanto no incidente de execución de sentenza como na nova demanda formulada recentemente, ademais dos 5 bens – algúns de interese histórico – que a xustiza determinou como propiedade dos Franco no incidente de execución de sentenza.
Algúns destes bens están ligados a algunha das dúas etapas de interese histórico no Pazo de Meirás (isto é, ou ben forman parte da etapa de Pardo Bazán e xa estaban no conxunto antes da chegada de Franco a Meirás, ou ben foron incorporados durante a ditadura) e teñen un enorme interese. En concreto, e a xeito de exemplos, pezas que adornan o salón da planta baixa da torre de levante e o contiguo a estes (conxuntos isabelinos, altar portátil de madeira, bargueños, consolas de parede ou pezas de porcelana).
É por iso que a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, queren solicitar publicamente da Xunta de Galiza a incoación urxente do expediente de declaración como Ben de Interese Cultural dalgunhas das pezas deste catálogo da propia Xunta de Galiza, como xa se dixo, de grande valor patrimonial. Todo iso no exercicio das competencias exclusivas que nesta materia ten a Consellería de Cultura.
Esta medida, cómpre lembrar, é a única que podería evitar a saída destes bens que non foron reclamados xudicialmente polo estado tal e como reclamou no seu momento o concello de Sada e o movemento memorialista.