Sinaladas

A AC Irmáns Suárez Picallo participou no acto inaugural desta exposición no Obelisco da Coruña (Cantón Grande) e ven de solicitar no día de hoxe a petición á Deputación da Coruña, propietaria dos dereitos desta exposición – da que é Comisaria Montse Fajardo – de que veña fisicamente a Sada.

“Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión” é unha exposición de rúa composta por 39 paneis que xa pode visitarse no Cantón Grande, á altura do Obelisco, ata o 27 de marzo

Está concibida para ser exposta no espazo público e divulgar a figura de mulleres e dos movementos nos que participaron, desde as revoltas agrarias, pasando pola situación educativa da muller durante a II República, a represión durante o franquismo e o exilio, ata a participación na resistencia e na loita para conseguir a democracia.

“Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión”, é un proxecto da área de Cultura da Deputación que en palabras de Xurxo Couto “continúa un camiño a prol da recuperación da Memoria Histórica que se iniciou xa no pasado mandato e que supuxo un fito desde o punto de vista institucional”. Así, o deputado de Cultura lembrou todo o traballo realizado deste a área provincial de Cultura en todo o proceso de recuperación do Pazo de Meirás para a cidadanía ou o proxecto “Xeración perdida”, que homenaxeaba aos cargos electos de todos os concellos de provincia que sufriron a represión franquista.

“Dous exemplos de traballo institucional que amosan o camiño que nos trae hoxe ata aquí” asegurou Xurxo Couto, quen engadiu que “Sinaladas é a nosa aposta neste mandato por poñerlle rostro e nome e apelidos a mulleres relevantes en distintos ámbitos, non só como unha forma de homenaxe ao seu labor senón tamén como un xeito de reivindicalas e superar a ocultación e o silenciamento ao que foron sometidas en moitos casos”.

Convén lembrar que “Sinaladas” foi concibida co obxectivo de divulgar a figura de mulleres e dos movemento nos que participaron para ofrecer unha visión global da memoria das mulleres, desde as revoltas agrarias, pasando pola situación educativa da muller durante a II República, a represión durante o franquismo e o exilio, ata a participación das mulleres na resistencia e na loita para conseguir a democracia. Ao longo das diferentes etapas históricas recolle figuras tanto tan coñecidas como María Casares como outras menos coñecidas como as mestras asasinadas e represaliadas durante o franquismo, así como loitas colectivas como o motín do arsenal de Ferrol ou a das cigarreiras coruñesas.

“É unha historia de vidas heroicas”
“Non é unha historia de derrotas, é unha historia de vidas heroicas”, así definiu a mostra a presidenta da AC Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, entidade que colaborou coa comisaria da mostra na compilación dos contidos referidos á Coruña. Así, e baseándose no traballo que a AC Alexandre Bóveda xa ten feito a través do proxecto “A Coruña das mulleres”, María Xosé Bravo puxo o foco en loitas como a das traballadoras da Fábrica de Tabacos, na folga das lavandeiras que paralizou a cidade, ou en mestras represaliadas como Elvira Bao e María Barbeito, ou asasinadas como Mercedes Romero. “Insisto en que esta exposición recolle historias de heroísmo de mulleres que sabían que estaban abrindo camiños, que sabían que estaban limpando congostras para que outras o tiveramos un pouquiño máis fácil”.

Pola súa banda o historiador Carlos Babío puxo o foco na necesidade de “rachar a amnesia democrática”, máis aínda no caso de historias con protagonismo feminino “porque se algo podemos constatar é o descoñecemento que temos sobre o papel das mulleres tanto durante a represión franquista como en outros movementos que recolle a mostra”, asegurou. Carlos Babío é tamén un dos colaboradores da mostra, como historiador máis tamén como familiar que achegou documentación, pois a historia da represión que sufriu súa avoa é unha das que se recollen en “Sinaladas”. “Aquí está representada a historia de todas as avoas, de todas as bisavoas e de todas as nais, que sempre se sentiron “sinaladas” polo seu pasado no franquismo, e que son historias durísimas pero son historias de dignidade”.

A comisaria da mostra e responsable dos contidos, Montse Fajardo, asegurou que o proxecto vai máis aló da memoria de mulleres represaliadas. “O que intentamos é centrarnos na loita e na participación das mulleres en moitos dos logros sociais do último século e tamén no caro que tiveron que pagar esa loita e ese compromiso”. A comisaria asegurou que “sinaladas” é un concepto con dobre acepción: dunha banda, refírese a como as mulleres se sentiron marcadas, mais por outra, significa que foron ‘destacadas’ no seu tempo.

Montse Fajardo explicou que a mostra está deseñada para facer un percorrido desde o xenérico ata o concreto, recollendo historias de mulleres das catro provincias. En total, recóllense 540 liñas biográficas, das cales en 194 casos foi posible recuperar imaxes grazas á colaboración das familias e de asociacións de todo o país. A información está compilada en 39 paneis deseñados para ser expostos en espazos públicos, e consta de 12 apartados temático-cronolóxicos:

  1. A loita de clases. Repasa o papel das mulleres na loita de clases, na batalla conta os abusos de séculos. A súa presenza nas revoltas agrarias, nos sindicatos, e a persecución á que son sometidas.
  2. A participación na vida política. Fai un percorrido pola participación das mulleres na vida política, pola súa loita para conseguir dereitos, e polas trabas que se atopan mesmo entre os seus compañeiros de siglas.
  3. O ensino. Recolle a chegada das mulleres ás aulas, pola importancia que a II República lle dá á súa formación, e polo retroceso que supón o franquismo, especialmente teimudo na represión contra docentes.
  4. A cultura. É unha homenaxe ás pioneiras da cultura, ás mulleres que abriron camiños na escrita, nas ciencias, no deporte, na arte. É tamén unha denuncia sobre o borrado dos seus nomes que trouxo consigo o franquismo.
  5. As que dan a batalla. Céntrase no tempo do golpe de Estado, na presenza das mulleres nos conatos de resistencia, nas barricadas, nas milicias, e no alto prezo que pagaron pola súa loita.
  6. A resistencia solidaria. Trata sobre as mulleres que van manter a resistencia tras a derrota republicana, dentro e fóra do país. As que fan boicots nas fábricas, as que participan na resistencia contra os nazis e, nomeadamente, as solidarias.
  7. O exilio. Recolle vidas de mulleres perseguidas por axudar a homes na fuxida, ás que tiveron que deixar atrás a súa vida, o seu fogar, pra afastarse da barbarie fascista. A todas as que mantiveron a defensa dos seus ideais noutra terra.
  8. A guerrilla. Fala das mulleres que estiveron no monte e das loitadoras na chaira, sen cuxa axuda sería imposible manter a resistencia. Tamén de como o franquismo as vilipendia, as desterra, as viola, as mata.
  9. O corpo da muller, campo de batalla. Dedicada á represión contra o corpo das mulleres, que son rapadas, violadas, tatuadas ou afastadas da súa descendencia por saírse do abafante xustillo franquista e tamén para castigar a loita dos homes da súa familia.
  10. Individuas de “dudosa” moral. Fala do sexismo no franquismo, que trata aos homes como delincuentes e a elas como pecadoras, fiel ás doutrinas da Igrexa cómplice, principal inimiga das mulleres. Tamén do mantemento após 1975 de estruturas inquisitorias como o Patronato.
  11. Leccións de cultura democrática. Centrada na participación das mulleres na resistencia e na loita para conseguir a democracia que se leva a cabo nas aulas ou no agromar asociativo, após o abandono das forzas aliadas vencedoras da segunda guerra mundial.
  12. Traballar en prol da democracia. Recolle no papel das mulleres na loita pola democracia do movemento obreiro e o nacionalismo nos anos previos e posteriores á morte do ditador, e péchase co recoñecemento á loita feminista, herdeira da dignidade das predecesoras.
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, a presidenta da AC Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, Carlos Babío e a comisaria da mostra, Montse Fajardo, participaron esta mañá na presentación de “Sinaladas”, que xa pode visitarse no Cantón Grande, á altura do Obelisco, ata o vindeiro 27 de marzo.

A continuación compartimos aquí a exposición en formato dixital:

PANEIS do 01 ao 13

PANEIS do 14 ao 26

PANEIS do 27 ao 33

PANEIS do 34 ao 39

UNIDADES DIDACTICAS DA EXPOSICIÓN

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *