O día que morreron os gatiños

Vanesa Santiago

O 6 de agosto de 2022 anunciouse unha vaga de hipercalor ou calor extrema. Esa información desmentiuse posteriormente, pero algunhas fontes minoritarias seguiron insistindo en que “el 6 de agosto morirán los gatitos”, debido a que non resistirían as altas temperaturas.

Eu considerei unha destas fontes o bastante confiable como para asustarme. E dediqueime o 5 de agosto a repetir cada hora en redes que por favor a xente con gatos non os deixase na rúa o 6 de agosto. Que os gardasen dentro das casas e tivesen caixas con xeo ao seu alcance de xeito constante.

Como non teño moita ascendencia en redes, pouca xente me tomou en serio. A ver, eu creo que tampouco non me tomaría en serio a min mesma falando da morte dos gatiños, hai que entendelo.

Pero chegou o 6 de agosto de 2022, e contra todo prognóstico, mesmo os que foran rexeitados por alarmistas, as temperaturas subiron. E subiron. E subiron.

En todo o mundo rexistráronse valores por riba dos 50 graos Celsius, e na Península Ibérica, por exemplo, acadáronse 61 graos en varios puntos, e o récord de 63 en Andalucía.

Os gatiños morreron. Os seus cadáveres ficaron nas rúas sen que ninguén os lembrase. Ao cabo, non foron os únicos que colapsaron. Os seres humanos vímonos nunha situación un chisco dramática tamén.

Pero a calor pasou, por esta vez. Cambios climáticos houbo sempre, seica. Enterramos os mortos. Sufocamos os incendios. Reparamos os aparellos estragados. E, cando todo volveu á normalidade, máis ou menos, eles xa non estaban miañando nos tellados nin cazando paxaros nos parques nin mordiscando antenas dos coches aparcados polas rúas.

Os gatiños morreron. Só se salvaran aqueles cuxos propietarios escoitaran as voces estrañas que falaban catástrofes. Iso abondará para que os gatos volvan repoboar o mundo. Pero, abondará para que poidamos volver vivir sen escoitar a quen vén avisando de que a humanidade se dirixe cara ao inferno?

Por certo, agora duplicáronseme os seguidores nas redes sociais. Tampouco e que me fagan máis caso que antes, agora que o penso. Así a todo, se tedes curiosidade, buscádeme. Quen sabe. Podería dicirvos o día en que todo remata.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *