O curruncho da língua

Olliño cos pronomes átonos. Poñámolos no seu sitio, por favor, xa que son parte fundamental da estrutura do idioma.

Continuamos a avanzar un chisco no complexo tema da colocación dos clíticos, eses pronomes que ás veces van unidos ao verbo e outras veces soltos e por libre. Apuntabamos en entregas anteriores que xamais inician a frase (*Te quero) e que a súa posición “normal”, a non marcada, é detrás do verbo (Quérote), e aquí inclúense non só as oracións simples afirmativas senón tamén as compostas coordinadas unidas por comas ou pola conxunción e (Admírote, quérote e bótote en falta). O pronome vai así mesmo unido ao verbo tras un pero ou un mais (Non cho parecerá pero/mais quérote). Pola contra, pasa para diante despois dunha negación (Non cho parecerá nin o esperabas, pero quérote) e de partículas subordinantes como que, quen, como, onde, cando, canto, se… (Ben sabes que te quero e canto te quero).

Pois ben, despois de tanto amor imos ver onde poñer os pronomes átonas cando preguntamos e exclamamos. Nas oracións interrogativas e exclamativas debemos diferenciar dous tipos: as que levan que, quen, como, cando, canto-a-os-as, onde, por que, para que… (esas partículas que xa coñecemos por seren as mesmas que introducen oracións subordinadas, atraendo os pronomes cara a si) e as que non.

Se a oración vai introducida por que, quen, cando, como, canto, por que etc., os pronomes sitúanse diante do verbo: Que che parece? Quen llo contou? Canto lles custou? Onde as atopades? Como volo fixeron chegar? Por que o dis? Para que os metiches aí? Quen nolo ía dicir! Canto nos fixo rir! (xamais *Que paréceche? *Quen contoullo? *Canto fíxonos rir!).

En ausencia deles, por contra, o pronome segue as regras xerais de colocación: Preocupádesvos tanto! Gústache a música? Recibíronvos como é debido? Desta vez convocáronas a todas? Nunca se vos ocorreu? Agradézovolo moito! Dásme lume? Por tanto, non é a entoación, o feito de as oracións seren exclamativas ou interrogativas, o que provoca a anteposición dos pronomes, senón a presenza das partículas mencionadas.

Teño un amigo, moi simpático el, que sen ter ascendencia andaluza nin relación ningunha con esa terra adoita pronunciar frases enfáticas do tipo E eu que sei, *chiquiña? ou Pero *chiquiño, ti que de que vas? Lembrándome del agromou este apartado curruncheiro.

Seguramente non nos resultará allea esta equivalencia:

castelán -illo, -ito = galego –iño

Mais isto non sempre é así, e cómpre telo en conta, pois tanto podemos atopar palabras acabadas en –iño e –iña nos dicionarios de castelán (aliño, armiño, campiña, cariño, lampiño, desaliño, rapiña…, ademais dalgún préstamos nosos ou do portugués, como albariño, caipiriña, corpiño ou morriña), como pabras acabadas en –illo e –illa nos dicionarios galegos, algunhas delas préstamos incorporados a través do castelán, como banderilla, cuadrilla, guerrilla, pastilla ou tortilla. Reparemos nalgúns outros destes illos e illas, todos existentes na nosa lingua:

acubillo, amasillo, armadillo, barquillo, bocadillo, bombilla (forma máis recomendable: lámpada), boquilla, caravilla, cartilla, cascarilla, cedilla, chinchilla, cochinilla (insecto), cuadrilla, cuartillo, cepillo, empanadilla, escuadrilla, flotilla, gargantilla, gatillo, ladrillo, masilla, moquillo, morcilla, palillo (só o de palillar), perillo, presilla, puntilla, quintilla, redondilla, ronquillo, sarillo, seguidilla, tabardilla, tresillo, vainilla, virilla, xustillo, zapatilla…

Temos tamén en galego, por suposto, –itos e –itas, como apetito, bendito-a, bipartito-a, bonito-a, cabrito-a, conflito, cosmopolita, delito, dinamita, distrito, estalactita, estrito-a, exquisito-a, favorito-a, finito-a, forquita, forquito, gambito (no xadrez), garita, garito, grafito, inaudito-a, infinito-a, israelita, leucocito, levita, linfocito, maldito-a, marmita, mesquita, moscovita, mosquito, palafita, perito-a, plebiscito, refrito, semita, señorito-a, sibarita, sulfito, uralita, urbanita

Tomemos boa nota entón de todas estas palabras nosas e non pretendamos «regaleguizar» o que xa é galego de seu. Porque temos millo, temos mitos, temos miño e ata Miño, e todos eles son nosos.

O anterior non quita, poreén, que existan casos en que as terminacións -illo-a, -ito-a do castelán si se correspondan en galego cun -iño-a, mais fóra das equivalencias de formas en diminutivo do tipo culleriña (a culler do café), bastonciño (o pauciño con algodóns nos extremos) ou variña máxica son moi escasos.

Nalgunhas ocasións, a particular evolución do latín vulgar producida en cada territorio orixinou -illo-a no castelán e –elo-a  no galego (trazo ao que se veñen sumar, claro está, as restantes características diferenciais en cada lingua). Vemos no cadro algúns exemplos:

Ora ben, quere isto dicir que as cosquillas serán *cosquelas, as rodillas *rodelas, as parrillas *pa-rrelas e os calzoncillos *calzon-celos? Por supostísimo que non!

En primeiro lugar, existen formas

diminutivas (ou aparentemente
diminutivas) en castelán que non se corresponden en galego con diminutivo ningún. Vexamos no cadro algúns casos que podería inducirnos a erro:

E que facemos entón co *chiqui-ño do meu amigo que deu pé a todo este sarillo de palabras e non figura nas listaxes anteriores? O certo é que cumprirá para el un cadro novo onde o reunir con outros vocábulos que difiren por completo nunha e outra linguas. Botémoslle unha ollada, pois ben nos pode salvar de incorrer en múltiples castelanismos:

NOVAS DE LINGUA: «CARMELA», «NÓS» E AS VODAS EN GALEGO

«Eu falo en galego, sabes, Siri?» Isto lle explicaba a encantadora meniña Moraima á IA tras intentar comunicarse con ela en galego sen conseguilo, nun vídeo que se fixo viral e que abriu un debate sobre a exclusión da nosa lingua no eido das novas tecnoloxías. No mes de xuño, investigadores do centro atlanTTic da Universidade de Vigo sinalaban que o galego é a lingua cooficial española cun menor desenvolvemento de tecnoloxías lingüísticas como os asistentes de conversa ou as aplicacións de tradución ou corrección ortográfica, ao tempo que advertían do perigo de quedarmos descolgados, a curto prazo, da revolución que impulsan os macrodatos ou big data e a intelixencia artificial en moitos sectores estratéxicos.

Desde aquela producíronse algúns avances. En primeiro lugar, grazas aos esforzos da Mesa pola Normalización Lingüística, que tramitou ducias de denuncias a través da «Liña do Galego», Apple acaba de avanzar na integración do galego nos seus dispositivos: a actualización do seu sistema operativo móbil no pasado mes de setembro xa permite ler textos en galego. «Carmela» é o nome da voz galega de Apple. Non chega a ser a nosa Siri, faltan pasos aínda para que os usuarios de Apple poidan comunicarse en galego coa asistente de voz, pero supón un avance nese sentido.

Doutra banda, hai uns meses arrancou o Proxecto Nós, impulsado pola Xunta en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela co fin de «situar o galego á vangarda da intelixencia artificial e das novas tecnoloxías». Preténdese que Siri e Alexa falen galego, si, pero tamén conseguir a subtitulación automática de películas e vídeos, facer compras electrónicas, realizar consultas e trámites nos portais da administración autonómica, recibir asistencia na navegación… E todo en galego. Esperamos que esta colaboración coa USC dea os seus froitos e que o proxecto non quede varado e sen orzamento tras o seu anuncio aos medios como tantas veces ocorre.

Revisando nestes días publicacións en papel de hai vinte anos batemos con que en decembro de 2003 os xornais informaban dos obstáculos que a Xustiza puxera a unha parella de Compostela para casar en galego, uns atrancos que implicaban pospoñer a voda dous meses e a presenza dun intérprete durante a cerimonia. Isto no ano 2003, vinte e dous anos despois da promulgación do noso Estatuto de Autonomía (1981), que establece a cooficialidade de galego e castelán en Galicia, e vinte redondos da Lei de normalización lingüística (1983), que regula os dereitos lingüísticos da cidadanía e a obriga dos poderes públicos en Galicia de protexer e fomentar o noso idioma.

Pois ben, como a vida é unha roda que non para (xa o dicía Daenerys, a Nai de Dragóns), e en certos temas tende, por desgraza, a reincidir, hai un par de meses tivemos ocasión de ver a repetición da xogada (+42 do Estatuto, +40 da LNL, lembremos), desta volta en Vigo: unha parella quere casar en galego e a xuíza négase a oficiar a cerimonia nesa lingua. Iso si, ofrece como alternativa a presenza dunha intérprete. O escenario soñado de calquera parella de namorados, non vos parece? Os afectados denunciaron ante a Mesa pola Normalización Lingüística a discriminación que sufriran no Rexistro Civil de Vigo, a nova saltou aos medios e finalmente conseguiron casar na súa lingua cun substituto da maxistrada en cuestión.

Certamente, non deberiamos ter que andar pola vida a reclamar os nosos dereitos seguido (é francamente esgotador), mais se alguén se pon estupendo e intenta coartalos, ben faremos en reivindicalos facendo uso dos medios ao noso alcance. Se esta parella achantase coa negativa inicial da xuíza a casalos en galego como era a vontade de ambos, a tal hora terían como recordo da súa voda un vídeo absurdo a dúas linguas e cunha intérprete de por medio… E iso no na súa terra, onde o galego é lingua oficial! Mais non o fixeron, e iso achanda o camiño para outras persoas no futuro. Oxalá vivan moitos, moitos anos felices e coman outras tantas perdices, que ben o merecen.

ENREDOS : «VACALOURA» E OUTROS

Propoñémonos neste apartado ofrecervos algunhas ideas relacionadas coa lingua de cara aos agasallos do Nadal.

Por orde de aparición, temos no mercado o «Arume Xogal», de Eudrea Ediciones, nado como alternativa galega ao Trivial e consistente en completar o percorrido definido por un petroglifo a medida que se responden preguntas sobre Galicia de distintos temas, cunha simboloxía na que o dolmen representa as cuestións de arte, o torque as de historia e o arume as de lingua e literatura. O xogo está dispoñible en librerías e nas súas correspondentes webs para pedidos online.

No pasado setembro veu a luz «Vacaloura», outro xogo de mesa tipo Trivial, da man da empresa de deseño galego OzocoGZ, centrado en preguntas relacionadas coa lingua e a literatura galegas (inclúe 500 tarxetas cun total de 2.000 preguntas relacionadas con máis de 5.000 palabras do léxico galego). Este xogo e outros («Ti non es de aquí?», os «7 Enredos Reunidos», láminas recortables, barallas con distintos motivos…) pódense adquirir na tenda física de OzocoGZ no Carballiño ou nalgunha das súas tendas colaboradoras (na Coruña, librerías SUÉVIA e AZETA) e, por suposto, na súa web: https://ozocogz-atenda.com/.

Mais, é imprescindible gastar cartiños para podermos xogar e entreternos en galego? Rotundamente non, como podedes comprobar nas recomendacións de hoxe.

Ademais do Wordle galego e do Pensatermos, sobre os que tratamos en Currunchos anteriores, existen outros xogos e enredos en galego na rede. Sen ir máis lonxe, a AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega) ofrece de balde varias opcións diferentes e online (atoparédelos todos en AS-PG-En Xogo:

Trivial.GZ. Permite achegarse á literatura, á historia, á xeografía e á sociedade galegas no formato do tradicional Trivial. Benvid@ ao trivial.gz (as-pg.gal).

Ledtrad@s.gz. Consiste en formar palabras para colocalas nun taboleiro cuadriculado, horizontal ou verticalmente, de xeito que poidan ser lidas de esquerda a dereita ou de arriba a abaixo. Cada palabra débese ligar con algunha das que xa están no taboleiro.

O Xogo da Curuxa. Inspírase no Xogo da Oca, pero no da Curuxa cando o participante cae nun cadro deberá superar unha proba para poder ficar nel, evitar un castigo etc. As probas poden consistir en asociar imaxes, responder tests…

Categorizando: Tamén coñecido como CataPalabras, consiste en escribir palabras que encaixen en certas categorías elixidas ao azar (froitas, animais etc.) e que comecen pola letra que saia no dado de 20 caras, co obxectivo de conseguir a puntuación máis elevada posible.

A nosa segunda recomendación de hoxe, para tempos de Nadal e para toda ocasión, ten que ver co audiovisual, e concretamente coas nosas series; en primeiro lugar porque para aprender galego son moito máis entretidas que os telexornais, isto hai que recoñecelo; e en segundo, porque son variadas, de boa calidade moitas delas, con bos guións e un actorado de primeira, e isto cómpre dicilo xa en voz alta e sen complexos.

Noutra ocasión abordaremos aquelas series e películas que podemos ver en galego nas distintas plataformas de pago, mais hoxe querémonos centrar no que todos temos ao alcance da man e de balde. Falamos de EnSerie, o sitio web coas mellores series da TVG, onde podemos encontrar desde clásicos como Mareas vivas, Padre Casares, As leis de Celavella, Matalabos ou Terra de Miranda ata producións máis recentes, de temática diversa e calidade innegable como poden ser Auga seca, A estiba, Método criminal, A lei de Santos, Operación Marea Negra e tantas outras. Por aquí deixamos a ligazón para que exploredes, paga a pena: http://enserie.gal

E aquí nos despedimos ata o vindeiro Curruncho, non sen antes lembrar que toda persoa que defenda a súa propia lingua sen agredir a ninguén ten a razón da súa parte (Tilbert D. Stegmann).

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *