Letras Galegas 2022

Imaxe superior: F. Delgado Gurriarán, por Anxo Santomil [RAG]

No marco da celebración do Día das Letras Galegas 2022, o Concello de Sada convocou o certame de poesía (RE) Inventando Florencio Delgado Gurriarán. As persoas participantes debían presentar un poema concibido a partir dun verso do autor homenaxeado. Na 1ª categoría (ata 13 anos), a gañadora foi María González Blanco; na 2ª (dos 14 aos 17) venceu Amalia Blanco Pose, e na 3ª (a partir de 18) obtivo o premio Xulián Barros Reimúndez.

«Ao meu carón»

           MARÍA GONZÁLEZ BLANCO

Vente, ventiño do Norte,

non te quedes atrás,

polos ríos e polos montes

ti has de navegar.

Non esquezas polos pobos pasar,

que as xentes cho agradecerán.

Tocarán a campá de benvida,

as follas das árbores voarán.

Ti serás o retrouso

dunha bonita canción.

Unha cantiga galega,

que cantas por unha boa razón.

Andas recollendo arelas

e cunchas no mar,

nesta fermosa terra

que todos temos que amar.

Ai! ventiño do norte,

nun tarro voute gardar.

Cando vai chegando a noite,

durmo ben de te escoitar.

Lume e xuízo

AMALIA BLANCO POSE

As xestas e as uces

quéixanse do vento,

do vento, que brua

nas arbres batendo.

O lume condénase a si mesmo,

no xuízo máis precario.

Remata coa súa incandescencia,

deixa de ser, de chiar.

A auga afógase, pragada da pólvora

máis tóxica. Afógase e arde a barlovento,

segue o transcurso dun reloxo a deshora

e leva as súas augas a contracorrente.

A terra praguea ó aire, ceo e estrelas.

Xulga a liberdade, xulga o velear sen destino.

Deixa saír un alarido coas voaniñas,

autoconsómese, remata no fado máis desaposto

O xuízo, un furacán caótico.

Unha idealización abxurada.

In artículo mortis,

só queda o tempo.

Sensación melífera que se cre inacabable,

ilusión fuxidía, cadeas en bonecas e xeonllos.

Pero hoxe existe un prodixio,

xuíz de Deus, asestando balazos a toda

precariedade.

Remata o xuízo.

A auga só respira.

O lume só olla.

A terra só razoa.

Existencias

xulián barros reimúndez

Vente, ventiño do norte,

escóitalo?

Non o sentes?

É o latexo de mil vidas

esquecidas

enterradas nalgures

por un predicador idiota

que nunca creu

na beleza dun beixo clandestino

que pasa a noite danzando

de boca en boca.

Nin en almas resucitadas tras íntimas viaxes

polas liñas dun corpo

eternamente visitado.

Tampouco en escuras bágoas feitas luz

pola maxia

dunha verba asasina de ausencias.

Mais tamén é o son dunha triste canción

convertida en gargallada

por dous corazóns solitarios

que celebran aínda sorprendidos

a miragre de terse encontrado.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *