Lamentamos profundamente a decisión do Concello de Sada, que lle retira o seu respaldo a un evento tan consolidado coma este, abocándoo a trasladarse a outro municipio.
Prescindir dun festival como o Touliña Pop, que constitúe unha das principais citas do calendario festivo de Sada, significa renunciar a un evento cultural de referencia e a unhas xornadas que contribúen a poñer o noso municipio no mapa e a dinamizar a nosa economía, ofrecendo alternativas de ocio dentro da nosa localidade. Pero implica tamén renunciar a unha celebración que nace desde abaixo, da propia cidadanía, do tecido social.
O Touliña Pop, que acadou unha notable proxección grazas ás súas propostas de calidade, é resultado do traballo desinteresado de xente que, xenerosamente, decide poñer o seu esforzo e o seu criterio ao servizo dos demais. Por iso resulta especialmente deplorable que a administración municipal lle retire o seu apoio, cando, de querer organizar un festival destas características sen o traballo da xente que está detrás, o custe para as arcas públicas sería bastante máis elevado.
Agardamos que no futuro o Concello de Sada mude a súa postura e a edición 2024 do Touliña Pop se celebre no noso municipio con todo o apoio que merece. Pola nosa parte, e dentro das nosas posibilidades, desde a A.C. Irmáns Suárez Picallo ofrecémoslle á organización a nosa colaboración no que se estime oportuno.
Longa vida ao Touliña Pop!