Desaproveitada, descoidada e con taca-taca

Miguel Mosquera García

Temos un elemento do patrimonio histórico único, e singular. Un edificio erguido ao carón das deshumanizadas estradas de Sada, que nos días nos que sae o sol reflicte tres cores diante do mar: o vermello, o verde e o amarelo. As súas vidreiras, con deseños modernistas que cegan a mirada de todo o que mira para ela, danlle identidade a todos os carteis das festas, á vila. As decenas de ornamentacións diferentes compoñen a súa fachada e o seu interior, e as cento e unha volumetrías que aparecen nos seus piares de madeira pintados ata os seus oito metros de altura. Todo un compendio de deseño xeométrico que evade o visitante a outra época.

Pero a Terraza de Sada é moito máis que toda a súa beleza estética. A Terraza é o exemplo de aproveitamento dun espazo ao longo de case un século de vida. É tamén, quizáis, o exemplo de transformación e adaptación dun edificio máis importante que exista talvez en toda Galicia. É un quiosco modernista, que desde o seu nacemento foi froito de ampliacións e redeseños motivados polo seu uso social, sobre todo social. Un pavillón art-nouveau que acolleu bares, cafés, restaurantes, bailes, eventos de todas as índoles imaxinables e por imaxinar. Aínda despois de rematar a súa vida na Coruña, foi trasladada onda nós, onde se seguiu modificando, ás veces pola necesidade e outras pola falta de atención que sufriu durante tantos anos ata o día de hoxe.

O edificio da Terraza, non é un pavillón que reformar. É unha oportunidade de restauración de Sada, do seu paseo, do inicio da posta en valor de tantos edificios históricos que embelecen as rúas da nosa vila e que lle dan sentido á nosa historia como sadenses.

Seremos nós quen de continuar adaptando a Terraza, dándolle vida, modificándoa, moldeándoa coas nosas mans como se fixo durante estes cen anos de vida? Ou morrerá coma nós, de vellos?

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *