O Club Atletismo Sada (CAS) é unha sociedade privada sen fins de lucro, cuxo principal obxectivo é a práctica deportiva por parte dos seus asociados, así como a participación en competicións oficiais.
É un Club novo, fundado no ano 1996, formado por catro sección: Atletismo, Triatlón (Trisada), Montaña (CAS Montaña) e Atletismo Adaptado.
Nestes primeiros anos, os obxectivos centráronse en dous aspectos fundamentais:
• O traballo con nenos con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos.
• O traballo coas categorías comprendidas desde Sub18 ata Máster.
O espírito do Club é motivar aos mozos na práctica do deporte desde idades moi temperás para crear hábitos sans e saudables. Centrouse na captación de nenos en categorías Sub10, Sub12 e Sub14, chegando a ter actualmente máis de 350 nenos na súa escola de atletismo.
Satisfainos, principalmente, o ter conseguido manter un alto nivel de motivación entre eles, asumindo as sesións como algo lúdico, orientado ao xogo e afastado do que puidera entenderse como sesións de adestramento orientadas á competición.
Actualmente, é un club cun volumen de licenzas dos máis grandes de Galicia (con máis de 400 atletas federados) e segue traballando con grupos de atletas non federados que participan nas carreiras populares, transmitindo a filosofía do deporte e a saúde por todo o territorio.
Ademais, conta cun Proxecto Social xunto con Obra Social La Caixa e outras entidades, no que o CAS veu desenvolvendo unha importante actividade os últimos anos que lle valeu o Premio ONCE Galicia en 2018 e o Premio Galicia de Agaxede 2016, polo traballo co deporte inclusivo e o deporte adaptado.
Algúns dos eventos organizados polo CAS son:
• A Carreira da auga de Sada, coa que se recada diñeiro para UNICEF. Conta con circuítos desde os 100 metros para os máis pequenos ata os 10 quilómetros para os adultos. Tamén hai a posibilidade de facer a modalidade andaina, de 3 a 11 quilómetros. Nas últimas edicións recadáronse case 7.000€ a favor á causa.
• Colaboración co Club Deportivo Civitas, organizando xornadas de formación, integración e compañeirismo. Este é o segundo ano que nos visitan desde Gran Canaria para pasar unha semana cos nosos grupos de atletas federados e de deporte adaptado.