Cincuenta anos das Galerías Sargadelos
María América Díaz

As Galerías Sargadelos eran unha das importantes propostas que partiron do Laboratorio de Formas, un proxecto nacido no ano 1963 en Bos Aires, clave para a cultura galega do século XX e que foi produto do reencontro de Isaac Diaz Pardo e Luís Seoane na Arxentina. Ambos os intelectuais, motivados pola situación de desmemoria que estaba a sufrir Galicia nese tempo, iniciaron este rescate, a todos os niveis, da cultura galega. Dicía Díaz Pardo do LF: «Máis que unha institución, o Laboratorio de Formas é todo un movemento para axudar a Galiza.»
Os proxectos do Laboratorio de Formas comprendían:
• Recuperación de Sargadelos
• Ediciós do Castro
• Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside
• Seminario de Sargadelos
• Laboratorio de Industria e Comunicación
• Novo Seminario de Estudos Galegos
• Instituto Galego de Información e
• As Galerías Sargadelos.
As galerías de Sargadelos, propias ou con franquías, foron concibidas para poder vender os produtos das fábricas de cerámica do Castro e de Sargadelos sen depender de intermediarios, de distribuidores e comerciantes alleos, e controlar así todo o proceso das pezas, desde o seu deseño ata a súa comercialización.
Tamén para controlar a imaxe da marca Sargadelos e proxectar as ideas coas que foron concibidas as empresas, mediante a realización do deseño das galerías, do seu mobiliario, da súa organización espacial e do tipo de actividades culturais que se desenvolverían nelas.
Non estaban só pensadas como simples tendas, senón tamén como librerías e centros de divulgación da cultura galega que organizaban exposicións artísticas e da historia de Galicia, presentacións de libros, conferencias, recitais poético-musicais ou xuntanzas de colectivos culturais do país. De feito, durante moitos anos convertéronse en importantes centros dinamizadores de cultura nas cidades e vilas do país e en aglutinadoras das actividades culturais dos galegos en cidades como Madrid e Barcelona co obxetivo de poñer en valor o patrimonio galego.

A Galería Sargadelos de Barcelona abriuse no 1972 e estaba situada na Rúa Provença, entre Rambla de Catalunya e Passeig de Grácia. Inaugurouse cunha importante mostra titulada: O Libro Galego en Cataluña. Desde a súa apertura, converteuse nunha auténtica embaixada de Galicia en Cataluña, chegando a ter dous locais: un de librería galego-portuguesa e outro para venta de porcelana e salas de exposicións.
A propósito desta inauguración, este ano 2022, a Real Academia Galega compartía esta efémeride con motivo da celebración do Día do Libro:
Do 17 de maio ao 17 de xuño de 1972 tiña lugar en Barcelona a denominada I Mostra do Libro Galego en Cataluña, patrocinada pola Galería Sargadelos. Esta exposición fíxose posible grazas á colaboración de institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, a Fundación Penzol, o Museo Carlos Maside e a Real Academia Galega. Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego, membros da Academia, coa colaboración de Valentín Arias López, encargáronse da organización do evento.
Durante a década dos setenta sucederíanse mostras de Pesqueira, Laxeiro, Carlos Maside, Andrés Colombo, Castelao, Raimundo Patiño, Jesús Núñez, Agustín Pérez Bellas e Xaquín Marín, entre outros. A partir do 78, houbo diversas exposicións do grupo Atlántida. A programación ditábase dende o grupo Sargadelos, fundamentalmente dirixida por Díaz Pardo, e producíase a partir dos anos 90 no Instituto Galego de Información.
A Galería de Madrid abriuse tres anos despois da de Barcelona, no 1975, cunha exposición e un ciclo de conferencias titulados Presencia de Galicia, que sería recollida no cuarto tomo dos Cuadernos Laboratorio de Formas e onde pronunciaron conferencias Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell, Juan Rof Carballo e Rafael Dieste. A prensa faríase eco deste evento:
En Madrid se ha abierto una puerta a Galicia.
A máis importante mostra galega que endexemais chegou á capital.
No ano 1978, abríase a Galería de Santiago de Compostela, cunha exposición-homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos. Posteriormente, as galerías espalláronse polas restantes cidades galegas (Lugo, Vigo, Pontevedra, Ourense) e por algunhas vilas do país, e mesmo chegaron a Sevilla, Milán e O Porto. Co movemento empresarial ocorrido no 2006 que aparta a Díaz Pardo do grupo Sargadelos, as galerías foron diminuíndo a súa programación cultural e moitas delas acabaron pechando. Así é o caso de Milán, Porto, Barcelona e Madrid. Na actualidade non se segue esta liña cultural nas galerías existentes.


