María Xosé Porteiro
Fina Gerpe visitou a casa familiar en Santa Comba o pasado verán. Lembramos como nos coñecemos ao pouco de eu chegar a Buenos Aires na primavera austral de 2007. Cando comecei a tratar coas persoas da colectividade galega en Arxentina e Uruguai tiven a sensación de sermos amigas de vello. Historias recorrentes, coincidencias vivenciais e a emoción por compartirmos a cultura de noso eran máis fortes que as cuestións administrativas ou protocolarias.
Daquela, a meirande parte de asuntos que se me presentaban viñan relacionados co recoñecemento da cidadanía para descendentes de persoas de orixe galega residentes no exterior. Outra demanda que reclamaba a miña atención eran as solicitudes de axuda para viaxes a Galicia, nomeadamente de persoas maiores e da xente máis nova, como tamén os cursos de galego, a asistencia a eventos organizados polas numerosas asociacións galegas de todo o territorio arxentino, xuntanzas con representantes de múltiples institucións, ou visitas ás instalacións e sedes dos nosos compatriotas para coñecer as súas necesidades. Había traballo dabondo para unha delegación que contaba cun equipo de persoal enormemente reducido.
Fican os bos recordos e a saudade de apertas, conversas, bágoas e risos compartidos. Quince anos despois sigo recibindo moreas de afecto cada vez que entro en contacto coa nosa xente do alén mar.
Nese contexto naceu a relación coas Cantareiras de Santa Comba de Xallas. Na primeira entrevista viñan pedir nada máis, e nada menos, que o recoñecemento da galeguidade para a súa agrupación. Non foi posible porque non reunían os requisitos que a lexislación prevé para estes casos. Aquela frustración segue comigo. Porén, o «enganche» coas mulleres de Santa Comba foi rápido e resultou profundo polo seu compromiso coa recuperación da nosa música tradicional.
Unha das lembranzas máis gratificantes que trouxen comigo de alá foi ver tantas mozas e mozos, xunto ás persoas de máis idade, facendo pasarrúas polos barrios ou polo centro das cidades. Ensaiando con rigor. Mantendo, e mesmo anovando, agrupacións fundadas moitos anos atrás. A tecnoloxía permitía o acceso á canle internacional da televisión e a radio autonómicas, onde eran frecuentes os programas relacionados coa nosa cultura, nomeadamente a musical. Ademais, a canle vía satélite da TVE emitía un programa «de culto» para toda a colectividade: Galicia para el mundo. Ambas as emisións víanse alá na televisión por cable e rara era a familia de orixe galega que non estivese conectada a unha ou ás dúas. Isto, que viña da man do auxe das discográficas e da aparición de numerosas agrupacións musicais na Galicia territorial, convertera a moita xente nova en demandante e consumidora de produtos culturais feitos en Galicia e propiciou un intercambio proveitoso entre as xeracións dos máis vellos e os máis novos.
As irmáns Gerpe fixéronme cómplice da súa teima por recuperar a pandeireta. Tiveron un local social en Maza e Rivadavia, no centro da capital arxentina, «ben posto, nos dez anos que pasamos alá puidemos chegar á altura de centros centenarios». Nunca esqueceron a súa procedencia do rural gandeiro «mamando e aprendendo o nome das vacas, o xeito de vestirse, o que se cantaba… Quen podía imaxinar que poderíamos facer todo este camiño chegando á altura de centros centenarios da colectividade, e todo a pulmón, porque as da comisión somos amas de casa, ou como moito comerciantes, e agora xa todas xubiladas».
Pasaron xa dezasete anos desde que comezaron a súa andaina pero non teñen intención de deixar algo que lles gusta, ata o punto de seguiren practicando todos os luns nas instalacións que lles cederon no Centro Galicia. Disque ensaian «coma se estivésemos empezando». No tempo que levan andado fixeron máis de trescentas actuacións, dentro e fóra da colectividade galega, sen cobrar, «de pura vontade, ad honorem, sempre mellorando e ampliando o repertorio».
Uns días antes do meu regreso a Galicia, aló por abril de 2009, fun visitalas ao seu local. Tiñan de profesoras a Laura e Amneris Suárez. Chamoume a atención que fosen rapazas tan novas as que lles desen clase e comentaron que as fillas, netas e bisnetas estaban implicándose por conservar e difundir este tipo de música, ata entón agachada na memoria do fogar. Naquela altura era frecuente que algunha rapaza descubrise algunha pandeireta nun baúl ou nun armario entre as cousas da nai ou das avoas. Nalgúns casos aprenderon delas a tocalas, transmitíronlles as cancións, xeitos e costumes familiares, os comos e os candos daquel xeito de facer música que conservaran na memoria malia non parecer interesar aos musicólogos, aos directores de agrupacións de toda índole, aos caciques ou, en xeral, aos homes da colectividade.
Foi o encontro entre a xeración de Fina e a das rapazas máis novas o que deu pé á expansión dunha música que axiña comezou a ter e demandar tutoriais por internet. Xa non era preciso vir a Galicia para recibir o legado e quitarlle o maior partido posible. Os CD de Leilía tiñan unha demanda extraordinaria. Os programas de Luar, tamén. Bandas como Xeito Novo, a Escola de Gaitas do Centro Galicia, figuras da canción e do teatro como Lorena Lores ou Graciela Pereira, colectivos mozos como Echando Raíces, anovaban o panorama cultural e festivo do país de acollida e da propia colectividade.
As Cantareiras de Santa Comba crearon un grupo para desfrutar dunha sabedoría ancestral, mais tiveron tamén a ambición de compartila co público. Confeccionaron o vestiario procurando unha certa uniformidade, dispuxeron dun amplo salón para as clases e os ensaios e, en relativamente pouco tempo, estiveron en condicións de participar en actividades que se facían en teatros, auditorios, ou ao aire libre. Comezaron a xirar por boa parte do territorio austral. Onde había un centro galego e algunha conmemoración era posible que as chamasen, e elas alá ían, levando o seu entusiasmo e o seu bo facer.
Sénteno de verdade e nótaselles: «Ensaiamos coma se estivésemos empezando. O repertorio sacámolo do que aprenderamos das nosas nais, das nosas avoas. Case todas nós nacemos alá. Cando o meu pai nos levaba no coche á escola, en Bos Aires, ía cantando, sabía todas as cancións da aldea. Igual lles pasou a moitas señoras que aprenderon desde pequenas nas súas familias. Aínda agora, cando nos xuntamos, sacamos unha estrofa, con Xabier, o compañeiro do grupo de pandeiros, e tiramos das cancións que temos na memoria. Nada de notas ou apuntamentos presentes: todo de memoria».
Co tempo tiveron que deixar o seu prezado local. «Somos todas persoas grandes —explica Fina—, se non dabamos de baixa a asociación non podiamos cos gastos». Mais tamén tiveron moitas alegrías: «Foi marabilloso cando nos recoñeceron como ‘Galegas do ano’ da Federación da Unión de Asociacións Galegas. Fíxonos unha enorme ilusión vernos nesa placa dourada, ou cando tocamos no Salón de Prata e no Salón Dourado da Lexislatura de Bos Aires. Estas velliñas bailamos non hai moito no grande escenario do Centro Galicia e aínda cantamos!»
O entusiasmo non decae malia pasaren todas dos 70 e estaren algunhas chegando aos 90. «Non faltan ás clases. Onte fomos tocar á provincia, a dúas horas de viaxes da capital, e non faltou ningunha. Eramos vinte!» E presumen de Martín Frieiro Varela, profesor de canto, familiar do autor da Rianxeira, con 95 anos «e aínda un xunco, alto, delgado, nada encorvado».
As Cantareiras gañaron unha merecida sona de cumpridoras e boas profesionais. Dan cor, calor, simpatía e boa música alí onde van. Fan evidente que as mulleres galegas construíron, e constrúen, identidade e patria —ou, se cadra, matria— con esta música que en tempos estaba relegada ao ámbito privado e que xa vai ocupando o espazo que merece e se precisa: «Somos xente que viñemos co posto, o xustiño, cando a guerra ou antes. A moitas custáballes ler cando lles daba as letras das cancións e tiñan que memorizalas. E outras, coma min, que si puidemos estudar, nunca maxinamos que chegariamos a subir a un escenario. Moito nos prestou saír a cantar por fóra, xirar por todo o país facendo a nosa música. E sempre pagado do noso peto, sen subvencións».
Fina Gerpe despediuse da nosa conversa dicindo:
«Facemos isto de puro gusto porque nos chega de dentro. Cando tivemos o noso local o primeiro foi buscar unha profesora de pandeireta e chamamos a todas as miñas amigas, moitas nadas en Santa Comba, outras en Ourense ou Pontevedra… Algunhas fóronse xa para alí de onde non se volve e outras imos tendo unha idade tamén. É o noso camiño. Temos que seguir sen pensar canto nos queda».
Con esta lembranza dou testemuño da miña gratitude ás nosas mulleres na diáspora que simbolizo nas cantareiras de Santa Comba de Xallas: María Recarey, María Lema, Juana e María Josefa Gerpe, Carmen e Elisa Pardo, Josefa e Carmen Freijedo, Lola Picallo, Antonio Núñez, Maria Espasandín, Redosinda Rial, Ifigenia e Ramón Muiño, Sofia Negreira, Nora Moreno, Isabel Olivares, María Dolores Fábregas, Pasión Rodríguez.
Para todas elas: as máis novas, as do medio e as maiores. As que se foron e as que están. As visibles e as invisibilizadas. As que loitan e as que espreitan. Réndolles, deste xeito, unha sentida e merecida homenaxe coa esperanza de chegarmos a tempo para lles dar o gusto de actuar na Galicia peninsular. Velaí o seu máis sentido soño.