A movida sadense na primeira metade da década dos anos 80

Era 1979 e a discoteca Saxo de Sada publicitaba con carteis nas rúas de Sada a organización dunha eliminatoria do concurso televisivo que presentaba José Luis Fradejas, «La Juventud baila» dentro do programa Aplauso e que emitía a que daquela era a única televisión do Estado español. Desde o Saxo tiñas a oportunidade de poder participar nunha das finais que o programa de TVE gravaba na mítica discoteca Joy Eslava en Madrid.

Pechábase ese ano unha década de movida sadense e comezaba a marabillosa década dos 80, que era na realidade unha evolución da década dos 70 no que á movida se refire, na cal unha nova xeración estaba a se reivindicar co seu propio estilo, a súa propia música, a súa propia imaxe. Sada non será allea a estes cambios, nos que verá transformar os locais de divertimento desta nova xeración, os cales atraerán xentes non só de Sada senón de fóra tamén. Sirva este humilde artigo para lembrar algúns feitos relevantes desa primeira metade dos 80 en Sada, uns anos en que a afamada movida deixou unha forte pegada na memoria das persoas que a viviron.

Carlos Babío Urkidi

Carné correspondente ao ano 1978 da Asociación de Cine Castelao. O nome da Asociación resposta á afección de Modesto Pena “Lito” polo cine e ás primeiras actividades que desenvolveu a sociedade. O nome de Castelao fora proposta doutro socio fundador da entidade, Xosé Ramón Pena. [Cedido por Isidro Maroño]

Coa chegada dos primeiros anos 80 o pop vai ser o protagonista en Sada. É difícil atopar un concello galego que neses anos reunira tantos concertos —e de tanto nivel— como o concello de Sada. E haberá dous motores organizativos determinantes que converterán este concello mariñán nun epicentro do pop e do rock. O primeiro, como xa viña acontecendo desde finais da década dos 70, a Asociación de Cine Castelao, que tiña como sede o lembrado Moby Dick de Modesto Pena «Lito». O segundo dos motores, e sen dúbida máis importante na historia recente de Sada no que ten que ver coa organización de concertos, foi a discoteca Auditorium, que sorprenderá coa cantidade, e sobre todo coa calidade, dos concertos que organizou na curta etapa en que estivo en funcionamento.

I Festival de Rock «Cidade de Sada»

Como xa se comentou, o festival organizouno a Asociación de Cine Castelao de Sada no antigo campo de fútbol da Chaburra os días 9 e 10 de abril de 1982 e, segundo se fixo público, o obxectivo do certame era «fomentar a música rock en Galicia e fóra dela a través dos nosos grupos profesionais e amantes de Galicia». De feito, as bases establecían un premio en metálico de 40.000 pesetas «para o mellor conxunto en idioma galego».

Amelia González e Manuel Manquiña durante a presentación do I Festival de Rock “Cidade de Sada” organizado pola Asociación de Cine Castelao no desaparecido campo de fútbol da Chaburra [Fotografía cedida polo autor)

A organización foi todo un éxito e a afluencia de público aos concertos superou todas as previsións dun Festival que foi conducido por un «moderno» Manuel Manquiña e por Amelia González e no que gañou un grupo donostiarra denominado naquel momento como Los Aristogatos e que posteriormente serían os Duncan Dhu de Mikel Erentxu, xunto a Bar (Vigo) e Alcool (Compostela). No Festival participaron tamén Los Suaves e Revólver. En total, 24 grupos de Galiza e de Euskadi.

A sala Auditorium

Durante a década dos anos 70 a sala de festas El Moderno, localizada na rúa Linares Rivas de Sada, viña xa combinando as actuacións ao vivo de grupos e orquestras coas sesións de discoteca que naquel momento dirixía un DJ de Sada de moito prestixio como era Pepe Fernández. Durante os primeiros anos da década dos 80 o establecemento mudaría de nome, pasando a denominarse sala de festas Baco.

Olvido Gara “Alaska” nunha actuación en directo na década dos 80 [Los 40 Clasicc]
 

Mais a partir de 1984 xa nunca máis funcionará como sala de festas. Será totalmente reformada e converterase na discoteca Auditorium, na que se organizarán entre os anos 1984 e 1985 os mellores concertos de todo o país. De feito, o grupo que inaugura a sala será La Unión, que naquel momento arrasaba co seu disco Mil siluetas, do que formaban parte cancións coma Sildavia ou Lobo-hombre en París.

Anuncio que publicitaba o festival Novo Pop Galego na prensa

Hai dous acontecementos na sala destacados por Carlos Gómez, un dos xestores e afamado DJ da década dos 80, e concretamente nos anos que a discoteca Auditorium funcionou en Sada. Carlos ten gravada a lume a data do 2 de febreiro de 1985, xa que actuou nesa sala Alaska y Dinarama. «Ese día —cóntanos Carlos— metemos 5.000 persoas dentro da sala. E outras 4.000 ou 5.000 quedaron fóra, na rúa».  E non era para menos. Alaska y Dinarama acababan de sacar un dos discos máis míticos en todas as pistas de baile, Deseo carnal, no que se inclúen cancións que bailaron en discotecas todas as xeracións da época e posteriores, como por exemplo Cómo pudiste hacerme esto a mí, Ni tú ni nadie ou Un hombre de verdad.

Outro dos acontecementos que destaca Carlos Gómez é a organización do primeiro gran festival pop, que «non se organizou na Coruña senón en Sada, e isto é importantísimo». E o certo é que non lle falta razón. Naquel ano de 1985 o Festival de Benidorm decidira darlle protagonismo ao pop e organizara, xunto á emisora Radio Cadena Española e RTVE, unha serie de eliminatorias por todo o Estado español co fin de seleccionar os grupos finalistas que competirían na final de Benidorm. Pois ben, o Festival «Novo Pop Galego» converteuse na realidade na final galega que seleccionaría o grupo que pasaría á final en Benidorm, e que se celebrou o 17 de maio dese ano de 1985. A final galega organizarase en Sada nesa mítica sala Auditorium o sábado 4 de maio coa competición entre oito grupos, na que resultou vencedor Aerolíneas Federales, grupo galego referencial do pop dos anos 80.

O Festival «Novo Pop Galego» chegou á sala Auditorium de Sada tras outras preclasificacións —en total foron preseleccionadas 21 maquetas presentadas por grupos galegos da época— e foi transmitido integramente en directo por Radiocadena Galicia a través das súas emisoras na Coruña, Vigo, Ourense e Monforte, para o cal RNE prestou o apoio técnico necesario.

A gravación do festival consérvase nos arquivos da delegación galega de TVE, xa que se emitiu no programa que se realizaba na desconexión territorial chamado «Galicia, hoxe», como ente público coorganizador do evento en Sada. Do festival imprimíronse máis de mil cincocentos carteis, que foron distribuídos polas dez cidades e vilas de Galiza con mais poboación.

Uns días despois da celebración do festival, Nonito Pereira escribía a toda páxina no xornal La Voz de Galicia unha completa crónica do acontecido nun festival no que faltaron os grupos Terminal Norte e Semen Up —a banda de Alberto Comesaña—, que xa actuara anteriormente na sala o 1 de decembro de 1984 e que daquela arrasaba co porno-pop de cancións como Lo estás haciendo muy bien. Nonito describía esta fase final do Novo Pop Galego afirmando «que respondeu á expectación previa», cunha «sala chea ata os topes».

Outra das curiosidades na breve pero intensísima historia desta sala foi a actuación dunha combinación de membros de dúas bandas de grande éxito naqueles anos dos 80 como eran Siniestro Total e Os Resentidos baixo o nome de Sonny Boy & The Williamsons —icónica banda do blues e do rhythm and blues— cunha actuación emulativa previa de Joliet Jake Blues, Elwood Blues e Steve «The Colonel» Crooper (Blues Brothers), sobre un fondo con diapositivas do porto da Coruña realizadas por Vari Caramés, Luis Carré, Xoán Piñón e Xurxo Lobato, das que Nonito Pereira destacaba noutro artigo do evento para La Voz de Galicia que foran moi «aplaudidas polo público». Esta performance fotográfica co concerto de Sonny Boy and the Williamsons tivo lugar nesta sala, baixo a promoción da UIMP e a Revista Atlántica La Naval, o 30 de xullo de 1985.

En menos dun ano de vida da sala Aditorium pasaron por alí, entre outros grupos, Golpes Bajos, Os Resentidos de Antón Reixa, La Polla Records, Kortatu ou incluso Objetivo Birmania, que segundo nos conta Carlos Gómez viñeran contratadas «polas xuventudes do que logo sería o Partido Popular, as ‘Nuevas Generaciones’, que arrendaran a sala para a actuación».

Na primavera de 1985 a sala organizou a que denominou a «I Concentración de Arte-Pop», desenvolvida en 24 horas que combinaron música, escultura e pintura. Os grupos que participaron foron: Vía Oral (Compostela), Cuadros Malvendidos (Ferrol) —que xa actuaran na sala en febreiro dese ano como abreconcertos de Alaska y Dinarama—, 39 Escalones (Ferrol), Terminal Norte (Ferrol), Parafernalia (Compostela), Desaprensivos (Vigo), Los Malditos Azules (Compostela), Meridiano Cero (Madrid), Ribeiro Chungo (Compostela), Enfermedad Renal (Compostela) e Séptima Convocatoria (Lalín). Participaron os pintores Sardiña, Seara, Braxe, Dastin, José e Salgado, e tamén expuxo o escultor Guillermo Feal. O evento presentárono Manolo Ferreras, de RNE 3, e Nonito Pereira, que naquel ano presentaba un programa na desaparecida emisora Antena 3, e en previsión da masiva asistencia de público a sala reservara o Curruncho de Sada para acampar e mais o albergue da praia de Gandarío.

Isidro Maroño “Cidre”, persoeiro mítico da hostalería sadense nos anos da “movida”
no tamén mítico local Moby Dick de Sada [Fotografía cedida por Isidro Maroño]
 

Tras o peche de Auditorium en 1985, parte da sala abrirá brevemente como discoteca e outra como sala de festas Oasis. Da súa posterior reforma nacerá na segunda metade da década dos 80 outro local mítico en Sada —e moitas lembranzas para moita xente— como foi a discoteca Baroke.

Os locais da movida da primeira metade da década dos 80

Unha festa de entroido na discoteca Grecos”de Sada [Fotografía cedida polo autor]

Como xa se comentou, os locais de Sada irán adaptando a súa iconografía aos gustos nas novas xeracións que desprazaban os xa non tan novos gustos psicodélicos do final da década dos 60 e dos 70. Por exemplo, nas discotecas e locais vinculados coa movida dos 70 era moi común atopar un apóstrofo final saxón que irá desaparecendo na década dos 80. Un exemplo disto atopámolo en Sada na discoteca que co paso do tempo se convertería máis lonxeva da vila, ata cumprir os 47 anos de apertura ininterrompida (do 1972 ao 2020).

Coa chegada da nova década, o Grecor´s pasará a chamarse Grecos. Modificará o logotipo e realizará diferentes reformas para adaptar a sala á nova movida dos 80. O Grecos viviu nesta década como discoteca referencial dos primeiros anos da coñecida como «xeración EXB» (a EXB, ensinanza xeral básica, era o plan de estudos implantado no sistema educativo español entre os anos 1970 e 1990). No caso do Grecos cúmprese case de xeito escrupuloso a adaptación ás diferente mudanzas da movida por décadas, xa que coa chegada dos 90 mudará novamente de nome e de logotipo, pasando a denominarse Kuac.

No caso do Saxo, que abrira as súas portas cinco meses antes que o Grecor´s en xullo de 1972 cambiará de domicilio e de nome antes de que a década dos 80 chegue ao seu ecuador, pasando a denominarse Clave 90. Vivirá novos días de éxito na segunda metade da década dos 80, anos en que a sala será totalmente reformada e, baixo o novo nome de discoteca Corre Ve y Dile, acollerá tamén algúns concertos de grupos galegos de éxito na época como foron Viuda Gómez e Hijos ou Los Limones.

Outra discoteca que mudará nome e decoración coa chegada dos 80 será El Corralito, na rúa da Praia, que pasará a ser a discoteca Manao. O Chiva´s, outra discoteca con apóstrofo de xenitivo saxón, pasará por diferentes xerencias e diferentes nomes. Así, na primeira metade da década dos 80 deixou a denominación de Chiva´s pola de Don Ángel, nome este vinculado á etapa en que o sadense Ángel Cortés arrendou este establecemento. Durante a segunda metade da década abriu durante algún tempo co nome da Boîte de Os Condes, ligado a un local de grande éxito da movida dos 80 que abriu no ano 1983 ao pé da praia de Gandarío (Bergondo). Os Condes, que conxugaba o espazo de discoteca con actuacións ao vivo nunha cafetería contigua, foi referencial na movida da década dos 80 e, debido á súa proximidade a Sada, sumaba un activo importante no divertimento da comarca.

Isto é so unha breve pincelada da historia das discotecas de Sada ou da súa zona de influencia na década dos 80, ás cales habería que sumar unha longa lista de pubs e bares que foron referencias e imprescindíbeis da movida Sadense, que van desde o Tuto, Victory, Dush, O2 ata locais como El Chiringuito ou o propio Moby Dick, e incluso unha carpa que a xeito de discoteca estivo funcionando na segunda metade da década dos 80 no inicio da avenida de Sada e Contornos.

Moitas persoas lembran estes anos con saudade; outras menos, debido ás molestias de aglomeracións, ruídos e algúns problemas de orde pública que a movida ocasionaba. Mais, en calquera caso, isto forma parte xa da historia de Sada.

Quedan moitas historias por contar, xa que aquí só se recolle unha pequena parte. Moita xente botará en falta moitos locais e moitos relatos vinculados a esa movida. Este artigo pretende unicamente lembrar algúns deles.

Aquel ano de 1979 remataba cunha eliminatoria na discoteca Saxo coa ilusión de poder chegar a esa final do programa Aplauso que TVE gravaba na Joy Eslava cando ía comezar a movida dos 80 en Sada. Falamos con Carlos Gómez, Dj estelar na nosa comarca na época e que, curiosamente, acabará traballando a finais dos 80 nesa discoteca de Madrid, a Joy Eslava.

Antonio Pérez e o DJ Carlos Gómez nunha festa de entroido na discoteca Os Condes no ano 1984
[Fotografía cedida por Antonio Pérez]
 
Logotipo da discoteca Grecos durante a década dos anos 80
Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *