O día 23 de xullo do ano 1936, a vila de Sada era tomada por unha columna do exército procedente de Betanzos. O municipio, caracterizado nos anos previos polo seu dinamismo político e social, pola forte implantación do sindicalismo anarquista e o control da administración municipal polo republicanismo moderado, quedaba agora en mans dos militares sublevados. A partir de entón, comezaba a pórse en marcha un aparello represivo destinado a atemorizar, a infundir terror para inhibir calquera forma de disidencia. A crear, en definitiva, un novo Estado e un novo modelo de sociedade baseado na adhesión sen fisuras ao novo réxime. Un sistema implantado para salvagardar privilexios ameazados pola democracia republicana e polos procesos modernizadores iniciados ao seu abeiro.
A represión adquiriu un carácter multiforme. Ás persoas asasinadas sumáronse os encarceramentos, o exilio, as fuxidas ao monte, a estigmatización e a tortura física e psicolóxica… e tamén as sancións económicas, a imposición de traballos forzados, a depuración laboral, as incautacións. Fórmulas represivas todas que procuraban a anulación e o castigo do adversario no terreo económico e que adquirirían notable gravidade nun contexto de carestía ocasionado pola ineficiente xestión do novo réxime, polos gastos bélicos, e polas ausencias en moitos fogares motivadas pola propia represión e polas mobilizacións. Un contexto de crise que xa se viña arrastrando ao longo dos anos 30, como consecuencia do crac do 29, pero que se vería agravada durante a guerra e, especialmente, durante a posguerra.
Manuel Pérez Lorenzo
AS SANCIÓNS ECONÓMICAS
Unha vez tomado o poder polos sublevados, a imposición de multas convértese nunha ferramenta recorrente como medida de coacción e como mecanismo recadatorio. Moitas corresponden a delitos comúns, dada a rixidez das novas normativas en materia económica e de orde pública. No marco do racionamento, que fixaba prezos e controlaba os mercados, a infracción das «normas de abastos» («vender pan a más precio del de tasa», «tenencia clandestina de trigo», «vender carne en día no autorizado», «negarse a vender pescado», «ocultación de carburo»…) implicaba multas a comerciantes e empresas que nalgunha ocasión acadaban as 10.000 pesetas e con frecuencia superaban as 1000, nun momento no que o salario medio diario dun home rondaba as 11 pesetas e o dunha muller as 61. En paralelo, o estraperlo constituíase nun lucrativo negocio para uns poucos, dado que as cantidades asignadas resultaban insuficientes para alimentar un individuo.
Na España do nacionalcatolicismo, tamén é perseguida calquera actitude que se considere ofensiva contra a relixión do Estado. En xullo de 1942, Carmen Montero Aradas, Estrella Montero Barreiro, Carmen López Barral, Manuel Carballeira Muñiz, Antonio Carballeira Pérez, Eduardo López Barreiro, Juan López Barral e José Muñiz Chas, veciños de Meirás, eran multados por «blasfemos»2. O estrito control social exercido polo réxime levaba, aínda despois de rematada a guerra, á imposición de sancións por viaxar sen salvoconduto ou á obriga, por parte das salas de cine, de proxectar os Noticiarios Cinematográficos Españoles NO-DO, instrumento de propaganda do réxime. O cine Royalty era penalizado con 250 pesetas por non facelo en 19443. Non manifestar adhesión ao novo réxime tamén era castigado, e os servizos de investigación e vixilancia contaban con poderosas ferramentas para detectar actitudes punibles. Algúns exemplos: Elena Sánchez López era multada con 100 pesetas por «hacer manifestaciones en contra de las Milicias Españolas»4; Jacinto Babío Andrade, con 150 «por no saludar al Himno nacional»5 e Antonio Pardo Domínguez e Manuel Rodríguez Suárez, con 250 por proferir «frases molestas para la Falange»6. As actitudes consideradas inapropiadas diante das forzas da orde ou a autoridade tamén obtiñan castigo. Por «irrespetuosa con el alcalde» era sancionada María Bedoya Picos (50 pesetas.)7; por desacato á autoridade, Manuela Canle Guitián (50 pesetas.)8; por «escándalo y blasfemo e insolentarse en la comisaría de policía», Manuel Pérez Rey (500 pesetas)9; por «insultos y resistencia a un guardia», José Zapata Casado (50 pesetas)10. Outros eran multados por «provocadores» con 500 pesetas11 ou, máis insólito, «por flamencos y bravucones, empleando ademanes incorrectos», cunhas considerables 500 pesetas12.
O Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas, as diversas autoridades (desde os alcaldes aos gobernadores civís) e a xustiza militar tamén empregarán as penas económicas para castigar individuos pola súa tendencia ideolóxica ou antecedentes políticos. É o caso do exconcelleiro exiliado Pedro Villacampa Méndez, sancionado con «seis años de inhabilitación especial para el desempeño de cargos públicos, de mando, confianza y directivos», ao que se engadiu o embargo de todos os seus bens ata outubro do 1941, cando terminou de aboar unha cuantiosa multa13. Tamén o alcalde republicano Antonio Fernández Pita foi multado, cunha sanción de 100.000 pts. en concepto de indemnización «al Tesoro Público de los daños causados por la rebelión de que tomó parte»14, nun exercicio de xustiza inversa ao considerar «auxilio a la rebelión» o feito de se ter mantido fiel á legalidade vixente fronte aos militares golpistas. A multa, unha verdadeira fortuna, era un mal menor neste caso, pois sumábase a unha pena de morte que era executada en novembro de 1936.

Outros sancionados serían José María Fajardo Prieto (curiosamente nomeado alcalde de Sada poucos anos despois) e o seu cuñado Tomás Muñoz Barrientos, que en 1941 tiveron que pagar cada un 500 pts. «por sus antecedentes y desafección al actual régimen»15 e, dous anos despois, outras 1000 pts por celebrar reunións no local do Pósito de pescadores sen autorización do Goberno Civil16. O maquinista de navío Marcelino Orro Vieiro, en prisión, tamén vería embargadas as súas propiedades ata ter satisfeito o pagamento dunha multa17. A Carmen Sabio Calvo (a.) «Pasionaria» seríanlle impostas varias multas, unha delas de 250 pts. por desafección, que tería que pagar malia atoparse nunha situación económica crítica porque o seu marido estaba agochado na propia casa; unhas circunstancias que, unidas ás vexacións públicas ás que foi sometida, levárona ao bordo do suicidio18.
A INCAUTACIÓN DE PROPIEDADES PRIVADAS
Outra forma de castigo consistiu na incautación de propiedades privadas a persoas consideradas desafectas, un traballo que recaía na Junta Provincial de Incautación de Bienes. É o caso da vivenda do dirixente exiliado de Izquierda Republicana Eugenio Pazos, un inmoble que servía tamén como local para os seus negocios de ultramarinos, funeraria, carpintería, aseguradora e sucursal bancaria. En novembro de 1937, o pleno da Corporación municipal valoraba destinala a comedor asistencial xestionado por Falange. Acordábase que «en caso de que no aparezca otro más adecuado, se solicite del Exmo. Sr. Gobernador civil Presidente de la Junta Provincial de Incautación de Bienes de la provincia, que permita instalarlo en una casa […] de D. Eugenio Pazos Pereiro, sujeta a expediente de incautación»19. O edificio remataría finalmente en mans privadas. Tamén –cando menos– os veciños de Sada José María Abruñedo Gómez, José Antonio Suárez Alonso, Manuel Temprano Casal, Francisco Babío Mollón e Antonio Salorio Anido foron sometidos a expediente de responsabilidade civil por parte da Comisión de incautacións20.
Do mesmo xeito, os sublevados apropiáronse do edificio das escolas de Sada y sus Contornos, un magnífico palacete construído pola sociedade do mesmo nome, radicada en Nova York, cos fondos achegados durante anos polos emigrantes sadenses21. A escola, que era laica e baseaba o seu modelo educativo nos preceptos pedagóxicos máis modernos, sería pechada, e o edificio dedicado a acuartelamento. Durante algún tempo, funcionou tamén como albergue para repatriados de Falange, como recollía a prensa en 1940:
En un tranvía, cedido generosamente por la Compañía, los expedicionarios se trasladaron a Sada, donde el gobernador civil, señor Aspe Vaamonde, ha puesto a la disposición de estos compatriotas un acogedor chalet, que antiguamente estuvo destinado a los emigrados de Sada en América y actualmente estaba dedicado a escuela pública, y que ha sido habilitado primorosamente por las camaradas de Auxilio Social de La Coruña y Sada. Servirá de ahora en adelante para albergar a los españoles repatriados de allende el Atlántico, y a este efecto se introducirán notables mejoras que lo harán más cómodo y confortable.22
A Sociedad Sada y sus Contornos nunca recuperaría a súa propiedade, e o alumnado sería distribuído polas escolas nacionais, atopándose en ocasións con graves problemas á hora de se adaptar a un modelo de ensino abertamente confesional.
Ás medidas anteriores habería que sumar as numerosas apropiacións de terras levadas a cabo con motivo da adquisición do pazo de Meirás para obsequio do ditador Francisco Franco en 193823. A superficie da parcela na que se ergue o famoso edificio era ampliada mediante a toma pola forza de numerosos terreos, algúns dos cales constituían o principal medio de vida das persoas que os traballaban. No mesmo proceso, a familia Babío Portela perdía a súa casa, integrada agora dentro do complexo do pazo.
Un mariñeiro de Sada fuxido a territorio republicano concedía unha entrevista á revista Nova Galiza no ano 1937. Parte da súa declaración dedicábaa a expoñer a situación económica na que quedara a súa vila, e que el atribuía, entre outras causas, á incautación de divisas procedentes de América: «A probeza é moi grande, e nin siquera poden
remediala un pouco os cartos que veñen da América. Os feixistas incáutanse do diñeiro que mandan os emigrados»24. Durante o transcurso da guerra, tamén se limitou a cantidade de ouro e prata que podían gardar os particulares no seu domicilio, practicándose rexistros para incautar o metal que excedese o establecido. É o caso que segue:
En Sada (Coruña) y siendo las diez y nueve horas del día siete de Junio de mil novecientos treinta y siete los Agentes Auxiliares, Baldomero Rodríguez Márquez, Enrique Celeiro Vinader y Manuel Illanes Parga […] han procedido a efectuar un registro en el domicilio que es propiedad de D. Ramiro Pérez Mollón, sito en la calle de Barrié de la Maza – nº 14-1º, con objeto de averiguar si poseía más cantidad de plata, que la autorizada a particulares, dando por resultado negativo.
Habiendo encontrado en cambio, una moneda de veinte dollars, de los Estados Unidos de América (ORO), y catorce monedas de ORO españolas de veinticinco pesetas cada una.
Dichas monedas fueron halladas en el fondo de una «caja fuerte» y dentro de una bolsita de paño. […]
De dichas monedas, nos incautamos, para ponerlas a disposición del Sr. Comisario Jefe de Investigación y Vigilancia en unión de este documento.25
As incautacións, forzosas ou disfrazadas de achegas voluntarias que non eran tal, tamén afectaron a instrumentos de traballo e medios de transporte. En 1938 a Sección Femenina de Falange instalaba un taller para confección de roupa para os soldados. A prensa daba conta instando ás mulleres de Sada a cooperar co seu traballo e engadía unha «petición»:
También se espera de todas las personas que posean máquinas de coser, las aporten cuanto antes a esta patriótica tarea y las envíen al local de dichos Talleres, contribuyendo de este modo a que sea un hecho innegable la aspiración que debemos tener todos de que nuestra villa pueda confeccionar la ayuda material a los combatientes en la categoría que le corresponde.26
Con motivo da chegada de Franco á súa residencia de verán de Meirás, o Concello dispuña a obrigatoriedade de que todos os particulares que posuísen vehículos de tracción mecánica os empregasen para transportar a veciñanza ás portas do pazo, onde era preceptivo facer acto de presenza para amosar adhesión ao ditador27.
TRABALLO PROHIBIDO E TRABALLO OBRIGADO
Outra forma de represión máis complexa e non menos eficaz foi a represión laboral, capaz de anular a autonomía dun individuo ou de abocar unha familia a ter que facer uso dos sistemas asistenciais. A nova concepción do Estado nacionalsindicalista impuña a obrigatoriedade de afiliarse ao sindicato único a todo aquel que quixese traballar e percibir un salario, como advertía o alcalde nun bando do 9 de setembro de 1936: «para la admisión de obreros y empleados de todas clases y oficios en las obras y talleres y establecimientos industriales, fabriles, etc. se estimará como condición preferente, y hasta necesaria el estar afiliado a la Central Obrera Nacional Sindicalista»28.
Ademais, dado que as medidas represivas se aplicaba con carácter retroactivo, vetábase a posibilidade de desempeñar determinados empregos a aqueles que se tivesen destacado nas formacións políticas e sindicais de esquerda durante a etapa final da República, logo da vitoria da Fronte Popular. En Sada, fíxose efectiva a prohibición de traballar na pesca para un número significativo de mariñeiros, abocados a buscar outro medio de vida, como reflicte o seguinte bando de Alcaldía:
No podrán salir a la mar ningún tripulante de buque mercante, sea cual sea la navegación que efectúe o la clase de pesca a que se dedique, sin efectuar antes la Comandancia o Ayudantía de Marina una revisión de la personalidad de dicho tripulante. […]. Se procederá a su desenrolamiento y no serán revisadas las libretas a aquellos individuos que desde el día 16 de febrero del año actual hasta el presente, hayan asumido el cargo de delegados de Sociedades o Sindicatos obreros.29
Desta situación daba conta tamén o mariñeiro fuxido a campo republicano: «Os armadores botan dos aparellos a todos os que se houberan señalado como simpatizantes das ezquerdas. Así quedan moitísimos homes na miseria».
A administración pública local tamén foi «depurada», perdendo os seus empregos os traballadores que no pasado se distinguiran pola súa militancia en formacións esquerdistas ou simplemente manifestaran simpatías por algunha. Polo Delegado de Orden Público da provincia e a petición do Delegado local, Emilio Molina, foron destituídos en agosto do 1936 o médico do 2º distrito, Eduardo Orozco Wais, por ser «afiliado al Partido Socialista de Sada»; o oficial 2º do Concello, Jenaro Prego Campos, porque «militó en el antiguo partido ORGA y en la actualidad pertenecía a Izquierda Republicana»; o recadador e depositario do Concello José García Pita, por militar no PSOE, e o porteiro interino do Concello, Aniceto Pérez Casal, «por considerarlo opuesto al movimiento iniciado por el Ejército salvador de España». Ademais, por determinación da Delegación de Orden Público de Ferrol, perdían os seus traballos Andrés Caramés Gómez, garda municipal, e José González Montoto, garda do cemiterio, ambos «por sus relaciones con el Frente Popular de Sada, e incumplimiento de sus deberes profesionales»30.

As prazas vacantes produto desta «depuración» eran cubertas por individuos vinculados ao novo réxime, servindo a represión laboral no ámbito da administración pública como un medio de promoción dos que se significaran polo seu apoio aos sublevados. O novo médico do 2º distrito sería Antonio Posse del Río, quen destacara nos meses previos polo seu apoio público aos sublevados e a súa participación activa na organización de subscricións a favor do exército, e a quen numerosas testemuñas vinculan cos asasinatos extraxudiciais levados a cabo en 1936. O posto de oficial 2º do Concello recaería na oficial 3ª, outorgándoselle a praza que deixaba esta última a María de Diego Gómez, filla do Delegado de Orden Público de Sada, Eustaquio de Diego, e unha das principais dirixentes da Sección Femenina de Falange. Recadador depositario, con capacidade para nomear axentes recadadores de impostos, pasaba a selo o comerciante Eduardo Barros Barbeito, peza chave na posta en marcha das subscricións en favor dos sublevados. Xa por último, para o posto de porteiro interino era designado Manuel Pérez Varela, irmán dun falanxista morto no afundimento do cruceiro Baleares.
Ademais, á hora de concorrer a concursos para cargos na administración municipal ou en calquera organismo de carácter público, conferirase prioridade aos afiliados de Falange e aos familiares directos de falecidos ou combatentes no exército sublevado. Así o proba unha resolución da corporación municipal do 1938 na que se concede a praza de porteiro do Concello a Fernando Couceiro Prado facendo valer que é «hermano de dos combatientes, afiliado a F.E.T. y de las JONS y alumno de 4º año de Bachillerato»31.
Mesmo a comisión de maiores contribuíntes de cada parroquia, constituída para elaborar o repartimento de utilidades e, polo tanto, cunha finalidade fiscal, era sometida a depuración en febreiro de 1937. Os «vocales natos», nomeados polo Concello en función da súa riqueza, eran cesados no caso de teren simpatizado coa Fronte Popular. Deste xeito, eran remprazados por outros os vogais Manuel Canle Arévalo, de Carnoedo, Marcelino Muñiz Caridad, de Meirás, Román Fariña Blanco, de Osedo, e Luis Seijo Mosquera, de Soñeiro32.
Un sector especialmente castigado foi o profesorado. Á marxe do asasinato do mestre de Souto, Rafael Fernández Casas, paseado en agosto de 193633, todos os docentes foron sometidos a investigación. Os «expedientes de depuración» resolvéronse favorablemente na maior parte dos casos34. Algúns mestres, os menos, mantiñan coherencia ideolóxica co novo réxime. Outros deberon amosar explicitamente a súa adhesión para evitar represalias. Alejo Candocia Seoane, mestre de Sada, malia terse afiliado a Falange, non puido evitar que lle fora imposto o «traslado dentro de la provincia con la prohibición de solicitar cargos vacantes durante un año»35. O mestre de Taibó, en Carnoedo, Rodrigo González González, sufriría a mesma sanción, se ben co traslado fora da provincia e por un período de cinco anos, e co engadido da «inhabilitación para el ejercicio de cargos directivos y de confianza en instituciones culturales y de enseñanza»36. O propio Fernández Casas foi castigado coa «separación definitiva del servicio y baja en el escalafón correspondiente» en setembro do 1940, cando xa levaba dous anos morto37.
A memoria oral tamén fai referencia de forma recorrente ás condenas extraoficiais, impostas polos sacerdotes, que obrigaban a realizar traballos forzados aos familiares dos represaliados ou a redimilos con cartos. Dous exemplos atopámolos en Meirás e en Sada. No inverno, os párrocos obrigaban algunhas veciñas e veciños a reparar os camiños que conducían ás respectivas igrexas, que, coas chuvias, se facían intransitables. Como alternativa, podían pagarlle a alguén para que fose no seu lugar. O mesmo mariñeiro fuxido a territorio republicano daba conta desta circunstancia:
En Sada, e en moitos sitios, «as autoridades» fan traballar á xente gratis… E siquera fose xente folgada e ben mantida! Mariñeiros que estiveron toda a noite no mar, e que moitas veces volven sin peixe, han de ir a traballar polo día nesas «melloras» que queren faguer, aproveitando a tiranía, a conta do corpo dos probes. Somente se libran os que se poden redimir con cartos. O que non os ten para se manter, ten que ir a se desmellorar nas melloras, sen gañar un codelo. Os patróns teñen que presentar a lista dos que van e dos que non van a eses traballos; é dicir, teñen que denunciar aos que faltan. Doutro xeito non lle arreglan o rol para poder saír ao mar.
SUBSCRICIÓNS BAIXO COACCIÓN
Durante a guerra, foron frecuentes as recadacións de fondos para diferentes fins (para o exército, Falange e os seus servizos asistenciais etc.), que non eran a priori obrigatorias, pero podían tachar de disidente ao que non figurase nas listas convenientemente publicadas na prensa. Por exemplo, a celebración do denominado «día del plato único», que consistía na supresión dun prato da comida habitual dun día da semana e a entrega dos cartos á Sección Femenina de Falange, era entendida como unha proba de adhesión ao réxime. Así o demostra un bando no que se informa dunhas disposicións do alcalde de Sada, Toribio Pollán Nieto, nas que anima a veciñanza a colaborar con «esta noble empresa» e realiza a seguinte advertencia: «Lamentaría tener que incluir a ningún sadense en las listas negras que por orden del señor gobernador general se formarán con los malos patriotas que nieguen su concurso a esta obra tan humanitaria como patriótica»38.
Obviamente, a voluntariedade deste tipo de achegas era simbólica, e os fondos recadados bastante cuantiosos. Posteriormente, mesmo se establecería a imposición de multas para os veciños que debesen cotas do «plato único», segundo se dispoñía nun bando de alcaldía39. En xuño de 1937, o alcalde novamente convidaría os sadenses «a que acudan cuanto antes a la suscripción abierta» para «adquirir un ACORAZADO que sustituya al ESPAÑA», e advertía:
Que no quede un solo ciudadano del término municipal de Sada sin acudir con su aportación, por pequeña que sea, para tan simpático como bien ganado homenaje a nuestra Gloriosa Marina de Guerra, ya que, su negativa podría interpretarse como desafección al GLORIOSO MOVIMIENTO SALVADOR DE NUESTRA AMADA PATRIA.40
O veciño de Sada Jacinto Babío Andrade era obrigado a pagar 25 pesetas «por rechazar en forma grosera el emblema de Auxilio Social», outra ferramenta recadatoria, neste caso coa guerra xa concluída41.
As recadacións destinadas ao exército sublevado, encadradas dentro da denominada Suscripción Nacional, deberon ser importantes, segundo se deduce das listas de doazóns publicadas na prensa. Da súa análise pódese deducir axiña que non todos os doantes participaban por convicción ideolóxica, senón baixo coacción e na procura de evitar a acción represiva sobre eles mesmos ou sobre familiares. Debe ser o caso de Ceferina Pita, que realizaba un donativo en agosto mentres o seu fillo, o exalcalde republicano Antonio Fernández Pita, estaba sendo xulgado nun procedemento que o levaría ante un pelotón de fusilamento, como vimos. Ademais das achegas persoais, a Suscripción Nacional tamén se nutriu de descontos nas nóminas dos traballadores do sector público e de detraccións no ámbito da empresa privada. A flota de pesca de Sada, que constituía un dos principais sectores da economía local, entregou durante os anos da contenda o 1% das súas ganancias42.

Outro elemento que se observa das listaxes é a presenza de determinados estereotipos discursivos do réxime nas anotacións que se xuntaban ao donativo, nas que se establecía o motivo do mesmo ou a intención do doante. Podemos así ver como calaran xa nunha parte da sociedade unha serie de ideas e conceptos sobre os que se estaba a construír o corpus doutrinal dos sublevados. En primeiro lugar, destaca a gran cantidade de doantes que asinan como «un español», «una española», «una verdadera española que no da más porque no puede al querido Ejército!», «una familia muy española», «una patriota», «una entusiasta de España» ou fan alusións á unidade do estado, exclamando «por España», «¡Arriba España!», «¡Viva España!», «por nuestra madre España»… en contraposición sempre cun pasado recente que se identifica coa desintegración da nación e cun inimigo caracterizado como a «anti-España», o que non deixa de ser significativo, dado que durante os anos previos á guerra non se visibiliza en Sada ese españolismo exacerbado no discurso público. As alusións ao exército son tamén frecuentes, con sinaturas como «un niño, por los soldados», «una entusiasta del Ejército», «por el Ejército español»… Tamén hai varias doazóns en homenaxe a Calvo Sotelo, omnipresente no discurso do novo réxime, e outras achegas asinadas por «un simpatizante» ou «un contrario del Frente Popular», que perseguían o encadramento explícito dos doantes no bando reaccionario e, polo tanto, fronte ao adversario.
Ás subscricións mencionadas sumaríanse outras en paralelo, todas co obxecto de nutrir o exército sublevado ou os servizos postos en marcha polo partido único. Todas salvo unha: a Suscripción Pro-Pazo del Caudillo, que tiña por finalidade sufragar a adquisición e reforma do pazo de Meirás para a súa entrega a Franco como Xefe de Estado. O Gobernador Civil, en calidade de presidente da Junta Pro-Pazo, ordenaría aos concellos da provincia que recadasen unha cantidade estipulada, obrigando á veciñanza a contribuír. Sada, municipio no que se localiza o propio pazo, non ficaría á marxe. Outra carga máis que terían que soportar os seus habitantes.
* * *
En definitiva, a represión económica nas súas diversas modalidades, as incautacións de bens e as achegas coaccionadas, ferramentas todas para o financiamento dos rebeldes e o enriquecemento e promoción dalgúns individuos, axudaron á anulación do adversario e supuxeron unha pesada lousa para moitas familias nun contexto xa de por si dramático.
1 Vilar Rodríguez, M. (2004): «La ruptura posbélica a través del comportamiento de los salarios industriales: nueva evidencia cuantitativa (1908-1963)», Revista de Historia Industrial, nº 25.
2 El Ideal Gallego, 24/07/1942.
3 Id., 22/02/1944.
4 Id., 07/04/1937.
5 Id., 09/01/1940.
6 La Voz de Galicia, 13/09/1942.
7 El Compostelano, 05/02/1942.
8 Id., 15/04/1941.
9 El Ideal Gallego, 05/11/1942.
10 Id., 15/05/1940.
11 Id., 06/07/1942.
12 Id., 04/07/1942.
13 El Compostelano, 08/10/1941.
14 Arquivo do Tribunal Territorial IV, sumario nº 721.
15 El Compostelano, 10/12/1941.
16 La Voz de Galicia, 03/06/1943.
17 El Compostelano, 09/03/1942.
18 Babío Urkidi, C., Pérez Lorenzo, M. (2017): Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, Santiago de Compostela: Fundación Galiza Sempre.
19 Arquivo Histórico Municipal de Sada (AHMS), Goberno, Concello, Libros de Actas, 384.
20 El Ideal Gallego, 29/04/1937.
21 Gayoso Barreiro, M. (2008): 1928-2008. Sada y sus Contornos. 80 aniversario da escola, A Coruña: Deputación Provincial da Coruña.
22 La Voz de Galicia, 05/03/1940.
23 Pérez Lorenzo, M. e Babío Urkidi, C. (2022): Meirás, un pazo para el Caudillo, Vigo: Cumio.
24 Nova Galiza, 20/09/1937.
25 Arquivo do Reino de Galicia (ARG), Fondo Goberno Civil (FGC), Expedientes de asuntos económicos, G-3943.
26 La Voz de Galicia, 13/05/1938.
27 AHMS, Goberno, Alcaldía Maior-Ordinaria, Bandos, 1415.
28 Id.
29 La Voz de Galicia, 11/09/1936.
30 ARG, FGC, G-2934.
31 AHMS, Goberno, Concello, Libros de Actas, 384.
32 AHMS, Goberno, Concello, Libros de Actas, 384.
33 López Soto, A., Pérez Lorenzo, M. (2021): «Rafael Fernández Casas. Maxisterio e asesinato do mestre de Souto», Cadernos de Estudos Locais, Sada: AC Irmáns Suárez Picallo.
34 El Compostelano, 22/12/1938 e 23/12/1938.
35 El Compostelano, 03/10/1939.
36 El Compostelano, 09/07/1940.
37 El Compostelano, 30/09/1940.
38 AHMS, Goberno, Alcaldía Maior-Ordinaria, Bandos, 1415; e La Voz de Galicia, 18/11/1936.
39 AHMS, Goberno, Alcaldía Maior-Ordinaria, Bandos, 1415.
40 Id.
41 La Voz de Galicia, 06/12/1939.
42 El Ideal Gallego, 23/04/1938.