Por José Luis Meirás, correspondente en Buenos Aires
A artista, escritora e enfermeira galega Loli Beloso realizou no Museo Histórico e Centro Cultural “Abel Barragán” de Magdalena a presentación da colección que doará ao patrimonio cultural desta pequena cidade bonaerense. Trátase dun conxunto diverso e significativo, que inclúe xogos de té e café de distintas series de Porcelanas de Magdalena fabricados en Celtia S.A.; esculturas seriadas de Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane; pezas de O Castro e Sargadelos; rocas talladas, tecidos e xoias da súa autoría; así como diversos libros e documentos sobre os fundadores do Laboratorio de Formas de Galicia e a fábrica ceramista en Magdalena. Con esta doazón toma materialidade un traballo de rescate e investigación colectivo en relación co proxecto industrial e cultural que se dinamizou recentemente na comunidade de Magdalena e que constitúe un elo clave na modernidade cultural galega do posfranquismo. A mostra estará aberta ao público con visitas guiadas os sábados e domingos de setembro, entre as 18 e as 20 h.
Loli Beloso viaxou por terceira vez a Magdalena para realizar unha exhibición do seu traballo en xoiería e edicións en relación co legado de Carmen “Mimina” Arias de Castro e Isaac Díaz Pardo, fundadores nesta vila bonaerense da fábrica Celtia e dos cales foi amiga. Esa mostra, que se realizou entre o 16 e o 21 de agosto no salón de actos e exhibicións do Concejo Deliberante de Magdalena, reuniu unha serie de pezas de xoiería que a artista realiza a partir de pezas rotas de Porcelanas de Magdalena, así como diversas pezas e documentos alegóricos ao legado de Isaac e Mimina, aos que a artista expresa unha profunda devoción. As xoias de Loli, alén de tecer un legado e ponte cultural, tamén se realizan a beneficio da loita contra o cancro.
Logo de finalizada a exposición na sala do Concejo Deliberante, o día 22 de agosto, xustamente ao se cumprir un novo aniversario do nacemento de Díaz Pardo, Loli Beloso sorprendeu a público e funcionarios municipais co despregamento de pezas que alí non mostrara e que reservou para o momento de inaugurar a Sala Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias de Castro no Centro Cultural e Museo Histórico de Magdalena, algo que impulsou a poder de tesón, e que permite desde agora que o legado de Celtia en Magdalena teña tanxibilidade e deixe de ser soamente un conxunto de testemuños orais e imaxes rescatadas.
A doazón inclúe varios xogos exquisitos de té e café de Porcelanas de Magdalena; o “Gaucho” de Luís Seoane, unha das pezas fundamentais das experimentacións do Laboratorio de Formas en Magdalena, pero nunha produción seriada de Sargadelos; as “botellas antropomórficas” de Isaac Díaz Pardo, cuxas figuras ocas representaban campesiños galegos; un xogo de café ao estilo “Bauhaus” dedicado a Magdalena pero xa deseñado en Sargadelos por Isaac; debuxos; testemuños manuscritos; libros e catálogos sobre a obra de Díaz Pardo e Seoane; alén dun conxunto de pezas alegóricas, como xoias, tecidos ou pezas de pedra cos símbolos de Celtia e O Castro tallados.
Loli Beloso despregou no seu paso por Magdalena unha sorte de instalación emotiva, singular e notable de arte contemporánea. Moveu co seu impulso a xestión cultural oficial local e logrou por fin dotar a Magdalena dunha colección que materializa o rescate do proxecto cultural industrial modernista máis importante levado a cabo nesta pequena cidade bonaerense, alén de fotograma clave na recuperación da memoria cultural de Galicia na segunda metade do século XX.
A mostra estará aberta ao público a partir do sábado 10 de setembro, os sábados e domingos con visitas guiadas ás 18:00 h.
Ligazóns relacionadas:
https://informadormgd.com.ar/2020/07/30/homenajes-en-galicia-y-magdalena-al-fundador-de-celtia-y-porcelana-magdalena/
https://informadormgd.com.ar/2020/08/08/la-gente-de-magdalena-recupera-la-memoria-de-la-fabrica-celtia/
https://informadormgd.com.ar/2020/08/16/recordar-a-isaac-diaz-pardo-es-hacer-honor-a-un-capitulo-de-la-historia-de-magdalena/
https://informadormgd.com.ar/2020/10/12/diaz-pardo-lopez-de-ben-y-casado-son-ilustres-personalidades-culturales-de-magdalena/
https://informadormgd.com.ar/2020/12/22/un-mural-de-luis-seoane-realizado-en-magdalena-fue-adquirido-por-el-gobierno-de-galicia/
https://informadormgd.com.ar/2020/12/24/isaac-diaz-pardo-bajo-el-cielo-de-magdalena/
https://informadormgd.com.ar/2021/01/07/magdalena-homenajea-a-isaac-diaz-pardo-con-el-nombre-de-una-calle/
https://informadormgd.com.ar/2021/04/15/carmen-mimina-arias-de-castro-y-su-paso-por-magdalena-en-una-muestra-y-homenaje-en-galicia/