A exposición “Rostros da Memoria. Ferrol 1972” homenaxea en Fene os homes e as mulleres que arriscaron a vida para loitar contra a ditadura tras os crimes fascistas que orixinaron o Día da Clase Obreira Galega
A CORUÑA13/08/2022 01:25 FONTE: DIARIO PÚBLICO https://www.publico.es/culturas/xurxo-lobato-saca-calle-rostros-represaliadas-franquismo-ferrol.html#md=modulo-portada-fila-de-modulos:3×2-t1;mm=mobile-medium
O fotoxornalista galego Xurxo Lobato inaugura o vindeiro mércores en Fene (Ferrol) a exposición de rúa Rostros da memoria. Ferrol 1972 , un proxecto fotográfico e artístico destinado a homenaxear os homes e as mulleres que sufriron a represión do franquismo polas loitas obreiras de Ferrol en 1972 . “É o momento de cumprir coa débeda que temos os que hoxe gozamos de liberdade cos que loitaron por ela”, di o autor.
Hai cincuenta anos, o 10 de marzo de 1972, a policía franquista matou a tiros a Daniel Niebla e Amador Rey , dous traballadores dos estaleiros que se manifestaban xunto a milleiros de traballadores que protestaban polo despedimento de seis compañeiros da empresa nacional Bazán. O acto concitou as clases populares en toda Galicia e levantou unha vaga de protestas na cidade e en toda a Comunidade que puxo en xaque a ditadura, e que probablemente contribuíron a concienciar a cidadanía de todo o Estado sobre a necesidade de levar a protesta ás rúas para reivindicar os valores democráticos e republicanos. Dende entón, Galicia celebra cada 10M o Día da Clase Obreira.
Agora son as caras destas persoas as que Lobato saca á rúa: “A democracia ten unha débeda histórica con estas loitadoras e loitadores. Foron os protagonistas que axudaron a acabar coa ditadura”, di o autor.
Xurxo Lobato (A Coruña, 1956) é probablemente o fotoxornalista galego máis coñecido e recoñecido . Licenciado en Historia pola Universidade de Santiago, é membro da Academia Galega de Belas Artes, traballou en medios nacionais e internacionais como a Agencia Cover, Der Spiegel, Vogue, National Geographic , El País , Cambio 16 , El Mundo , La Vanguardia, El Periódico de Cataluña e La Voz de Galicia . Algunhas das súas fotos, como as dos desastres do Mar Exeo e do Prestige , convertéronse en verdadeiras iconas da historia de Galicia -a súa imaxe do afundimento do Prestige foi galardoada en 2003 co premio Ortega y Gasset-.
Para facer Rostros da memoria Lobato investigou ata dar con trinta dos protagonistas e activistas das loitas antifranquistas dos setenta, “persoas que viviron de primeira man os episodios de 1972” e ás que fotografou en branco e negro, cunha ollada “sobria, austera, minimalista e expresionista”, na procura dunha mensaxe con rostros e co paso do tempo “para expresar a dor lembrada pola represión”. “Son consciente de que hai máis, pero non foi posible atopalos. hai máis, pero non foi posible dar con elas. Son todas as que están pero non están todas as que son”, afirma.
A exposición está formada por dezaseis soportes autoportantes estruturados en catro cubos dispostos para ser expostos ao aire libre. Entre as persoas que aparecen neles figuran traballadores , sindicalistas, xuristas, profesores, escritores, xornalistas, intelectuais, amas de casa… Desde Suso Díaz, pai da vicepresidenta segunda e ministra de Traballo Yolanda Díaz, ata Francisco Rodríguez, exsecretario xeral da Unión do Pobo Galego e líder á sombra do BNG nos anos 90, pasando polo histórico sindicalista Rafael Pillado , o exsecretario xeral de CCOO Ignacio Fernández Toxo e personaxes históricos da loita pola democracia como Fina Varela, Irene Piñeiro, Manuela López García e Sara Alabau, entre outros.
A mostra, promovida pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ferrol co apoio das asociacións Fuco Buxán e Memoria Histórica Democrática , inaugúrase o 17 de agosto, día no que se conmemora o Día da Galiza Mártir en lembranza do asasinato de Alexandre Bóveda , un dos intelectuais máis influentes do nacionalismo galego e que foi tamén asasinado polos franquistas pouco despois do golpe de estado, no verán de 1936.
A exposición compleméntase con textos do manifesto da Asociación Fuco Buxán e da Asociación Memoria Democrática, así como con achegas de Lourenzo Fernández Prieto -catedrático da Universidade de Santiago e coordinador do proxecto Nomes, Voces e Lugares- e Ánxela Loureiro , escritora e unha das historiadoras que afondou na investigación dos feitos de 1972. Poderase visitar en Fene ata o 31 de agosto e despois viaxará por outras localidades de Ferrolterra: Cedeira, Ares, Cabanas, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda, Valdoviño…
O alcalde de Fene, Juventino Trigo (BNG) lembra que a súa vila “tamén foi escenario da represión fascista e franquista”, e apunta o caso do alcalde Ramón José Souto González , que “foi paseado un día antes de Bóveda xunto con outras 14 persoas” . “Son moitos máis os nomes e as voces da liberdade que foron silenciadas naquel momento ou reprimidas durante a longa noite de pedra que volvería manchar de sangue as rúas en 1972 cos asasinatos de Amador e Daniel. Calquera homenaxe que se lles faga é pouca, e o máis importante é manter viva a historia e a memoria para que o pasado non se repita”.
Mais información en https://fene.gal/portal-cidadan/noticia/gl/6908