Unha carta de Ramón Suárez Picallo a Eduardo Blanco Amor. Rescatamos este interesante documento con motivo da conmemoración do Día da Galiza Mártir. Súarez Picallo describía a situación que se vivía na Galiza de 1936 tomada polo fascismo, que reproducimos a continuación:
“Meu querido Eduardo:
Perdoa que non che escribise antes. Desde que saín de Madrid -10 de novembro- pouco tempo tiven dispoñible. Percorrín as frontes de Aragón e estiven en Valencia e Cartagena, traballando no que se me encomendou. E visitando os galegos, que os hai en todas partes, especialmente aquí [en Barcelona]; pois só gardas de asalto son uns 400. Escríboche hoxe coa alma desfeita, ao ter a confirmación do asasinato do meu irmán Antón. “El Socialista” reproduciu -cun férvido eloxio para a vosa magnífica campaña- a lista de asasinatos galegos no mes de agosto.
Mais eu aínda mantiña a ilusión de que o meu irmán estivese vivo. Hoxe xa non me cabe dúbida. O noso Antón, o meu gran camarada, o meu insubstituble auxiliar, o meu mellor amigo e o meu animador infatigable, foi asasinado por aqueles chacales a culatazos, e destrozada a súa cabeza do mesmo xeito. Aquela cabeza repleta de ideas xenerosas, de nobres pensamentos, de ilusións dun futuro ventureiro para a nosa patria, foi destrozada polos asasinos de Galiza e de España. E para maior dor, o meu outro irmán, o pequeno, vén de ser mobilizado para que loite na fronte en favor dos asasinos do seu propio irmán.
En Galiza segue a racha de asasinatos brutais. Non se ven fartos de sangue. Na miña pequena Sada xa van 27. Na Coruña, 1600 e en Ferrol uns 6000. Igualmente e en diferente proporción, en todas as provincias. O 20 de decembro fusilaron perto de 500 a raíz dunha tentativa de sublevación que abarcaba Coruña, Ferrol e Betanzos. A Nosa Terra Mártir queda varrida de republicanos de todo matiz e de obreiros militantes. Galiza non ten xa máis homes liberais que os emigrados de América e os da zona leal. A eles toca pensar no futuro da nosa terra. Cando gañemos a guerra -que a gañaremos irremisiblemente!- hai que construír de novo Galiza. E nesta tarefa, os emigrados debedes ser os primeiros. Pensaredes nisto? Nós, se vivimos, aportaremos canto estamos a ver en Cataluña, Pais Basco e Valencia. Mais nós temos enriba das nosas almas tanta amargura, tanta tristura, tanta dor, que quedaremos inútiles todos os días das nosas vidas para todo o que sexa acción creadora. Apenas nos quedaran enerxías, e esas empregarémolas todas na vinganza.
Pensade nisto. Por riba de todo imponse a unión máis estreita entre todos os sectores antifascistas dos nosos emigrados, prescindindo de todo canto sexa motivo de discordia. Só sobre esta base se salvará Galiza. Salvarana os seus fillos emigrados. Esa enorme reserva física e espiritual de que Galiza dispón como ningún outro País, fóra das súas fronteiras, é hoxe a nosa única grande esperanza.
Neste período foi tamén fusilado o deputado Miñones, o teu grande amigo. Todos morreron valorosamente, dando vivas á República e ao Frente Popular. Tanto que os verdugos estaban asombrados da coraxe das súas vítimas. O xefe dos fascistas ferroláns, Suances, e o da Coruña, Vallés, recorreron ás máis inconfesabeis torturas “para hacer llorar a los rojos”. Non o acadaron nin o acadan cos infelices que teñen no seu poder e que non tiveron a sorte de morrer. Xa chorarán eles, miserábeis!